sábado, 19 de setembro de 2020

UN NOVO COMEZO. BENVIDOS!

    Neste novo curso temos dous grandes retos e ámbolos dous querémolos levar adiante. O primeiro, como non pode ser doutro xeito, é acadarmos unha contorna escolar segura, malia as pedras que poñen no noso camiño; o segundo, que a aprendizaxe e o gozo da lectura non se perdan entre o tan necesario lavado de mans e tralas máscaras que dificultan a nosa comunicación. 

    Os retos fixéronse para os valentes e coidamos que nós, toda a nosa comunidade educativa, imos ser este curso uns verdadeiros superheroes. Todos xuntos, reinventando milleiros de estratexias, reinventando espazos e tempos e dende os nosos grupos "burbulla", imos ser quen de construír unha gran muralla chea de experiencias, emocións e aprendizaxes compartidas na distancia. Coma os corais burbulla dos mares do Pacífico, onde rematou a nosa andaina no mes de marzo. Deste punto imos partir agora no novo Proxecto de Biblioteca. Xuntos, pero non revoltos, camiñando canda os demais e  formando, paseniño, un grande arrecife.



    Daquela, comezamos dando conta do lema escollido pola Consellería para as Bibliotecas Escolares neste curso. Xeografías Lectoras quere poñer o punto de atención na habilidade central da aprendizaxe escolar, entendendo a lectura nun sentido de alfabetización múltiple e, porén, referido a tódalas lecturas posibles; en tódolos medios e de tódolos xeitos posibles; lectura "de onte", en papel, e "de hoxe", cos medios electrónicos; lectura cos ollos e coas mans, lecturas inclusivas; lecturas con letras e con imaxes...

   Este é un lema que acae especialmente co proxecto deseñado para este curso, que se vai pór en marcha decontado. 

      A ilustradora Bea Lema é a autora do cartel deste ano. Podédelo ver nesta ligazón.