Amosando publicacións coa etiqueta teatro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta teatro. Amosar todas as publicacións

sábado, 30 de maio de 2026

O club de lectura sobe ao escenario

O club de lectura puxo o broche final ás súas actividades cunha proposta moi especial: converter os libros en teatro.

Despois de semanas compartindo lecturas e descubrindo diferentes obras teatrais, o alumnado participante preparou a representación dalgúns capítulos e escenas dos libros lidos. Ademais de practicar a lectura expresiva, tiveron que traballar a interpretación, a expresión corporal e o traballo en equipo para dar vida aos personaxes.

A actividade encheu a biblioteca de emoción, creatividade e moitas ganas de actuar. Cada grupo achegou a súa propia visión das historias, facendo que as escenas resultasen divertidas, emocionantes e moi orixinais.

Con esta experiencia, o alumnado puido comprobar que ler teatro tamén é unha maneira fantástica de vivir os libros desde dentro, entendendo mellor os personaxes e gozando da lectura dun xeito diferente e participativo.

Parabéns a todos e todas polo excelente traballo realizado e por facer deste final de club de lectura unha celebración tan especial da lectura e do teatro.




mércores, 6 de maio de 2026

A biblio invítavos ao teatro en familia!

Queridas familias, 

Como actividade do programa Lectura e Familias, o XOVES 21 de maio ás 18:00 poderemos gozar dun espectáculo teatral no centro cultural Natutilos de San Andrés de Comesaña. 

A actividade é para asistir e gozar en familia: as crianzas deberán ir acompañadas de pais, nais, avós, avoas...

Esperámosvos! 



xoves, 30 de abril de 2026

Sant Jordi cobra vida na nosa biblio

Na biblioteca escolar vivimos unha xornada moi especial arredor da lenda de Sant Jordi. 

Despois de coñecer e ler esta fermosa historia tradicional, o alumnado de 4º púxose mans á obra para dar vida aos personaxes creando os seus propios monicreques.

Coas súas creacións prepararon pequenas representacións da lenda, converténdose en auténticos actores e actrices por un día.

O máis divertido foi comprobar como, en ocasións, a historia cambiaba o seu rumbo: algúns grupos decidiron modificar o final da lenda, ofrecendo versións sorprendentes, divertidas e moi orixinais. Houbo dragóns amigables, princesas valentes e finais cheos de humor e amizade.

Compartimos aquí os vídeos das representacións para que poidades gozar do gran traballo realizado polo alumnado.

Parabéns a todos e todas pola vosa creatividade, ilusión e excelente traballo en equipo!















luns, 27 de abril de 2026

Teatro no noso club de lectura!

No noso club de lectura estamos a vivir unha experiencia moi especial: achegámonos ao xénero teatral!

A diferenza doutros libros que lemos anteriormente, o teatro invítanos a mergullarnos nas historias dunha maneira máis activa e participativa. Un dos aspectos que máis estamos a gozar é a posibilidade de facer lecturas dramatizadas. Ao repartir os personaxes e ler en voz alta, convertémonos por un intre en actores e actrices, dando vida aos diálogos e ás emocións da obra. Isto axúdanos non só a comprender mellor o texto, senón tamén a sentir con máis intensidade o que lles acontece aos personaxes.

As risas, os momentos máis intensos e mesmo os pequenos erros forman parte dunha aprendizaxe compartida que nos une como grupo.

En definitiva, ler teatro no club de lectura está a ser unha experiencia moi enriquecedora e divertida, que nos permite descubrir a literatura desde outra perspectiva moito máis viva e creativa.









venres, 24 de abril de 2026

Celebramos o Día do Libro coa lenda de Sant Jordi

Este ano, con motivo do Día do Libro, na nosa biblioteca mergullámonos nunha das historias máis coñecidas da tradición europea: a lenda de Sant Jordi.

Para achegarnos a ela dun xeito especial, escollemos o álbum “¡Qué historia tan bestia, minimoni!” de Rocío Bonilla. Un conto que recupera esta historia clásica pero engadindo unha mirada actual e crítica. A través das súas páxinas, non só coñecemos a historia do cabaleiro, o dragón e a princesa, senón que tamén reflexionamos sobre cuestións moi interesantes:
> As princesas necesitan ser salvadas?
> Por que cambian os contos co paso do tempo?
> Existen versións máis modernas das historias tradicionais?


