Os nenos e nenas de 6.º de primaria participaron na proposta do PDI xuntando poesía e tecnoloxía. Construíron, facendo os seus cálculos matemáticos, dous grandes taboleiros para o robot nos que foron ilustrando as diferentes celas cos versos de dous poemas de Antón García Teijeiro. Cando todo estivo rematado, puideron ler roboticamente o poema dándolle as ordes precisas. Toda unha experiencia de lectura diferente!
venres, 24 de xuño de 2022
xoves, 23 de xuño de 2022
PADRIÑOS E MADRIÑAS LECTORES
Despois de dous cursos sen podermos celebrar esta preciosa actividade e despois de darlle voltas á data por ver que o tempo acompañase, quedou para a mañá de fin de curso esta sesión de padriños e madriñas lectoras. Era a nosa derradeira actividade de biblioteca antes de lanzármonos a festa de remate das clases.
Dende días antes estivemos cos preparativos: coñece-los nosos padriños, madriñas, afillados e afilladas, preparar pequenos agasallos para eles, escoller os contos e practicar lectura dramatizada...
Chegado o día, a chuvia foi a nosa compañeira. O sol non quixo saír a enxoita-la herba e non puidemos gozar lendo no marabilloso xardín que temos. Houbemos de quedar todos no patio cuberto, onde si que puidemos escoita-lo murmurio de mil e unha lecturas simultáneas.
domingo, 19 de xuño de 2022
XOGO INTERACTIVO "QUEN É QUEN"
Xa está dispoñible o xogo interactivo Quen é quen, elaborado co material feito polas aulas no Día da Muller en marzo (os carteis de mulleres invisibles) e co preparado agora, neste trimestre (as biografías de científicos da historia feitas para o noso xornal Don Moucho).
Xa podemos aproveitar para seguir a aprender e a xogar coa ciencia!! Dentro do xogo hai ligazóns ás presentacións elaboradas pola biblio cos carteis de científicos e científicas.
Agardamos que vos guste.
sábado, 18 de xuño de 2022
martes, 17 de maio de 2022
17 DE MAIO. DÍA DAS LETRAS GALEGAS
Hoxe é o Día, aínda que xa hai moito tempo que as institucións e os coles andamos na tarefa de coñecer o escritor ao que se lle adica o Día neste curso.
E vós? Sabedes quen é Florencio Delgado? Foi un poeta que naceu en Córgomo, nas terras de Valdeorras. Na súa obra cantou as louvanzas de Galicia e defendeu a nosa lingua e cultura.
Achegádevos hoxe a el a través da música. Son moitos os músicos e cantantes que lles poñen voz e son ás composicións de don Florencio. Os de infantil bailamos arredor do maio o poema que fixo para este primaveral mes.
Podedes coñecer a súa vida e ler moitos poemas na nosa aula virtual e no blog Fonte dos frades. Velaquí (Salve!) vos deixamos unha das poesías que mellor acae no día de hoxe.
xoves, 5 de maio de 2022
5 ANOS PRESENTA... "EXIPTO, A SÚA CULTURA E CIENCIA"
Dentro das actividades do noso PDI anual, Pedra a pedra, unha ollada ás orixes da ciencia, os nenos e nenas de 5 anos gravaron na radio o seu podcast para contarnos todo o que aprenderon.
luns, 2 de maio de 2022
domingo, 1 de maio de 2022
MÁIS RELATOS CON PORTADAS
Os nenos e nenas de 4.º seguen a compoñer relatos cos títulos de varios contos. Achégannos uns poucos máis. Estupendo!
venres, 22 de abril de 2022
SUXESTIÓNS LECTORAS EN 6.º DE PRIMARIA
Os nenos e nenas de 6.º de primaria querían ser os primeiros en compartir con todos as súas suxestións. Hai tempo que colleron os seus libros e fixeron as fotos para que non lles pasase o día. Agora xa é hora de contarvos cales son os seus libros preferidos.
"PEDRA A PEDRA...". PODCAST DE SUXESTIÓNS LECTORAS DE 3.º DE PRIMARIA
Escoitamos os cativos e cativas de 3.º de primaria falándonos dos seus libros favoritos.
Moitas grazas polas vosas suxestións. Tomamos nota!
"PEDRA A PEDRA...". IMOS CELEBRANDO A FESTA DOS LIBROS!
Comenzan a chegar as primeiras actividades de celebración do Mes do Libro. Xusto a tempo! Mañá, 23 de abril, é o día de referencia para as letras e os libros.
