martes, 29 de decembro de 2020

POÑENDONOS AO DÍA: DO SAMAÍN AO NADAL

 No Samaín non somentes fixemos os nosos monstros gardiáns da biblioteca, inventamos relatos de medo e decoramos as cabazas dende casa, senón que nas aulas houbo tamén traballiños, pelis e disfraces. E un pouquiño baile, sen esquecer o protocolo covid!



 


No nadal as aulas adicáronse a  facer adornos da época e escribir as cartas de reis que botaron no buzón real. O derradeiro  día do trimestre  a falta da visita en persoa do  paxe real os nenos de infantil e primaria recibiron unha mensaxe sorpresa da súa maxestade o rei Gaspar.

Nas aulas traballamos tamén nos adornos da época e confeccionamos as nosas propias árbores de nadal, abondando na temática marcada pola celebración do Centenario Rodari. As historias inventadas a partir da hipótese fantástica publicámolas noutra presentación.
Mirade as nosas fotos...

Árbore dos desexos 3ºprimaria



luns, 28 de decembro de 2020

O PLANETA DAS ÁRBORES DO PÁRROCO

 Foron moitas as familias que, ao tempo que nos enviaban o vídeo de felicitación de Nadal, enviaron tamén a foto da súa arbore familiar. Con todas elas fixemos esta presentación do noso propio planeta das árbores de Nadal, lembrando o autor Gianni Rodari e a un dos seus fantásticos contos. Coma sempre, a presentación non está pechada e podedes seguir enviando as vosas árbores (e outras que vos gusten) e irémolas incorporando á presentación. E se nelas podemos ver tamén a antiguos alumnos e familias, mellor que mellor. O planeta Párroco segue a ser moi grande, aínda que xa non esteamos de 50 aniversario!


POÑÉNDONOS AO DIA: UNHA HISTORIA DE NON VIOLENCIA

No pasado día 25 de novembro, unha das propostas lectoras da biblioteca, e "libro do mes" ademais, foi a lectura do conto "Historia dos Bonobos con lentes". Moitas aulas leron o libro e os outros que viaxaban na maleta especial adicada a non violencia contra a muller. Pero os nenos e nenas da aula de 2º de primaria foron moito máis aló e montaron unha divertida historia co texto. Aquí volo deixamos para que desfrutedes. 



E se queredes saber máis sobre estes curiosos primates visitade estas páxinas AQUI E AQUI

domingo, 27 de decembro de 2020

RECOMENDACIÓNS ESPECIAIS NO CENTENARIO DE GIANNI RODARI

 Unha parte do noso PDI deste curso, "Dándolle unha volta ao planeta II", quere responder ao lema da BES "Xeografías lectoras" e profundar no mundo de Gianni Rodari, escritor de mil e un contos que trouxeron , e seguen a traer hoxendía, o agasallo da súa creatividade especial aos nenos e nenas de todo o mundo.

Estamos a adicar varias actividades á súa obra e a súa memoria, como xa sabedes. Os relatos de medo feitos coa técnica do binomio fantástico foi unha delas. Agoriña mesmo temos en marcha traballos nas aulas e coas familias sobre "O planeta das árbores de nadal" que enseguidiña publicaremos. Pero non queremos acabar o ano sen darvos tamén ideas para as vosas cartas de Reis Magos. Despois da enchenta de xoguetes, os nosos Reis Melchor, Gaspar e Baltasar ben poder chegar dende Oriente cunha chea de libros nas alforxas dos seus camelos!

Aquí tedes máis ideiñas...!

sábado, 26 de decembro de 2020

BOLETÍN DE SUXESTIÓNS LECTORAS PARA O NADAL

    Como tódolos anos, publicamos unha proposta de lecturas para ler e agasallar neste Nadal. Lembrade que os libros son unha boa opción nas cartas dos Reis Magos, porque de certo que os xoguetes xa encheron as casas na Noiteboa. Aí fóra agardan por nós mil e unha interesantes lecturas: estas que traemos aquí e moitas outras!

    Lembrade tamén facer os vosos encargos nas librerías de proximidade!



luns, 21 de decembro de 2020

OUTRA FELICITACIÓN

    Zoe, de 3º de primaria, e mais Martín, de 5 anos, malia que non chegaron a tempo de entrar no vídeo, tamén quixeron felicitarnos a todos! 

