luns, 22 de xuño de 2026

MUSEO-EXPOSICIÓN DE GAUDÍ

Nos últimos días de curso, o noso centro transformouse nun auténtico museo aberto ás familias. A través dun percorrido polos diferentes espazos do colexio, os visitantes puideron descubrir unha mostra de todo o traballo realizado polo alumnado ao longo deste ano arredor do noso Proxecto Documental Integrado (PDI), dedicado á figura de Antoni Gaudí.

A exposición recolleu unha gran variedade de producións elaboradas polo alumnado: investigacións, textos descritivos, poemas e contos inspirados na vida e na obra deste singular arquitecto. Ademais, puidéronse contemplar numerosos traballos plásticos nos que os nenos e nenas reproduciron algunhas das súas obras máis coñecidas, explorando técnicas, formas e cores características do seu estilo.

Un dos espazos máis destacados foi o dedicado aos deseños e construcións creados polo propio alumnado, que deu renda solta á súa imaxinación para deseñar e construír edificios inspirados no universo gaudiniano, converténdose por un día en pequenos arquitectos e arquitectas.

Foi unha magnífica oportunidade para compartir coas familias todo o aprendido durante o curso e poñer en valor o esforzo, a creatividade e a ilusión que acompañaron este proxecto. Grazas a todas as persoas que nos visitaron e fixeron deste museo escolar unha experiencia tan especial. ✨🏛️🎨📚



domingo, 21 de xuño de 2026

APADRIÑAMENTO LECTOR

Unha das nosas actividades preferidas é o APADRIÑAMENTO LECTOR! Encántanos apadriñar ou ser apadrinados polos nosos compañeiros e compañeiras e descubrir xuntos lecturas.

Ademais, os maiores do cole toman a actividade con moita paixón e prepatan monicreques para acompañar a lectura, marcapáxinas ou postais para agasallar...

E, para guinda do pastel, o noso patio-xardín e un día de sol!









mércores, 17 de xuño de 2026

TECENDO BENESTAR NO PATIO DO COLEXIO

O pasado 12 de xuño, coincidindo co Día Mundial de Tecer en Público, os alumnos e alumnas do obradoiro de gancho celebrárono tecendo no patio do colexio durante o recreo.


           
              

Permitiulles compartir coa comunidade educativa unha afección que, ademais de fomentar a creatividade e a concentración, contribúe ao seu benestar emocional. A través do gancho, o alumnado aprende a relaxarse, desenvolver a paciencia e gozar dun espazo de calma e convivencia.

     

Esta experiencia deu visibilidade ao traballo realizado ao longo do curso e aos beneficios do obradoiro de gancho para o desenvolvemento persoal do noso alumnado.


   


martes, 2 de xuño de 2026

DESCUBRÍNDONOS MÁIS ALÁ DAS ETIQUETAS

 

Na biblioteca realizamos unha actividade moi especial a partir da lectura do conto ¡FUERA ETIQUETAS!

 

A través desta historia reflexionamos sobre como, ás veces, utilizamos unha soa palabra para definir as persoas sen ter en conta todo o que as fai únicas. Despois da lectura, mantivemos unha conversa na que os nenos e nenas de 3º de primaria compartiron as súas ideas sobre a importancia de non poñer etiquetas aos demais. Entre todos e todas chegamos a unha conclusión moi importante: só cada persoa pode falar de si mesma e explicar quen é realmente. Ninguén pode definirse cunha única palabra, porque todos temos moitas calidades, intereses, emocións e formas de ser que nos fan especiais.

 

A continuación, cada alumno e alumna realizou un autorretrato e acompañouno con palabras positivas que falan de si mesmo: os seus gustos, as súas fortalezas, as súas habilidades e aquelas características da súa personalidade das que se sente orgulloso. Foi unha actividade de reflexión e autoestima que lles permitiu valorarse e recoñecer todo o bo que hai en cada un deles.

  

 Para rematar, organizamos unha exposición oral na aula. Cada neno e nena presentou o seu autorretrato aos compañeiros e compañeiras, explicando as palabras que elixira para describirse e compartindo aspectos importantes da súa forma de ser. Esta posta en común axudounos a coñecernos mellor, a escoitar con respecto e a descubrir a riqueza e diversidade que existe dentro do noso grupo.

 

    

   

 Foi unha experiencia moi enriquecedora que nos axudou a fomentar a autoestima, o respecto, a empatía e a valoración das diferenzas, lembrándonos que cada persoa é única e que somos moito máis que calquera etiqueta.