Amosando publicacións coa etiqueta visita de autores. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta visita de autores. Amosar todas as publicacións

luns, 25 de maio de 2026

Encontro coa autora Eva Mejuto

Tivemos a sorte de recibir a visita da autora Eva Mejuto, nun encontro moi especial arredor da lectura e da creación de historias.

O alumnado de 3º e 4º de Primaria puido compartir impresións sobre o libro Queco e Kika, unha histora chea de aventuras, humor e personaxes entrañables que gozaron moito ao longo da lectura.

Pola súa parte, os nenos e nenas de 5º e 6º comentaron coa autora a obra O día no que choveron catro gatos, unha historia sorprendente e divertida que deu pé a interesantes reflexións e preguntas.

Durante a visita, Eva Mejuto falou do seu traballo como escritora, explicou como nacen as súas historias e respondeu con moita proximidade e cariño ás preguntas do alumnado, que participou con gran interese e entusiasmo.

Foi unha experiencia moi enriquecedora que nos permitiu achegarnos un pouco máis ao mundo dos libros e descubrir todo o que se agocha detrás da creación dunha obra literaria.

Moitas grazas a Eva Mejuto pola súa visita e por compartir connosco a súa paixón pola lectura e pola escrita.



xoves, 25 de abril de 2024

VISITA DE AUTOR 5º E 6º DE PRIMARIA


 Unha veciña de película de Iria Misa foi o libro que este curso ocupou unha chea de horas nas aulas de 5º e 6º. Leron e releron a historia gozando coa súa lectura e preparando o encontro coa súa autora. Por fin chegou o día! O 23 de abril, día do libro, celebraron a data coñecéndoa e falando con ela. Puideron facerlle moitas preguntas e levar nos seus exemplares unha adicatoria personalizada. 
















domingo, 30 de abril de 2023

SEGUEN AS VISITAS DE AUTORES

 O venres 21 de abril e mailo luns 24 visitaron a nosa biblioteca os autores Sabela Fernández Trelles e Xabier Domínguez. Estas visitas  poñen fin a un longo traballo lector que abrangue dende principio de curso ata este treceiro trimestre e mes do libro no que a xuntanza coas persoas que pensaron e deron forma ás historias ofrécenos unha nova perspectiva da lectura.

Sabela é a autora  do libro  O ladrón de soños lido este curso polos nenos e nenas de 1 º e 2º.



Xabier é co-autor, canda Alba de Evan Freijedo, do libro Maxia de pedra lido polos rapaces de 5º e 6º. Ao mesmo que con María Canosa todos gozaron coñecendo os escritores e compartindo con eles anécdotas, faceres e emocións arredor destes e doutros libros.





xoves, 13 de abril de 2023

MARÍA CANOSA NO MES DO LIBRO

 A escritora María Canosa foi a primeira autora en chegar ata a nosa biblioteca neste mes de abril, tan significativo para os libros e os lectores. Os nenos de 3º 3 4º tiveron a sorte de coñecela e falar con ela despois de ler o seu libro Cazadora de estrelas. No blog fonte dos frades tedes a crónica da visita e do interesante que falar con ela dos libros e da escritura literaria. Agardamos xa con ilusión as súas futuras visitas e as das outras autoras que tamén van vir nos vindeiros días.

PODEDES VELO AQUÍ

venres, 11 de marzo de 2022

VISITA DO HEMATOCRÍTICO Á NOSA ESCOLA

 O Hematocrítico, autor do libro Vaia Cabuxiño!, editado por Edicións Xerais, visitou onte a nosa escola para se reunir cos nenos e nenas de 1.º e 2.º (que leron este libro como parte do Plan Lector deste curso).