Bo Nadal, Zoe! Bo Nadal, Martín e Elsa!




domingo, 20 de decembro de 2020

VIDEOFELICITACIÓN DE NADAL 2020

    Benqueridas familias, compartimos convosco o vídeo que montamos con tódalas vosas felicitacións. Que pasedes un bo Nadal, por forza distinto dos Nadais que temos na memoria.  Grazas a todos e todas por repartirdes con todos un cachiño da vosa ledicia e os vosos desexos. A nosa aventura continúa no vindeiro ano 2021. Felicidades!


    A música que soa no vídeo é da autoría de Mamá Cabra (do seu disco Estación Nadal). Esquecemos poñelo no vídeo, pero queremos agradecer a este grupo o seu labor na música galega e en galego.

xoves, 10 de decembro de 2020

POÑÉNDONOS AO DÍA: ILLAS ATLÁNTICAS.2ºP

    Foi este un trimestre cheo de actividade, aínda que por forza os encontros virtuais foron o que marcou a nosa aprendizaxe e creatividade. Non foron moitas as ocasións nas que tivemos algún encontro persoal, pero habelas hóuboas. Foi o caso dos nenos e nenas de 2º de primaria, quen puideron recibir dous membros do Centro das Illas Atlánticas. No Mes da Ciencia en Galego (e con tódalas precaucións e obrigas por mor da pandemia), puideron gozar das súas explicacións sobre os animais que atopamos nas illas Cíes, tal ourizos mariños, gaivotas ou cobras de escada. Para máis información sobre as novidades deste centro, podedes premer neste enlace.
    Velaquí as fotos que quitaron na nosa biblio.

 

mércores, 9 de decembro de 2020

2ª PROPOSTA PARA O CENTENARIO DE RODARI

    Nas aulas, imos traballar outra técnica creativa das que propón Gianni Rodari a partir do libro O planeta das árbores de Nadal. Trátase da hipóteses fantástica. Velaquí vos deixamos unha presentación con algunhas partes do libro e a tarefiña que propoñemos.


martes, 8 de decembro de 2020

OS VÍDEOS DAS NORMAS...TODOS XUNTOS

    Malia que algunha aula aínda se poida incorporar un pouco máis tarde, deixamos aquí xa a presentación completa dos vídeos elaborados polos nenos e nenas do noso cole. Lembrámosvos que a principios de outubro, cando estabamos a preparar a celebración do Día das Bibliotecas, chegou ás nosas aulas unha carta dos mouchiños pedindo axuda. Lede o texto da carta... 

INFANTIL E PRIMEIRO



RESTO DE PRIMARIA
    O que segue é o noso traballo. Ademais, todo o cole coñece as normas que están publicadas na aula virtual e ponas en práctica. En nadiña habemos publicar tamén a presentación de tódolos monstros feitos polos nenos e nenas para axudaren os mouchiños. A mor parte deles están xa no CAIXÓN DE MONSTROS da aula virtual. O resto estámolos a subir... un pouquiño tarde, non si? É que o tempo non nos dá para máis; pero o importante é chegar e que todos eles xa están na biblio coidando dos mouchiños e de nós todos!

    Veña, se cae nas vosas mans un libro ou pasades pola biblio, non esquezades estes bos consellos que nos dan os cativos (e non tan cativos)!



domingo, 6 de decembro de 2020

PRESENTACIÓN RELATOS DE MEDO

    Imos aproveitar esta finde longa para poñer ao día os nosos proxectos do cole. Non pensedes que non estivemos a facer cousas malia non podermos desfrutar da biblio como nos gustaría. Neste curso tan especial, a biblioteca sae das súas paredes e reparte libros e experiencias por tódalas aulas do cole. Iso si, as paredes ben baleiras para que a desinfección sexa máis doada.

   Durante os meses de outubro e novembro, co gallo do Samaín, estivemos a traballar coa temática dos monstros, aliados para loitarmos co coronavirus. Neses días escribirmos en moitas aulas uns estupendos relatos de medo. Gianni Rodari, autor que faría 100 anos neste 2020, foi quen nos inspirou estes relatos feitos mediante a súa técnica do binomio fantástico.

