sábado, 23 de decembro de 2023

A VISITA DE PAPÁ NOEL

 Despois de moito preparar a chegada de Papá Noel e escribirlle tamén as nosas cartas ós Reis Magos, chegou o día de estar con el e darlle, os máis atrevidos, unha aperta. Algúns foron quen de cambiar unhas palabras con el; os que non, fixeron a foto e recolleron un primeiro agasallo de Nadal. Que ben o pasamos!






CONTACONTOS NO REMATE DO TRIMESTRE

 As contadoras de infantil, Lara e Candela, quixeron rematar o trimestre contando un conto para os peques, Unha carta para Papá Noel. Mentres agardabamos o intre no que achegarnos a Papá Noel foi un bo xeito de pasa-lo tempo.









MES DA CIENCIA EN 3º PRIMARIA.

 

venres, 15 de decembro de 2023

NOVO CONTO NA RADIO

 Eva de 4 anos achegouse á radio para contar o conto A casa da mosca chosca, un dos seus preferidos. Fíxoo de marabilla!


mércores, 6 de decembro de 2023

EN PRIMEIRO ADIANTÁRONSE NA PARTICIPACIÓN

 A aula de primeiro loce e goza desta estupenda decoración feita polas familias con materiais reutilizados e reciclados.  Eles adiantaron a súa participación no coidado do planeta e levan días cos seus estupendo adornos. Que siga a festa!




martes, 5 de decembro de 2023

O PRIMEIRO ADORNO DENDE AS CASAS

 Eiden, de 6º de primaria, amósanos a coroa de nadal que fixo reutilizando pólas das árbores. Unha estupenda estrea do noso reto #reutilizamos e moi ben aquelado co noso PDI adicado ós bosques.



venres, 1 de decembro de 2023

LECTURA COMPARTIDA NO NOSO PROXECTO

 A árbore da escola foi o conto escollido este curso como eixo motivador para o noso proxecto. Despois dunhas semanas de espera por problemas técnicos puidemos escoitar dos compañeiros de 5º e 6º a preciosa e sostible mensaxe desta historia. Querendo vencellar as pescudas sobre as nosas árbores coas emocións, despois desta lectura cómpre escoller xa a árbore do noso xardín-bosque que imos apadriña. Habemos investigar sobre ela e sobre todo agarimala cos mellores coidados.

Candela e Sara de 5º de primaria, en infantil, organizaron unha sesión especial, no peche desta semana lectora e aproveitaron para explicarlle ós cativos as partes máis importantes das árbores e a chea de usos e emocións que nos ofrecen. Ademais durante uns minutos déronnos a man e leváronnos ata o reino da maxia invitándonos a imaxinar impresionantes árbores con froitos especiais. Sara e Alana debuxaron unha árbore de gatos e outra de xeados. Tódolos pequechiños quixeron canda elas participar e contarnos as árbores máxicas que lles viñan a imaxinación.