 Atentos ás explicacións, todos agardaron o intre máis esperado: a sinatura do autor en cadanseu exemplar. A ilustradora Mar Villar tiña prometida a visita, pero non puido vir. Esta foi a súa primeira vez neste tipo de xuntanzas que nos achegan os contos e a literatura dende outro punto de vista.




martes, 10 de decembro de 2019

REMATAMOS O 50 ANIVERSARIO

Remata o ano e con el chega a súa fin a celebración do 50 aniversario do cole. Foi un ano moi especial para todos no que fomos quen de converter en contido curricular a nosa propia historia. Puidemos facer moito máis; seguramente quedaron mooitas cousiñas no tinteiro. Un anos non dá para moito máis.O noso labor está xa recollido no blog especial do PDI Párroco 5.0 que podedes ver no lateral. Despedímonos coa presencia do monologuista Avelino González  a quen tivemos o gusto de acoller na nosa biblioteca. 
Grazas a Avelino e grazas a todos por participar connosco nesta celebración.
Podedes ver as fotos da actividade da que xa demos conta no outro blog neste vencello.

venres, 21 de xuño de 2019

VISITAS DE AUTORES

Aínda que xa demos conta no outro blog das visitas de autores ao centro no momento no que se produciron, non queremos despedir o curso sen contarvos cantos e que interesantes libros se leron nas aulas co gallo destas visitas.Ler sempre é interesante, pero máis se temos a oportunidade de coñecer as persoas que imaxinaron esas historias e foron quen de darlles unha forma literaria que acaba atrapándonos.

IAGO LÓPEZ (un dos escritores protagonistas no noso proxecto "escritores de noso", ANTÓN CORTIZAS, ÁNXELA LOUREIRO E CARLOS TABOADA presentaron os seus libros:

 CASE POR SORPRESA: ContacontosTodos los libros del autor Cortizas Anton

Deixamos aquí os enlaces ás entradas nas que falamos deles e as fotos da visita de Iago.

VISITA CARLOS TABOADA

VISITA ÁNXELA LOUREIRO

VISITA IAGO LÓPEZ

sábado, 23 de xuño de 2018

VISITAS DE AUTORES: PAULA CARBALLEIRA

Paula Carballeira foi a terceira escritora que visitou o noso cole dentro das visitas de autores programadas. ·3º e 4º puideron ler e desfrutar con ela e así nolo contaron no outro blog de Fonte dos frades. Bruxa e familia foi o libro escollido para ler nas aulas que todos os que pasamos por alí puidemos levar adicado pola escritora.


Todos los libros del autor Paula Carballeira

venres, 22 de xuño de 2018

TEATRO NEGRO NO FESTIVAL

Tamén no festival tivera lugar unha representación teatral exclusiva para as familias  coa técnica do Teatro Negro. Os nenos de 6º de Primaria representaron a obra LICA de Beatriz Fraga.. 

euseino.org | Libros e anotacións sobre literatura e filosofía

Uns días despois os nenos e nenas de todo o cole puidemos tamén desfrutar da posta en escea, na que tivemos a sorte de coñecer a autora do libro .
Un maravilloso e atrainte conto e unha estupenda representación.


sábado, 21 de abril de 2018

EN ABRIL...VISITAS DE AUTORES

Tódolos anos temos o pracer e a sorte de coñecer a algúns dos escritores e escritoras que  soñaron e deron forma aos libros ós que nos achegamos nas aulas e tantas veces convírtense nos nosos preferidos.
Este curso non vai ser menos e  tamén imos ter a oportunidade de coñecer os tres autores dos libros que as profes escolleron para nós.  Ata agora,  María Canosa e Ledicia Costas son  as dúas autoras que nos veñen de visitar nas últimas semanas e que xa deixaron a súa pegada  no noso cole e nas nosas almas de lectores. 
María, coido que era a primeira vez que nos visitaba; Ledicia Costas xa estivera connosco e a súa nova visita non decepcionou. Cada unha delas falounos dos seus libros e da súa ollada sobre a literatura e soubo transmitirnos a emoción de seren  a un tempo lectoras e mais ofrecer lecturas, que é o seu oficio.

Deixámosvos aquí o enlace a estas actividades que xa nos presentaron os seus protagonistas no outro blogue. Mentres agardamos que no mes de maio nos visite outro autor do que ainda non desvelamos o nome.