Os nenos e nenas de 4.º fan súa a proposta de contar historias a partir dos títulos dos contos e achégannos as tres primeiras historias.
venres, 25 de marzo de 2022
xoves, 24 de marzo de 2022
SEMANA DA POESÍA
Estamos a celebrar dende o luns 21 de marzo, Día da Poesía, a tradicional Semana da Poesía. Antes da pandemia, as nosas paredes, escaleiras e calquera recunchiño dentro ou fóra do cole enchíanse de versos e poemas propios ou alleos. Agora son os muros virtuais os que nos serven para compartir poesía. Dende esta semana, e deica a fin do trimestre, as nosas aulas e este muro virtual van encherse de textos poéticos que podemos ler, copiar, ilustrar e mesmo crear.
Podedes coñecer o que estamos facendo nas distintas aulas axexando nesta xaneliña virtual; e se vos apetece, podedes tamén compartir os poemas que vos gustan ou que imaxinedes. Premede no cadradiño con frecha do recuncho superior dereito para ver o muro nunha xanela grande; ou no lápiz inferior, se queredes compartir algo poético.
martes, 22 de marzo de 2022
mércores, 16 de marzo de 2022
PRIMEIRO PRESÉNTANOS AS SÚAS MULLERES INVISIBLES
Os nenos e nenas de primeiro informáronse de toda a problematica arredor das mulleres científicas que estivemos barallando na celebración do 8M e en grupos pescudaron os logros de catro destas mulleres: KAREN JOHNSON, HIPATIA DE ALEXANDRÍA, ROSALIND FRANKLIN e mais ADA LOVELACE.
Completaron a súa actividade xogando co dominó da igualdade.
venres, 11 de marzo de 2022
VISITA DO HEMATOCRÍTICO Á NOSA ESCOLA
O Hematocrítico, autor do libro Vaia Cabuxiño!, editado por Edicións Xerais, visitou onte a nosa escola para se reunir cos nenos e nenas de 1.º e 2.º (que leron este libro como parte do Plan Lector deste curso).
Atentos ás explicacións, todos agardaron o intre máis esperado: a sinatura do autor en cadanseu exemplar. A ilustradora Mar Villar tiña prometida a visita, pero non puido vir. Esta foi a súa primeira vez neste tipo de xuntanzas que nos achegan os contos e a literatura dende outro punto de vista.
sábado, 12 de febreiro de 2022
TEATRO EN INGLÉS
O pasado xoves tivemos a sorte de ir ao teatro. Non tivemos que nos mover do cole, pero atoparnos de novo coa experiencia teatral, tan esquecida durante a pandemia, xa foi todo un cambio. Algúns estrenábanse nestes acontecementos e a emoción notábase moito.
En dúas quendas dende infantil a 2º de primaria e desde 3º a 6º asistimos a representación de cadansúa obra de teatro en inglés. Wilbur’s Adventure para os máis pequenos e Three Eggs, Two Birds and a King para os maiores . Foron os actores da compañía On Stage Company quen coa mediación de Afundación trouxeron as súas dúas obras ao noso cole.
Aquí podedes ver o que todos gozamos e, por se tiñabades algunha dúbida, fomos quen de seguir e entender perfectamente as historias que nos contaron!.
INFANTIL 1º E 2º
3º, 4º, 5º E 6º
mércores, 22 de decembro de 2021
FACENDO A CARTA PARA OS REIS
Non podiamos marchar sen deixar na caixa de correos as nosas cartas para os Reis Magos. Como xa non poden vir e enviar os seus paxes ao cole, por mor da pandemia, quixeron lembrarnos que non esquecerán pasar polas nosas casas, e fixérono deixando unha mensaxe en audio. Os de infantil quixeron axudarlles preparando entre todos a caixa de correos. Mentres, tódolos nenos e nenas das distintas aulas traballaron arreo escribindo as súas cartas.
CONTACONTOS NO NADAL
Despedimos o trimestre lendo cos amigos. Os nenos de 5º e 6º de primaria deron unha volta por tódalas aulas agasallándonos con lecturas de Nadal. Homiño de mazapán, Cando Martiño tivo gañas de mexar na noite de reis, Elmer e o Nadal, Antón e o Apalpador... foron os escollidos nesta nova rolda de contacontos animados polos maiores do cole.





