Contamos, escoitamos e dramatizamos!

A lectura do conto foi acompañada dun elemento moi especial: os títeres. Grazas a eles, o alumnado non só escoitou a historia, senón que tamén a viviu, a interpretou e a fixo súa.

A dramatización converteu a biblioteca nun pequeno escenario onde apareceron dragóns, cabaleiros, reis e princesas.


"Viaxamos" a Barcelona e investigamos dragóns… 🐉

O alumnado máis maior foi máis alá e investigou sobre a lenda. Descubriron que os dragóns non só viven nos contos: tamén están presentes na arte e na arquitectura.

Fixeron un pequeno “tour virtual” por Barcelona, a cidade de Gaudí, que resultou ser unha cidade chea de dragóns, especialmente en edificios modernistas. Alí atoparon dragóns en fachadas, esculturas e mesmo en elementos decorativos moi sorprendentes .

Aquí podedes ver o vídeo que inspirou a súa investigación:
https://www.youtube.com/watch?v=bziGFzi8tVY

Despois de investigar e observar, chegou o momento de crear. Cada alumno e alumna deseñou o seu propio dragón, deixando voar a imaxinación: dragóns feroces, simpáticos, coloridos… e mesmo algún moi pouco perigoso!



Unha historia que segue viva

Esta actividade permitiunos comprobar que as historias tradicionais non son algo do pasado, senón que seguen vivas e evolucionan con nós. Podemos lelas, interpretalas… e tamén cuestionalas.


Porque ler tamén é pensar, imaxinar e crear novas versións do mundo.



Feliz Día do Libro!


luns, 9 de xuño de 2025

ATA O PRÓXIMO ANO, LECTOESTRELAS!

Que momentos nos deron as LECTOESTRELAS! 

As xuntanzas arredor dos libros trouxeron consigo debates, xincanas, manualidades, risas, teatro e incluso unha cápsula do tempo!

Aquí deixamos unha pequena mostra de como clausuramos o club ata o ano que vén! Fixemos unha lectura dramatizada das dúas obras de teatro lidas: WOMBO COMBO e As terapias da Doutura Ledicia e enterramos a nosa cápsula de tempo feita tras a lectura de O enigma de Sempreviva.

As Estrelas da Lectura ben sabemos que os libros dan para moito e unha vez que te mergullas nas súas páxinas pode acontecer de todo!




venres, 23 de maio de 2025

Historias en familia... O libro máxico!

 

Sabemos que mergullarse nun bo libro é fascinante, pero... se resulta que ese libro é máxico e entras a formar parte da historia? Iso é o que aconteceu hoxe no Centro Nautilus de San Andrés de Comesaña. 


Nais e pais, tías e tíos, avós e avoas, primos e primas, amigos e amigas, veciños e veciñas, mestras, alumnos e alumnas... todos xuntos gozamos e rimos mentres xogabamos ao teatro coa obra "O libro máxico" de Migallas teatro.



Grazas a todas as familias por achegarvos e participar! E lembrade... isto de compartir lecturas, non remata nunca!

Ata a próxima!



sábado, 27 de maio de 2023

OS TRES PORQUIÑOS EN TEATRO

 Lois e Beltrán, de 4 anos, improvisaron no teatriño da aula unha versión moi particular do conto Os tres porquiños, un dos seus favoritos durante todo o curso. Coa dramatización e o xogo tamén traballamos o gusto pola lectura.  Non foron os únicos en atreverse. Enseguidiña subiremos outra peza "especial" creada por outros dous cativos da aula.



sábado, 6 de maio de 2023

TEATRO EN INFANTIL

 Como adoitabamos facer antes da pandemia, este xoves tódolos cativos de infantil fomos ao teatro da fundación a gozar coa maxia do teatro. Feo foi a obra coa que nos agasallou un único actor que fixo desfilar diante nosa unha morea de parrulos para contarnos unha particular interpretación do conto clásico O parrulo feo. Con ela aprendemos a importancia da diversidade. Foi unha interpretación un chisquiño dificil para nós, pero fomos quen de gozar coa atmosfera de cores, luces e efectos especiais que nos chegaban dende o escenario. Abofé que, malia dificultade da historia, pagou a pena a viaxe! Dende agora non quereremos só parrulos amarelos, senón de tódalas cores!











