Este ano, con motivo do Día do Libro, na nosa biblioteca mergullámonos nunha das historias máis coñecidas da tradición europea: a lenda de Sant Jordi.
Para achegarnos a ela dun xeito especial, escollemos o álbum “¡Qué historia tan bestia, minimoni!” de Rocío Bonilla. Un conto que recupera esta historia clásica pero engadindo unha mirada actual e crítica. A través das súas páxinas, non só coñecemos a historia do cabaleiro, o dragón e a princesa, senón que tamén reflexionamos sobre cuestións moi interesantes:
> As princesas necesitan ser salvadas?
> Por que cambian os contos co paso do tempo?
> Existen versións máis modernas das historias tradicionais?
Contamos, escoitamos e dramatizamos!
A lectura do conto foi acompañada dun elemento moi especial: os títeres. Grazas a eles, o alumnado non só escoitou a historia, senón que tamén a viviu, a interpretou e a fixo súa.
A dramatización converteu a biblioteca nun pequeno escenario onde apareceron dragóns, cabaleiros, reis e princesas.
"Viaxamos" a Barcelona e investigamos dragóns… 🐉
O alumnado máis maior foi máis alá e investigou sobre a lenda. Descubriron que os dragóns non só viven nos contos: tamén están presentes na arte e na arquitectura.
Fixeron un pequeno “tour virtual” por Barcelona, a cidade de Gaudí, que resultou ser unha cidade chea de dragóns, especialmente en edificios modernistas. Alí atoparon dragóns en fachadas, esculturas e mesmo en elementos decorativos moi sorprendentes .
Aquí podedes ver o vídeo que inspirou a súa investigación:
https://www.youtube.com/watch?v=bziGFzi8tVY
Despois de investigar e observar, chegou o momento de crear. Cada alumno e alumna deseñou o seu propio dragón, deixando voar a imaxinación: dragóns feroces, simpáticos, coloridos… e mesmo algún moi pouco perigoso!
Unha historia que segue viva
Esta actividade permitiunos comprobar que as historias tradicionais non son algo do pasado, senón que seguen vivas e evolucionan con nós. Podemos lelas, interpretalas… e tamén cuestionalas.
Porque ler tamén é pensar, imaxinar e crear novas versións do mundo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario