xoves, 25 de abril de 2024

CONTOS DE HORTA E XARDÍN...DE NOVO

 Hoxe foron Zoe e Carla de 3º de primaria as lectoras xardineiras que achegaron ós peques de 3 e 5 anos a historia do Carballo con botas. Ao remate quixeron ver se estiveran atentos. Falaron cos peques, Preguntáronlle cousiñas do conto  e falaron cos peques sobre como coidaban eles o planeta e como habería que facer para evitar os lumes. Estaban atentas ao reto do mes #concienciamos.








VISITA DE AUTOR 5º E 6º DE PRIMARIA


 Unha veciña de película de Iria Misa foi o libro que este curso ocupou unha chea de horas nas aulas de 5º e 6º. Leron e releron a historia gozando coa súa lectura e preparando o encontro coa súa autora. Por fin chegou o día! O 23 de abril, día do libro, celebraron a data coñecéndoa e falando con ela. Puideron facerlle moitas preguntas e levar nos seus exemplares unha adicatoria personalizada. 
















CELEBRANDO O DÍA DO LIBRO EN 1º E CONTO ESPECIAL

En 1º celebraron o día do libro dun xeito moi especial. Tódolos nenos e nenas trouxeron o seu libro favorito para compartilo cos seus amigos. Durante esta semana explicarán a todos os motivos da súa escolla. 
Os nenos de 4 anos quixeron tamén ler un conto para os maiores. Escolleron A colleita de ratiño, un conto de horta e xardín que lles gusta moito e subiron a aula de 1º co seu micrófono máxico. Que mellor xeito de pasa-lo día, mergullados nunha e mil historias!.








 

mércores, 24 de abril de 2024

SUXESTIÓNS LECTORAS EN 3º. DÍA DO LIBRO

Celebramos o día do libro lendo e facendo ler. Os nenos e nenas de 3º de primaria invítannos a ler un mundo de libros que a eles lles gustaron moito. E para que non esquezamos ningún deixaron as súas suxestións penduradas polos corredores do cole. Escoitade e animádevos!


 








sábado, 20 de abril de 2024

CONTOS DE HORTA E DE XARDÍN...COMEZAMOS!

 Non sin tempo agardabamos que deixase de chover para  poder sair a ler ó noso bosque-xardín-patio. A biblioteca iniciou esta semana unha procura de lectores dispostos a gozar a un tempo dos libros e da natureza. A lista de espera xa é enooorme!. 

Mentres os lectores preparan os contos de temática de horta e xardín, xa tiñamos uns espilidos candidatos agardando. Os nenos de 4 anos, co seu micrófono máxico, iniciaron esta aventura neste mes do libro contando ós compañeiros de 4º de primaria A horta de Simón. Son un expertos contadores que xa probaron na radio. Aínda así quixeron ensaiar e estreáronse con público na clase de 5 con Tomás o bromista e fixérono fenomenal!!! Chegada a hora de ler do venres, xuntáronse cos amigos de 4º baixo a sombra do noso liquidámbar e contaron esta interesante historia.












luns, 15 de abril de 2024

NOVO RETO NAS AULAS, TAMÉN PARA AS FAMILIAS

 Como sabedes levamos todo o curso mergullados no noso PDI arredor dos bosques e  das árbores do noso patio-xardín. Facemos conciencia sobre a importancia do coidado do noso medio de dous xeitos, achegándonos a el emocionalmente e aprendendo cousas sobre esta flora natural e as relacións con tódolos elementos do bosque. Coñecer para valorar, pero non é o único que podemos facer para aprender o valor de mimar ó noso planeta. 

Comenzamos agora un novo reto dentro do noso programa de Voz Natura no que nos gustaría contar coa vosa participación. Só tedes que contarnos algunha cousa das que facedes en familia para protexer o planeta e, daquela, a nós mesmos. 

Mirade como podedes participar. Calquera cousa que fagades, seguro que é importante. Animádevos!