martes, 14 de marzo de 2023

CÍCLOPE

Este martes, día 14 de marzo, as nenas e nenos do colexio fomos a unha obra de teatro chamada “Cíclope” na sede de Afundación en Vigo. Ía sobre a viaxe de fin de curso dun grupo de rapaces dun instituto, así como das súas ideas para conseguir diñeiro para tal fin.

Nela pudimos comprobar a importancia de facer unha boa xestión das finanzas persoais, e tamén o valor de prever as consecuencias que os nosos actos poden ter na nosa vida e na das persoas que temos ao noso arredor.

Deixamos algunhas fotos deste día tan diferente...

luns, 13 de marzo de 2023

NAUTILUS. 20000 LEGUAS DE VIAJE SUBMARINO

O xoves, día 9 de marzo, as nenas e nenos de 3º e 4º da escola fixemos unha saída ao teatro de Afundación en Vigo para ver a obra Nautilus 20000 leguas de viaje submarino. Resultou unha proposta orixinal baseada na clásica novela de aventuras de Julio Verne, cunha lectura comprometida e preocupada pola conservación dos océanos e do noso planeta.


sábado, 12 de febreiro de 2022

TEATRO EN INGLÉS

 O pasado xoves tivemos a sorte de ir ao teatro. Non tivemos que nos mover do cole, pero atoparnos de novo coa experiencia teatral, tan esquecida durante a pandemia, xa foi todo un cambio. Algúns estrenábanse nestes acontecementos e a emoción notábase moito. 

En dúas quendas dende infantil a 2º de primaria e desde 3º a 6º asistimos a representación de cadansúa obra de teatro en inglés. Wilbur’s Adventure para os máis pequenos e Three Eggs, Two Birds and a King para os maiores . Foron os actores da compañía On Stage Company quen coa mediación de Afundación trouxeron as súas dúas obras ao noso cole.

Aquí podedes ver o que todos gozamos e, por se tiñabades algunha dúbida, fomos quen de seguir e entender perfectamente as historias que nos contaron!.

INFANTIL 1º E 2º





3º, 4º, 5º E 6º




luns, 3 de xuño de 2019

TEATRO LUNÁTICO NO FESTIVAL

O festival sempre é un bo momento para que as aulas dos maiores nos agasallen a todos, alumnos e familias, co seu bo facer no teatro. Este ano non ia ser menos e enseguidiña puxéronse mans á obra para representar dous contiños. 
A que sabe a lúa e Paco foron os elexidos, dous contos nos que a lúa é  protagonista; igual que o é este ano no que como todos sabedes tamén está de aniversario.
O primeiro foi desfrutar do teatro de sombras. Foron os nenos e nenas de 6º os encargados de mover os fíos da historia de "A que sabe a lúa".
Despois chegou a quenda dos nenos e nenas de 5ºA quen contaron o conto "Paco" coa técnica de teatro negro. Fixérono moi ben todos e nós gozamos moito coas súas historias.

Kalandraka: Detalle










luns, 20 de maio de 2019

TEATRO EN GALEGO NO MES DAS LETRAS

No mes das Letras Galegas desfrutamos no noso cole de teatro en galego. En dous pases dende infantil ata 3º de Primaria pasamos un tempiño moi bó coas actrices da compañía de teatro Lohengrin que ten o seu local moi pretiño de nós. A obra "A mirada das bolboretas" dirixida por Pablo Iriarte encheu de diversión a mañá do luns.

















venres, 22 de xuño de 2018

TEATRO NEGRO NO FESTIVAL

Tamén no festival tivera lugar unha representación teatral exclusiva para as familias  coa técnica do Teatro Negro. Os nenos de 6º de Primaria representaron a obra LICA de Beatriz Fraga.. 

euseino.org | Libros e anotacións sobre literatura e filosofía

Uns días despois os nenos e nenas de todo o cole puidemos tamén desfrutar da posta en escea, na que tivemos a sorte de coñecer a autora do libro .
Un maravilloso e atrainte conto e unha estupenda representación.