Visita de Maria Canosa
Visita de Ledicia Costas

domingo, 30 de abril de 2017

VISITAS DE AUTORES NO MES DOS LIBROS

Durante o mes de abril sucedéronse 3 visitas de autores que nos achegaron máis aos libros e a súa lectura dende a perspectiva do escritor e ilustrador.
1º e 2º de Primaria coñeceu a Iago López autor do Cociñeiro Martiño. O autor contou este conto que levabamos tempo traballando nas nosas aulas. Foi emocionante participar na dramatización da historia e converternos por uns intres nos personaxes dun mundo cheo de maxia e encanto. 




3º e 4º coñeceu a Pepe Tobaruela  autor do libro Formigas.





5º e 6º coñeceu a Anxo Fariña, quen deixou unha pequena mostra da súa arte.  O seu estilo de debuxo áxil e sinxelo  plasmouno nunha estupenda caricatura, dun alumno de quinto, caracterizado coma un ciberneno. Tamén nos contou como xurdiu a idea de facer "A chave da Atlántida", a historia do continente perdido. 




venres, 10 de xuño de 2016

VISITA DE AUTOR. FINA CASALDERREY

O 8 de Xuño os nenos  de 1º e 2º recibiron a visita dunha das máis queridas escritoras galegas, quen xa visitara o noso cole no ano 2011: a recoñecedísima escritora Fina Casalderrey.  Todos puxéranse mans á obra semanas antes da  visita traballando sobre o libro "Quen me quere adoptar?" e facendo diversos traballiños sobre esta obra nas aulas.
Xa por fin na biblioteca, escoitaron con moito interese anécdotas e cousiñas relacionadas coas súas vivenzas, que inspiran e inflúen na súa obra. Fina adicoulles  palabras preciosas e axudoulles a entender que eles tamén poden ser escritores aprendendo a dicir cousas bonitas e expresándose de "xeito literario".
Logo puideron conversar con ela... tiñan moitas cousas que preguntarlle!. Ela agarimosamente respondeu como somentes saben facer os escritores: engaiolándoos coas súas máxicas palabras. Todo un luxo para os  ouvidos!.

xoves, 21 de abril de 2016

ÉRICA ESMORÍS VISITA A 5º E 6º DE PRIMARIA

O xoves 14 de abril, os alumnos de 5º e 6º de primaria recibiron a visita da autora Érica Esmorís, gañadora do Premio Merlín de Literatura Infantil 2015, co seu libro "Nena e o mar". Ao longo de hora e media, fixo un percorrido da súa vida como escritora. Contoulles a súa paixón polos animais, o mar e a creación literaria. Como é o seu proceso escritor desde que comenza un libro, ata que o finaliza.
 Este libro foi adicado ao seu "neno-serea", un gato precioso chamado Pepe. Escoitaron tamén a banda sonora que compuxo o seu mozo para "Nena e o mar".
 Despois de adicarlles o libro, invitáronna a ver unha pequena exposición de maquetas e debuxos que xurdiron despois da lectura.





 














luns, 25 de maio de 2015

VISITA DE AUTOR: LEDICIA COSTAS

E chegou o gran día. O pasado 21 de maio visitounos Ledicia Costas, a autora do libro "Escarlatina a cociñeira defunta" que foi Premio Merlín o pasado ano e que ademais de contestar as nosas preguntas e contarnos moitas curiosidades do libro, fíxonos rir coas súas anécdotas sobre "as avoas exterminadoras de gatos". Escarlatina,ademais de contarnos unha historia moi orixinal, vai intercalando deliciosas receitas de cociña, para que despois de ler o libro entren gañas de levalas á práctica. Os de 5º e 6º non perdemos o tempo e disfrutamos no 2º trimestre coas "Piruletas de chocolate".Como o libro está cheo de receitas de cociña "O libro de receitas de Román", aproveitamos para facer a da páxina 99, baixo o mando da nosa super chef  "Elena".
O obradoiro foi un riquísimo e saboroso éxito. A

Cando por fin a coñecemos asinou os nosos exemplares e o da biblioteca. Grazas Ledicia!

luns, 27 de abril de 2015

OLI VISITA O COLE NO DÍA DO LIBRO

O 23 de Abril, día do libro, recibimos na biblioteca a un escritor moi especial. "Oli" achegouse ao noso cole para compartir cos nenos e nenas de 1º e 2º unha lectura moi especial: a do conto "Leocadio o león" e tamén algunhas outras historias vellas e novas. Os protagonistas cóntanolo e amósannos as fotos que fixeron...

