Amosando publicacións coa etiqueta lecturas compartidas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta lecturas compartidas. Amosar todas as publicacións

martes, 3 de novembro de 2026

SAMAÍN NA BIBLIOTECA



 Para celebrar o Samaín no noso cole preparamos un recuncho moi especial con distintos contos de medo. Algunhas rapazas de 5º axudáronnos na decoración e leron o conto " Uns esqueletos divertidos" para o alumnado de infantil.

¡ Que ben o pasamos!

  







martes, 27 de outubro de 2026

DÍA DAS BIBLIOTECAS: COMEZA A NOSA VIAXE POLO MUNDO!

O pasado 24 de Outubro celebrouse o Día das Bibliotecas Escolares. Na nosa escola, aproveitamos o venres pasado para conmemorala e inaugurar a biblioteca dando comezo a unha nova aventura que nos acompañará ao longo deste curso.

Por ciclos ou aulas fomos reuníndonos todos na biblioteca e, despois de lembrar as normas para coidala e gozar dela, mergullámonos nunha historia chea de ilusión e descobrimentos: 10 ciudades y un sueño. Un conto que nos serviu de inspiración para iniciar o noso PDI deste ano: "Turisteando polo mundo: unha volta ao planeta a través do turismo sostible".

A lectura estivo acompañada de diferentes músicas do mundo, que nos axudaron a viaxar coa imaxinación, achegarnos a outras culturas e descubrir novos lugares. Ao rematar recibimos un pasaporte, que nos guiará nas aventuras deste curso.

A nosa biblioteca abre as súas portas e a nosa viaxe acaba de comezar!













domingo, 21 de xuño de 2026

APADRIÑAMENTO LECTOR

Unha das nosas actividades preferidas é o APADRIÑAMENTO LECTOR! Encántanos apadriñar ou ser apadrinados polos nosos compañeiros e compañeiras e descubrir xuntos lecturas.

Ademais, os maiores do cole toman a actividade con moita paixón e prepatan monicreques para acompañar a lectura, marcapáxinas ou postais para agasallar...

E, para guinda do pastel, o noso patio-xardín e un día de sol!









martes, 2 de xuño de 2026

DESCUBRÍNDONOS MÁIS ALÁ DAS ETIQUETAS

 

Na biblioteca realizamos unha actividade moi especial a partir da lectura do conto ¡FUERA ETIQUETAS!

 

A través desta historia reflexionamos sobre como, ás veces, utilizamos unha soa palabra para definir as persoas sen ter en conta todo o que as fai únicas. Despois da lectura, mantivemos unha conversa na que os nenos e nenas de 3º de primaria compartiron as súas ideas sobre a importancia de non poñer etiquetas aos demais. Entre todos e todas chegamos a unha conclusión moi importante: só cada persoa pode falar de si mesma e explicar quen é realmente. Ninguén pode definirse cunha única palabra, porque todos temos moitas calidades, intereses, emocións e formas de ser que nos fan especiais.

 

A continuación, cada alumno e alumna realizou un autorretrato e acompañouno con palabras positivas que falan de si mesmo: os seus gustos, as súas fortalezas, as súas habilidades e aquelas características da súa personalidade das que se sente orgulloso. Foi unha actividade de reflexión e autoestima que lles permitiu valorarse e recoñecer todo o bo que hai en cada un deles.

  

 Para rematar, organizamos unha exposición oral na aula. Cada neno e nena presentou o seu autorretrato aos compañeiros e compañeiras, explicando as palabras que elixira para describirse e compartindo aspectos importantes da súa forma de ser. Esta posta en común axudounos a coñecernos mellor, a escoitar con respecto e a descubrir a riqueza e diversidade que existe dentro do noso grupo.

 

    

   

 Foi unha experiencia moi enriquecedora que nos axudou a fomentar a autoestima, o respecto, a empatía e a valoración das diferenzas, lembrándonos que cada persoa é única e que somos moito máis que calquera etiqueta.


sábado, 30 de maio de 2026

O club de lectura sobe ao escenario

O club de lectura puxo o broche final ás súas actividades cunha proposta moi especial: converter os libros en teatro.