TEATRO LETRAS GALEGAS: A FESTA NO FAIADO E ACTUACIÓN DE 4º A

Despois dun luns adicado ao Kamishibai, a cita o martes era no ximnasio. Os actores de 2º de Primaria e 4ºA precisaban  máis sitio para a súa actuación.
Primeiro foi a quenda  dos nenos e nenas de 2º. Representaron A festa no faiado de María Victoria Moreno.



Despois foi a quenda de 4º A cunha simpática obra desenvolvida nunha consulta. Esta obra xa fora representada no festival de primaria o pasado 1 de xuño. Daquela os pequenos de infantil e 1º e 2º de primaria non a puideran desfrutar. Menos mal que fixeron este pase para eles!

domingo, 22 de abril de 2018

MES DOS LIBROS: TEATRO DE SOMBRAS NA BIBLIO

Este pasado martes 17 de Abril, xa celebrando o mes dos libros, tivemos o pracer de acoller na nosa biblioteca un teatro de sombras moi especial. A compañía "Os asomados" do cole San Rafael fixo dous estupendos pases do conto "O monstro de cores" coa  técnica de  sombras. Fixérono moi  moi ben e puidemos desfrutar moito coa súa montaxe. Non importou que case todos xa coñecesemos o  conto, especialmente os máis pequenos. Durante o tempo que durou a representación ninguén pestanexou!!... é un conto moi especial para todos.
Ademáis despois  puidemos coñecer a tódolos compoñentes do grupo e falar con eles. Tamén puidemos meternos entre "bambalinas" e coñecer o traballo que desenvolveron para poder contarnos o conto dese xeito tan especial.
Foi un pracer, coma sempre é o teatro ben feito, e xa estamos a desexar que volvan coa súa próxima montaxe.






luns, 12 de xuño de 2017

TEATRO NO FESTIVAL

Aínda que moitos vivistes en directo a estrea das nosas adaptacións das obras de Carlos Casares, non puideramos ata agora dar conta delo aos que non nos acompañastes no festival. Aquí tedes algunhas fotos das dúas representacións. Os nenos e nenas de todo o cole tivemos uns pases especiais para desfrutar co bo facer dos nosos compañeiros.

5º de Primaria representou a obra O principiño dirixidos pola profe Rosa e coa adaptación dun antigo alumno do centro. Fixérono moi ben.!

4º de primaria atreveuse co teatro negro, representando con esta técnica "A galiña azul". Fixeron as figuras e coordináronse moi ben na representación.
Noraboa a todos!

venres, 10 de xuño de 2016

TEATRO NO CENTRO CULTURAL NAUTILIUS.SANTO ANDRÉ DE COMESAÑA

Ao longo de tres pases o 1, 2 e 7 de xuño, os alumnos/as de Primaria foron invitados á representación da obra "O conto da Azuzaina", onde José Carlos, Herminio e Fran crean un espectáculo familiar que integra música en directo, malabares e outros recursos para tratar a temática da diversidade familiar.
   Todo comeza na imprenta de Azuzaina, onde chega un encargo urxente; "O libro das familias".
Os traballadores terán que facer un grande esforzo utilizando divertidas e aloucadas estratexias para completar o traballo a tempo.
Foi unha representación  sen palabras que grandes e pequenos disfrutaron.
  .



mércores, 10 de xuño de 2015

...E Á DE TRES.

A terceira representación foi con luz e actores. O conto escollido A NENA Á QUE NON DEIXABAN SER FELIZ do autor Miguel  Ángel Alonso Diz.


Os nenos e nenas de 5º de Primaria representaron este conto cunha forte carga emocional invitándonos a reflexionar sobre como a sociedade pon o foco nas cousas que nos impiden ser verdadeiramente felices e sobre o exceso de control sobre as nosas vidas.
Tivemos a sorte de contar entre os espectadores co autor do conto, quen xa este curso e os pasados estivera con nós achegándonos as súas historias.