luns, 27 de abril de 2026

Maleta da Saúde cunha lectura en Infantil

O alumnado de infantil está a vivir unha experiencia chea de descubrimentos arredor da saúde grazas a unha auténtica maleta de proxecto.

Cada vez que abrimos a maleta aparecen novos elementos que nos fan aprender e reflexionar sobre o coidado do noso corpo, os hábitos saudables e a importancia de sentirnos ben. A curiosidade está moi presente en cada sesión, e as ganas de participar non deixan de medrar.

E como non podía ser doutra forma… dentro da maleta tamén hai un libro! Trátase de “El botiquín de la doctora Nora”, un conto co que gozamos moitísimo. A través desta historia, acompañados polo profe Martín, fomos coñecendo mellor como coidarnos e que podemos facer cando non nos atopamos ben.

Entre contos, xogos e pequenas investigacións, estamos aprendendo un montón. Sen dúbida, esta maleta está chea de maxia… e de moi bos hábitos! 






Teatro no noso club de lectura!

No noso club de lectura estamos a vivir unha experiencia moi especial: achegámonos ao xénero teatral!

A diferenza doutros libros que lemos anteriormente, o teatro invítanos a mergullarnos nas historias dunha maneira máis activa e participativa. Un dos aspectos que máis estamos a gozar é a posibilidade de facer lecturas dramatizadas. Ao repartir os personaxes e ler en voz alta, convertémonos por un intre en actores e actrices, dando vida aos diálogos e ás emocións da obra. Isto axúdanos non só a comprender mellor o texto, senón tamén a sentir con máis intensidade o que lles acontece aos personaxes.

As risas, os momentos máis intensos e mesmo os pequenos erros forman parte dunha aprendizaxe compartida que nos une como grupo.

En definitiva, ler teatro no club de lectura está a ser unha experiencia moi enriquecedora e divertida, que nos permite descubrir a literatura desde outra perspectiva moito máis viva e creativa.









venres, 24 de abril de 2026

Celebramos o Día do Libro coa lenda de Sant Jordi

Este ano, con motivo do Día do Libro, na nosa biblioteca mergullámonos nunha das historias máis coñecidas da tradición europea: a lenda de Sant Jordi.

Para achegarnos a ela dun xeito especial, escollemos o álbum “¡Qué historia tan bestia, minimoni!” de Rocío Bonilla. Un conto que recupera esta historia clásica pero engadindo unha mirada actual e crítica. A través das súas páxinas, non só coñecemos a historia do cabaleiro, o dragón e a princesa, senón que tamén reflexionamos sobre cuestións moi interesantes:
> As princesas necesitan ser salvadas?
> Por que cambian os contos co paso do tempo?
> Existen versións máis modernas das historias tradicionais?


Contamos, escoitamos e dramatizamos!

A lectura do conto foi acompañada dun elemento moi especial: os títeres. Grazas a eles, o alumnado non só escoitou a historia, senón que tamén a viviu, a interpretou e a fixo súa.

A dramatización converteu a biblioteca nun pequeno escenario onde apareceron dragóns, cabaleiros, reis e princesas.


"Viaxamos" a Barcelona e investigamos dragóns… 🐉

O alumnado máis maior foi máis alá e investigou sobre a lenda. Descubriron que os dragóns non só viven nos contos: tamén están presentes na arte e na arquitectura.

Fixeron un pequeno “tour virtual” por Barcelona, a cidade de Gaudí, que resultou ser unha cidade chea de dragóns, especialmente en edificios modernistas. Alí atoparon dragóns en fachadas, esculturas e mesmo en elementos decorativos moi sorprendentes .

Aquí podedes ver o vídeo que inspirou a súa investigación:
https://www.youtube.com/watch?v=bziGFzi8tVY

Despois de investigar e observar, chegou o momento de crear. Cada alumno e alumna deseñou o seu propio dragón, deixando voar a imaxinación: dragóns feroces, simpáticos, coloridos… e mesmo algún moi pouco perigoso!



Unha historia que segue viva

Esta actividade permitiunos comprobar que as historias tradicionais non son algo do pasado, senón que seguen vivas e evolucionan con nós. Podemos lelas, interpretalas… e tamén cuestionalas.


Porque ler tamén é pensar, imaxinar e crear novas versións do mundo.



Feliz Día do Libro!