Amosando publicacións coa etiqueta lectura e familias. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta lectura e familias. Amosar todas as publicacións

mércores, 17 de xuño de 2026

Contacontos: Escola de dragóns

Hai tardes que quedan gardadas na memoria porque nos permiten compartir tempo e emocións coas persoas que máis queremos. Nesta nova edición das Tardes de Contacontos en Familia deixámonos inspirar pola historia de Escola de dragóns da man de Donde viven los cuentos.

Queremos agradecer a todas as familias que nos acompañastes unha vez máis. A vosa participación, ilusión e entrega son as que fan posible que cada Tarde de Contactontos se converta nun espazo de encontro, descubrimento e lembranzas compartidas.

Agardamos que estas imaxes vos fagan revivir un anaquiño da aventura e que vos animen a seguir adestrando dragóns... e, sobre todo, a seguir coidando eses vínculos que nos axudan a voar cada día un pouco máis alto.






sábado, 30 de maio de 2026

Nova invitación! Contacontos en familia!

 


O próximo venres 5 temos unha nova cita lectora no Centro Cultural Nautilus de San Andrés de Comesaña!

Desta vez, dende Donde viven los Cuentos chega un contacontos para gozar en familia.

Agardamos por vós!



venres, 22 de maio de 2026

Contos de ratos en familia!

O pasado xoves gozamos dunha tarde moi divertida grazas aos Ratos de Lonxedetodo da compañía Trinketrinke teatro.



Un rato de biblioteca achegouse ata o Centro Cultural Nautilus e narrou dun xeito moi especial 3 fermosos contos de ratos. 

Con música, palmas e xogos de palabras, grandes e pequenos fomos participando na sesión.

Sen dúbida foi unha tarde moi divertida na que lemos doutra forma. 

Grazas a todos por participar nestas iniciativas de Lectura e Familia!

Ata a próxima!






mércores, 6 de maio de 2026

A biblio invítavos ao teatro en familia!

Queridas familias, 

Como actividade do programa Lectura e Familias, o XOVES 21 de maio ás 18:00 poderemos gozar dun espectáculo teatral no centro cultural Natutilos de San Andrés de Comesaña. 

A actividade é para asistir e gozar en familia: as crianzas deberán ir acompañadas de pais, nais, avós, avoas...

Esperámosvos! 



venres, 23 de maio de 2025

Historias en familia... O libro máxico!

 

Sabemos que mergullarse nun bo libro é fascinante, pero... se resulta que ese libro é máxico e entras a formar parte da historia? Iso é o que aconteceu hoxe no Centro Nautilus de San Andrés de Comesaña. 


Nais e pais, tías e tíos, avós e avoas, primos e primas, amigos e amigas, veciños e veciñas, mestras, alumnos e alumnas... todos xuntos gozamos e rimos mentres xogabamos ao teatro coa obra "O libro máxico" de Migallas teatro.



Grazas a todas as familias por achegarvos e participar! E lembrade... isto de compartir lecturas, non remata nunca!

Ata a próxima!



sábado, 17 de maio de 2025

MES DO LIBRO en FAMILIA

 

Este ano, quixemos celebrar o Mes do Libro en FAMILIA. Durante o mes de abril, e parte de maio, fixemos un especial Lecturas en Familia. Con esta iniciativa, foron pasando polo cole e pola biblio nais, pais e irmás maiores para compartir un ratiño moi especial arredor dos libros. 

As familias do Párroco son estupendas e tivemos moitos voluntarios que se animaron a ler e teatralizar os contos e libros favoritos de cada casa. Dende os máis pequenos ata os maiores do cole gozamos destes encontros. Nunca somos demasiado maiores para que nos lean!

Moitas grazas por vir!











mércores, 7 de maio de 2025

IMOS AO TEATRO EN FAMILIA!

 

Como actividade final do programa LECTURAS E FAMILIAS, o VENRES 23 DE MAIO ás 18:00, no centro cultural Nautilus de San Andrés de Comesaña, poderemos gozar da obra de teatro "O libro máxico" da compañía Migallas.


A actividade é para estar en familia: os nenos e nenas deberán ir acompañados de pais, nais, avós, avoas... Seguro que todos gozamos desta obra de teatro, maiores e pequenos!


