Na biblioteca escolar vivimos unha xornada moi especial arredor da lenda de Sant Jordi.
Despois de coñecer e ler esta fermosa historia tradicional, o alumnado de 4º púxose mans á obra para dar vida aos personaxes creando os seus propios monicreques.
Na biblioteca escolar vivimos unha xornada moi especial arredor da lenda de Sant Jordi.
Despois de coñecer e ler esta fermosa historia tradicional, o alumnado de 4º púxose mans á obra para dar vida aos personaxes creando os seus propios monicreques.
Coas súas creacións prepararon pequenas representacións da lenda, converténdose en auténticos actores e actrices por un día.
O máis divertido foi comprobar como, en ocasións, a historia cambiaba o seu rumbo: algúns grupos decidiron modificar o final da lenda, ofrecendo versións sorprendentes, divertidas e moi orixinais. Houbo dragóns amigables, princesas valentes e finais cheos de humor e amizade.
Compartimos aquí os vídeos das representacións para que poidades gozar do gran traballo realizado polo alumnado.
Parabéns a todos e todas pola vosa creatividade, ilusión e excelente traballo en equipo!
Este ano, con motivo do Día do Libro, na nosa biblioteca mergullámonos nunha das historias máis coñecidas da tradición europea: a lenda de Sant Jordi.
Para achegarnos a ela dun xeito especial, escollemos o álbum “¡Qué historia tan bestia, minimoni!” de Rocío Bonilla. Un conto que recupera esta historia clásica pero engadindo unha mirada actual e crítica. A través das súas páxinas, non só coñecemos a historia do cabaleiro, o dragón e a princesa, senón que tamén reflexionamos sobre cuestións moi interesantes:
> As princesas necesitan ser salvadas?
> Por que cambian os contos co paso do tempo?
> Existen versións máis modernas das historias tradicionais?
A lectura do conto foi acompañada dun elemento moi especial: os títeres. Grazas a eles, o alumnado non só escoitou a historia, senón que tamén a viviu, a interpretou e a fixo súa.
A dramatización converteu a biblioteca nun pequeno escenario onde apareceron dragóns, cabaleiros, reis e princesas.
"Viaxamos" a Barcelona e investigamos dragóns… 🐉
O alumnado máis maior foi máis alá e investigou sobre a lenda. Descubriron que os dragóns non só viven nos contos: tamén están presentes na arte e na arquitectura.
Fixeron un pequeno “tour virtual” por Barcelona, a cidade de Gaudí, que resultou ser unha cidade chea de dragóns, especialmente en edificios modernistas. Alí atoparon dragóns en fachadas, esculturas e mesmo en elementos decorativos moi sorprendentes .
Aquí podedes ver o vídeo que inspirou a súa investigación:
https://www.youtube.com/watch?v=bziGFzi8tVY
Despois de investigar e observar, chegou o momento de crear. Cada alumno e alumna deseñou o seu propio dragón, deixando voar a imaxinación: dragóns feroces, simpáticos, coloridos… e mesmo algún moi pouco perigoso!
Esta actividade permitiunos comprobar que as historias tradicionais non son algo do pasado, senón que seguen vivas e evolucionan con nós. Podemos lelas, interpretalas… e tamén cuestionalas.
Porque ler tamén é pensar, imaxinar e crear novas versións do mundo.
Este ano, quixemos celebrar o Mes do Libro en FAMILIA. Durante o mes de abril, e parte de maio, fixemos un especial Lecturas en Familia. Con esta iniciativa, foron pasando polo cole e pola biblio nais, pais e irmás maiores para compartir un ratiño moi especial arredor dos libros.
As familias do Párroco son estupendas e tivemos moitos voluntarios que se animaron a ler e teatralizar os contos e libros favoritos de cada casa. Dende os máis pequenos ata os maiores do cole gozamos destes encontros. Nunca somos demasiado maiores para que nos lean!
Moitas grazas por vir!
O venres 21 de abril e mailo luns 24 visitaron a nosa biblioteca os autores Sabela Fernández Trelles e Xabier Domínguez. Estas visitas poñen fin a un longo traballo lector que abrangue dende principio de curso ata este treceiro trimestre e mes do libro no que a xuntanza coas persoas que pensaron e deron forma ás historias ofrécenos unha nova perspectiva da lectura.
Sabela é a autora do libro O ladrón de soños lido este curso polos nenos e nenas de 1 º e 2º.
