Ós máis pequenos tocounos traballar sobre Mesopotamia. Despois de moito traballo e pescudas, e coa axuda dun trasno moi especial que vive na nosa aula, conseguimos aprender moitas cousas para poder contárvolas. Aquí tedes o noso traballo.
sábado, 25 de xuño de 2022
venres, 24 de xuño de 2022
POESÍA ROBÓTICA: A CABALO ENTRE A POESÍA E AS PROPOSTAS STEM
Os nenos e nenas de 6.º de primaria participaron na proposta do PDI xuntando poesía e tecnoloxía. Construíron, facendo os seus cálculos matemáticos, dous grandes taboleiros para o robot nos que foron ilustrando as diferentes celas cos versos de dous poemas de Antón García Teijeiro. Cando todo estivo rematado, puideron ler roboticamente o poema dándolle as ordes precisas. Toda unha experiencia de lectura diferente!
xoves, 23 de xuño de 2022
PADRIÑOS E MADRIÑAS LECTORES
Despois de dous cursos sen podermos celebrar esta preciosa actividade e despois de darlle voltas á data por ver que o tempo acompañase, quedou para a mañá de fin de curso esta sesión de padriños e madriñas lectoras. Era a nosa derradeira actividade de biblioteca antes de lanzármonos a festa de remate das clases.
Dende días antes estivemos cos preparativos: coñece-los nosos padriños, madriñas, afillados e afilladas, preparar pequenos agasallos para eles, escoller os contos e practicar lectura dramatizada...
Chegado o día, a chuvia foi a nosa compañeira. O sol non quixo saír a enxoita-la herba e non puidemos gozar lendo no marabilloso xardín que temos. Houbemos de quedar todos no patio cuberto, onde si que puidemos escoita-lo murmurio de mil e unha lecturas simultáneas.
domingo, 19 de xuño de 2022
XOGO INTERACTIVO "QUEN É QUEN"
Xa está dispoñible o xogo interactivo Quen é quen, elaborado co material feito polas aulas no Día da Muller en marzo (os carteis de mulleres invisibles) e co preparado agora, neste trimestre (as biografías de científicos da historia feitas para o noso xornal Don Moucho).
Xa podemos aproveitar para seguir a aprender e a xogar coa ciencia!! Dentro do xogo hai ligazóns ás presentacións elaboradas pola biblio cos carteis de científicos e científicas.
Agardamos que vos guste.
sábado, 18 de xuño de 2022
5 ANOS PRESENTA... EXIPTO
Aínda que xa nolo contaron no podcast e xa estamos desfrutando no cole coa súa participación no libro do PDI e nas biografías de científicos, agora podemos seguir atentamente todo o que deu de si o proxecto elaborado e vivido sobre o antigo Exipto.
xoves, 16 de xuño de 2022
GOZANDO COA MÚSICA
No día de onte, fomos todo infantil, 1.º e 2.º de primaria, en varias quendas, á biblioteca para desfrutar cunha actividade de música. O profe Daniel González Troncoso achegouse ó noso cole para presentarnos, co axuda do conto Las clases de tuba, como xoga coas notas este instrumento. Encantounos esta experiencia; da súa man non perdemos detalle, e en canto nos invitaron, non paramos de bailar! Grazas, profe!
INFANTIL
domingo, 12 de xuño de 2022
2.ª parte do PDI "PEDRA A PEDRA: UNHA OLLADA ÁS ORIXES DA CIENCIA"
As nosas pescudas documentais sobre a historia da ciencia rematan este trimestre co noso libro colaborativo sobre a historia da ciencia, sobre como cada civilización e cada época foron poñendo os alicerces da ciencia moderna. Tamén no xornal que sairá na fin de curso atoparedes outra parte do que se traballou nas aulas. Ao longo dos tres trimestres, coñecemos culturas, fitos, homes e mulleres que matinaron en facer o mundo máis noso. Nesta andaina todo nos valeu, o que se amosou equivocado e o que foi acertado dende un principio. Con todo iso fomos quen de construír unha base forte para a ciencia de hoxe en día, que como se amosou nas pescudas para achar unha vacina eficiente na presente pandemia, é unha ferramenta moi poderosa para entender o mundo e avanzar sorteando os atrancos atopados.
Esta semana sairá do prelo (en papel) este traballo noso que quedará, coma outros que se fixeron en cursos pasados, a dispor das vindeiras xeracións de alumnos. Dentro da nosa biblioteca, faranos formar parte da historia do noso cole. Cando estea imprimido, presentarémolo. Mentres, desfrutade da versión dixital!
4 ANOS PRESENTA A PREHISTORIA
mércores, 18 de maio de 2022
DÍA DOS MUSEOS, DA ILUSTRACIÓN E DAS ARTES GALEGAS
Son tantas as celebracións ás que paga a pena achegarse que non nos chegaría o tempo para máis nada. Xa que logo, decidimos xuntar neste día outras dúas citas tamén relacionadas.
Celebramos o Día dos Museos facendo un museo de noso. Xa estamos a preparar as salas nas que presentaremos o que deu de si este curso no desenvolvemento do PDI que estamos levando adiante. Tamén faremos as nosas propias instalacións na aula e na mesa de luz xogando cos blops, uns pequenos bichiños que escaparon do libro Son un Blop, de Hervé Tullet, e coñeceremos, a través de diversas propostas, as dúas figuras que protagonizan o Día da Ilustración e o Día das Artes Galegas: Reimundo Patiño e Laxeiro.
luns, 9 de maio de 2022
UN CONTO EN 5 ANOS. FEDERACIÓN DE XORDOS
Os representantes da Federación de Xordos visitaron tamén a aula de 5 anos para contar o conto Un culete independiente e presentarlle a todo o mundo da lingua de signos. Unha estupenda experiencia!
domingo, 8 de maio de 2022
A FEDERACIÓN DE XORDOS. 1.º DE PRIMARIA
Dous representantes da Federación de Xordos visitaron a aula de 1.º e, coa axuda dos Bolechas, explicáronlles un pouco como é a vida dun neno xordo: como espertar, a alarma do cole, o timbre da casa, as explicacións en clase... Pasaron un tempiño moi bo aprendendo moito e descubrindo como se comunican coas mans.
xoves, 5 de maio de 2022
5 ANOS PRESENTA... "EXIPTO, A SÚA CULTURA E CIENCIA"
Dentro das actividades do noso PDI anual, Pedra a pedra, unha ollada ás orixes da ciencia, os nenos e nenas de 5 anos gravaron na radio o seu podcast para contarnos todo o que aprenderon.
luns, 2 de maio de 2022
domingo, 1 de maio de 2022
MÁIS RELATOS CON PORTADAS
Os nenos e nenas de 4.º seguen a compoñer relatos cos títulos de varios contos. Achégannos uns poucos máis. Estupendo!


.jpeg)

.jpeg)
.jpeg)









.jpeg)
.jpeg)




.jpeg)
.jpeg)





