Compartimos a ligazón para anotarse: https://forms.gle/yJdfWAf5gApkMcbt7


Esperámosvos!




venres, 21 de marzo de 2025

Formación de familias sobre LECTURA

Esta tarde, na biblioteca do noso cole, nais, pais e mestras compartiron un ratiño con Carla Muñoz, licenciada en Biblioteconomia e Documentación e especializada en literatura infantil e promoción da lectura.

A sesión de hoxe lembrounos o impacto da lectura, pero, sobre todo, a importancia de crear un vínculo cos libros e coa lectura. É dicir, promover dende ben pequenos o amor polos libros e polas historias, sempre dende o pracer. 

Non hai unha única fórmula máxica para criar nenas e nenos lectores, pero seguro que os consellos desta experta nos axudan: espazos adicados á lectura, tempo adicado á lectura compartida, moitas posibilidades diferentes...

Esperamos que esta sesión fora de proveito!




sábado, 15 de marzo de 2025

FORMACIÓN PARA FAMILIAS: LECTURA NO FOGAR

Como xa sabedes, a biblioteca do noso cole participa no programa LECTURA E FAMILIAS. Ademais da realización de actividades en familia, tamén forma do programa a formación de familias para o fomento da lectura dende o fogar. Con este obxectivo, o próximo VENRES 21 DE MARZO de 16:30 ata 18:30, acode á biblioteca do noso centro, Carla Muñoz, licenciada en Biblioteconomia e Documentación e especializada en literatura infantil e promoción da lectura, para impartir un curso vivencial no que se tratará a lectura no fogar na etapa de infantil e primaria.


A actividade é exclusiva para adultos. Os peques, nesta ocasión, deberán quedar na casa. 
Se hai algunha familia que acoda a formación e teña ao fill@(s) en actividades extraescolares ese día, poderá solicitar a garda e coidado ata o remate da formación con previo aviso a través do formulario de inscrición. Unha mestra fará garda ata o remate do curso.


Compartimos a ligazón para anotarse: https://forms.gle/ZDxVHjLRoUraHCAP9 




sábado, 8 de marzo de 2025

ESCOITAMOS A CHARO PITA EN FAMILIA!

A tarde de onte no Centro Cultural de San Andrés foi moi especial. Xuntas, escola e familia, gozamos da narración oral de Charo Pita. Sen dúbida, este forma parte dos momentos especiais que queremos que viva toda a nosa Comunidade Educativa.

Adiviñas, contos cantados, historias de medo... hai moitísimos recursos nos libros e na nosa imaxinación! Agora tócanos seguir "xogando cos libros" na casa.

Grazas a todas as familias por estar! Vémonos na próxima!






mércores, 26 de febreiro de 2025

CONTACONTOS CON CHARO PITA - 7 MARZO ÁS 18:00

Boas! 

Como ben sabedes, este ano estamos no programa LECTURAS E FAMILIAS e queremos convidar ás familias e compartir con nós momentos lectores.

A próxima semana, VENRES 7 DE MARZO, no centro cultural Nautilus de Santo André de Comesaña, temos a oportunidade de vivir unha tarde de lectura e contos con Charo Pita (escritora e narradora cunha gran traxectoria). Será ás 18:00. 

Compartimos a ligazón para anotarse: https://forms.gle/JMU7bftJaR6pUywW8 

Esperámosvos!




sábado, 8 de febreiro de 2025

MOGANCOMIC DEBUXA A NOSA BIBLIO!


O 30 de xaneiro, ademais do tradicional Día da Paz, celébrase o Día da Ilustración

Na biblio do Párroco non queriamos deixar pasar a oportunidade de mergullarmos unha vez máis nesta habilidade de "ILUSTRAR" tan relacionada cos nosos contos e libros.

Ademais de coñecer a figura de Xosé Vizoso, o autor homenaxeado este ano, convidamos a un membro da nosa comunidade educativa para que compartise con nós unha faceta de ilustrador que ten.

MoganComic, o creador de Historias de Gatos, achegouse á nosa biblio para contarnos como é o proceso de ilustrar. Dende o primeiro chanzo de atopar unha idea 💬💭 ata a última fase de publicación ✅🏁. Todo isto dunha maneira dinámica coas súas propias ilustracións!

Fran foi un excelente poñente que, non soamente nos explicou todo con profesionalidade e humor, senón que nos fixo partícipes da súa obra. Pois, entre todos fomos ideando unha historieta acompañada dos seus debuxos en vivo e en directo!

Moitas grazas por vir! Pequenos e maiores quedamos encantados e estamos desexando darlle cor a eses bocetos que fixemos xuntos!