Despois de semanas compartindo lecturas e descubrindo diferentes obras teatrais, o alumnado participante preparou a representación dalgúns capítulos e escenas dos libros lidos. Ademais de practicar a lectura expresiva, tiveron que traballar a interpretación, a expresión corporal e o traballo en equipo para dar vida aos personaxes.

A actividade encheu a biblioteca de emoción, creatividade e moitas ganas de actuar. Cada grupo achegou a súa propia visión das historias, facendo que as escenas resultasen divertidas, emocionantes e moi orixinais.

Con esta experiencia, o alumnado puido comprobar que ler teatro tamén é unha maneira fantástica de vivir os libros desde dentro, entendendo mellor os personaxes e gozando da lectura dun xeito diferente e participativo.

Parabéns a todos e todas polo excelente traballo realizado e por facer deste final de club de lectura unha celebración tan especial da lectura e do teatro.




Nova invitación! Contacontos en familia!

 


O próximo venres 5 temos unha nova cita lectora no Centro Cultural Nautilus de San Andrés de Comesaña!

Desta vez, dende Donde viven los Cuentos chega un contacontos para gozar en familia.

Agardamos por vós!



luns, 25 de maio de 2026

Encontro coa autora Eva Mejuto

Tivemos a sorte de recibir a visita da autora Eva Mejuto, nun encontro moi especial arredor da lectura e da creación de historias.

O alumnado de 3º e 4º de Primaria puido compartir impresións sobre o libro Queco e Kika, unha histora chea de aventuras, humor e personaxes entrañables que gozaron moito ao longo da lectura.

Pola súa parte, os nenos e nenas de 5º e 6º comentaron coa autora a obra O día no que choveron catro gatos, unha historia sorprendente e divertida que deu pé a interesantes reflexións e preguntas.

Durante a visita, Eva Mejuto falou do seu traballo como escritora, explicou como nacen as súas historias e respondeu con moita proximidade e cariño ás preguntas do alumnado, que participou con gran interese e entusiasmo.

Foi unha experiencia moi enriquecedora que nos permitiu achegarnos un pouco máis ao mundo dos libros e descubrir todo o que se agocha detrás da creación dunha obra literaria.

Moitas grazas a Eva Mejuto pola súa visita e por compartir connosco a súa paixón pola lectura e pola escrita.



luns, 4 de maio de 2026

MAIO: Que lemos?

O mes de maio chega á biblioteca cargado de propostas para descubrir historias, emocións e arte a través dos libros.


15 de maio: Día Internacional das Familias

Con motivo do Día Internacional das Familias, prepararemos un expositor especial con libros relacionados coas familias.

Será unha boa oportunidade para compartir lecturas sobre afectos, diversidade e convivencia, descubrindo historias nas que recoñecerse e descubrir diferentes modelos familiares.

Entre os títulos seleccionados estarán obras como:


18 de maio: Día Internacional dos Museos

Este mes tamén recomendamos especialmente a lectura de El museo para conmemorar o Día Internacional dos Museos. 

Para completar a experiencia, podemos realizar tamén pequenas visitas virtuais a espazos emblemáticos relacionados coa arte e a arquitectura do noso querido Gaudí:

Ademais, atopamos un pequeno expositor con outros libros relacionados coa arte, os museos e a creatividade para seguir descubrindo historias… e artistas.

luns, 27 de abril de 2026

Maleta da Saúde cunha lectura en Infantil

O alumnado de infantil está a vivir unha experiencia chea de descubrimentos arredor da saúde grazas a unha auténtica maleta de proxecto.

Cada vez que abrimos a maleta aparecen novos elementos que nos fan aprender e reflexionar sobre o coidado do noso corpo, os hábitos saudables e a importancia de sentirnos ben. A curiosidade está moi presente en cada sesión, e as ganas de participar non deixan de medrar.

E como non podía ser doutra forma… dentro da maleta tamén hai un libro! Trátase de “El botiquín de la doctora Nora”, un conto co que gozamos moitísimo. A través desta historia, acompañados polo profe Martín, fomos coñecendo mellor como coidarnos e que podemos facer cando non nos atopamos ben.

Entre contos, xogos e pequenas investigacións, estamos aprendendo un montón. Sen dúbida, esta maleta está chea de maxia… e de moi bos hábitos!