"Estes días andabamos moi atarefados lendo nas nosas aulas un libro titulado “Leocadio, o león”. A verdade é que estaba moi interesante xa que, pouquiño a pouco, fomos colléndolle cariño a ese leonciño que ía trazando a súa historia tan preto de nós. Despois de rematalo e, coincidindo co Día do Libro, recibimos un agasallo na biblioteca da escola que nos encheu de ilusión e emoción. Alí estaba Oli, o escritor do conto ao que lle adicamos tantos momentos na clase, compartindo connosco a súa traxectoria como escritor. Falounos de Leocadio e doutros moitos libros que tiña escritos, pero o máis emocionante foi cando nos ensinou o borrador da súa próxima historia que pronto estará nas librarías. Tamén nos relatou contos marabillosos e amosounos moitos tesouros que traía agochados no seu maletín. Para rematar asinounos os nosos exemplares e mesmo o da biblioteca do cole. Un pracer ter compartido con el este tempo".


luns, 3 de novembro de 2014

VISITA DE AUTOR EN 2º DE PRIMARIA: O SOÑO DE ESTHER

O xoves, día 23 de outubro, os nenos e nenas de 2º recibimos na biblioteca do noso colexio a visita de Miguel Ángel Alonso Diz, escritor infantil e xuvenil que baixo a idea de que os contos están para vivilos achegounos a algunhas historias moi fermosas e divertidas como "O soño de Esther" e "O cullarapo Croque". Despois de escoitalo moi atentamente fixemos un taller de "lightpainting ou pintar con luz" no que botamos man da nosa imaxinación e creatividade...


domingo, 6 de abril de 2014

O MEU CORPO QUERE XOGAR

O pasado venres 4 de Abril na biblioteca recibimo-la visita doutra escritora: Alicia Borrás. Desta volta tocoulle aos nenos e nenas de 5 anos desfrutar  con ela vivindo o seu libro O meu corpo quere xogar libro que xa traballaron na clase nos días anteriores. 
Imos ver as fotos  da visita e tamén o precioso mural que xa tiñan preparado para a ocasión.

xoves, 3 de abril de 2014

DE NOVO ANA ALONSO

Dous días despois, o venres 21 de Marzo,  Ana Alonso volveu o noso cole. Desta volta pra compartir o seu tempo cos maiores,  os nenos e nenas de 4º,  5º e 6º de Primaria.  Falou dos seus libros "El acertijo de la vida" e "Antes de medianoche" e e quixo tamén ollar os murais que sobre eles fixeramos no cole. 
Encantounos estar con ela.



sábado, 29 de marzo de 2014

VISITA DE ANA ALONSO

O mércores, 19 de marzo, os nenos e nenas de 1º, 2º e 3º recibimos unha visita marabillosa e moi esperada, a da escritora de literatura infantil e xuvenil ANA ALONSO. Levabamos tempo lendo unhas incribles historias de bosques encantados, fadas, trolls, meigas… e tamén de piratas, loros e tripulacións un pouquiño especiais; así que atoparnos cara a cara coa persoa que nos fixo imaxinar, soñar, rir e discutir dos seus libros nas nosas aulas enchíanos de emoción.
Ana chegou e cun gran sorriso falounos do seu soño de ser escritora dende que era nena, dos seus medos e dúbidas cando escribía os seus poemas, de como durmiron moito tempo nun caixón ata que se encheu de valor e os presentou a un concurso… A partires dese momento decidiu facernos partícipes da súa enorme imaxinación e entusiasmo e xa non deixou de publicar…

Comprendemos que os soños poden chegar a cumprirse cando hai tesón e talento, unha lección que cómpre non esquecer.