Xabier é co-autor, canda Alba de Evan Freijedo, do libro Maxia de pedra lido polos rapaces de 5º e 6º. Ao mesmo que con María Canosa todos gozaron coñecendo os escritores e compartindo con eles anécdotas, faceres e emocións arredor destes e doutros libros.
Neste mes do libro continuan as suxestións lectoras, desta volta na radio. Os nenos e nenas de 4º de primaria veñen de gravar o seu primeiro programa de radio neste curso facéndonos chegar os libros que lles parecen interesantes para todos. Grazas polas vosas suxestións! É tempo de escoitalas e poñernos a ler.
Nas bibliotecas lemos e animamos á lectura todo o ano, pero neste mes de abril as lecturas vívense coma algo especial. Neste mes acollemos as visitas de escritoras e escritores á nosa biblioteca, como xa sucedeu con María Canosa e Sabela Fernández. Este luns é a quenda dos autores de Maxia de pedra e os alumnos de 5º e 6º. Ao tempo sucédense os contacontos no recreo e mailos préstamos, a lectura oral e teatral, a lectura poética e a de ficción, a literaria e a documental. Estamos enganchados nunha xeira de relatos orais e escritos en distintos formatos e medios.
O noso libro do mes Cando leo de Eva Mejuto e o noso novo cartel que da luz á biblio serán protagonistas nestas xornadas que se abren paso coa chuvia e o sol de primavera.
E aí xa vén Padriños lectores para facernos disfrutar desta festa da lectura.
Este ano 2023 o cartel e a mensaxe oficial desta xornada lectora foi escrito por Montse Pena Presas no que reivindica, coma nós no noso PDI artes de pesca sostible, esas que cando lanzas a cana ou os palangres son quen de pescar boas lecturas e lectores.
Os nenos e nenas de 4.º seguen a compoñer relatos cos títulos de varios contos. Achégannos uns poucos máis. Estupendo!
Os nenos e nenas de 6.º de primaria querían ser os primeiros en compartir con todos as súas suxestións. Hai tempo que colleron os seus libros e fixeron as fotos para que non lles pasase o día. Agora xa é hora de contarvos cales son os seus libros preferidos.
Escoitamos os cativos e cativas de 3.º de primaria falándonos dos seus libros favoritos.
Moitas grazas polas vosas suxestións. Tomamos nota!
Comenzan a chegar as primeiras actividades de celebración do Mes do Libro. Xusto a tempo! Mañá, 23 de abril, é o día de referencia para as letras e os libros.
Os nenos e nenas de 4.º fan súa a proposta de contar historias a partir dos títulos dos contos e achégannos as tres primeiras historias.
NON DEIXES DE MERGULLARTE NAS MIL E UNHA HISTORIAS DOS LIBROS.
PODES FACELO DENDE A NOSA BIBLIOTECA!
Iago (3 anos) e Adriana (6º de primaria) suxiren e len "Polo camiño". Estupenda lectura!
Seguimos estando de sorte! Unha familia máis achéganos as súas suxestións e agasállanos cunhas novas lecturas. É un gusto escoitalos! Ademais xa sabedes que estamos xuntando as lecturas e suxestións das familias na presentación que temos no lateral esquerdo, por se chega a hora de ler e nos apetece escoitar algún destes fermosos contos.
Abril (4 anos) e Julián (2º de primaria) fixeron unha escolla de libros e nola envían. Adiviñades quen escolleu cada conto?
O "Reto da torre" foi a proposta que, no mes do libro e para celebrar o Día das Artes Galegas -adicado a Domingo de Andrade-, nos propuxeron os mouchiños. Polo de agora foron os nenos de infantil os que aceptaron o reto. Podedes velo no blog de infantil "Follas de moreira".
O segundo reto proposto era unha proposta plástico-literaria arredor de dous contos. "Aquilino pinta unha nube e un camaleón" e "Minimaladas". Temos xa recollidos os traballiños que xa mandaron algunhas aulas... a de 1º e a de 3º e un voluntario de 2º que tamén quixo participar. Graciñas e parabéns a todos!
Os nenos e nenas de 1º fannos máis suxestións lectoras. Con tantas ideas que levamos recollidas vai haber que mergullarse en tódalas nestas lecturas que nos ofrecen as aulas e mailas familias!.
Os nenos e nenas de 5º e 6º tamén escribiron as súas suxestións lectoras e aproveitaron a contarnos cousiñas sobre os autores e autoras recomendados.