      Os dalgunha aula que aínda falta engadirémolos máis adiante.


sábado, 5 de decembro de 2020

AGORA SON OS DE 4 ANOS QUEN NOS EXPLICAN AS NORMAS

    Sómosvos afortunados! Se non comprenderades de todo as normas cos anteriores vídeos, agora veñen os da aula de 4 anos lembrarnos as cousas importantes. Graciñas! Que ben o estades a facer en tódolos cursos!



mércores, 2 de decembro de 2020

PROBLEMAS COS VÍDEOS

    Estamos a ter algúns problemas cos vídeos. Mentres buscamos unha solución, tede paciencia e non esquezades pasarvos outro día polo blog para mirardes tódalas cousiñas. Polo de agora, deixamos aquí este acceso ao vídeo de 3º. Pouquiño a pouco farémolo cos demais. Graciñas!

martes, 1 de decembro de 2020

CONTO PARA A IGUALDADE EN 3 ANOS

 A non violencia contra a muller comeza na educación na igualdade e no respecto a todos e todas sexa cal for a súa identidade e xeito de ser e manifestarse. Os pequechos de 3 anos comezan a traballar este respecto a través do conto Vivan as uñas de cores!, que moito lles gustou.


Vede aquí como traballaron!








sábado, 28 de novembro de 2020

NOVO VÍDEO DE NORMAS NA BIBLIO

    Seguen a nos chegar novos vídeos coas normas da biblio, un traballo de formación de usuarios relacionado coa pandemia e que forma parte do PDI anual. Xa vistes algunhas aulas en acción. Desta volta, tócalles aos cativos de 3º de primaria. Parabéns! Fixéstelo moi ben!

    Podédelo ver aquí



xoves, 26 de novembro de 2020

25 DE NOVEMBRO

    Un novembro máis e de novo é importante reflexionar sobre este tremendo problema. As nosas aulas non esqueceron onte a importancia de "celebrar" este día, e foron moitas as que traballaron lecturas arredor da igualdade e debateron sobre o efecto que nela ten a pandemia. Durante un tempo, irán rolando polo cole dúas mochilas para a hora de ler dedicadas a este tema. Iremos publicando as distintas actividades.

    Comezamos coas imaxes do debate e carteis feitos polos nenos e nenas de 5º de primaria.



BODEGÓNS DE OUTONO. 1ª PARTE

    Tamén comezamos a recibir fotos de estupendos bodegóns e monstros para a segunda edición da Mostra de Fotografía en Familia. Imos deixando aquí as vosas fotos para, despois de que remate (contra a fin do trimestre) o prazo para as enviardes, xuntármolas nunha presentación. Graciñas aos que estades a participar! 

  • ADRIANA E MAIS IAGO (6º DE PRIMARIA E 3 ANOS) preséntannos AS FROITAS E FROITOS DE OUTONO.




  • JULIÁN E MAIS ABRIL (2º DE PRIMARIA E 4 ANOS) tráennos FROITOS ACABADOS DE APAÑAR NUN DÍA DE OUTONO MOI ESPECIAL.


  • MARA (3º DE PRIMARIA) fixo unhas estupendas CREACIÓNS CON ELEMENTOS NATURAIS DE OUTONO.



  • XABI (4º DE PRIMARIA) obséquianos cunha caixa de vizosas DELICIAS DE OUTONO.



domingo, 22 de novembro de 2020

TRABALLO DAS NORMAS EN 6º DE PRIMARIA

    Dentro do noso programa de formación de usuarios, os rapaces e rapazas de 6º de primaria tamén gravaron un vídeo coas normas. Escoitade con atención!



mércores, 18 de novembro de 2020

COIDANDO DOS MOUCHIÑOS. NORMAS BÁSICAS

    Os nenos e nenas de 5 anos vanvos explicar en dous vídeos todo o que tedes que facer. No primeiro, fálannos das condicións que temos que cumprir para ir á biblioteca. No segundo, aclárannos como facermos alí dentro cos libros.




martes, 17 de novembro de 2020

RAP DAS NORMAS

    Para celebrar o Día das Bibliotecas, o pasado 24 de outubro, propuxémoslles a tódalas aulas a confección de lemas, carteis ou vídeos que relacionasen a lectura coa situación Covid e que nos explicasen ben as normas que temos que seguir cando vaiamos á biblio. Xa temos varios traballiños para publicar. 

    Comezamos co primeiro...: O RAP DAS NORMAS. Protagonistas, os nenos e nenas de 4º de primaria.

    Velaquí volo deixamos! Parabéns, rapaces!



domingo, 1 de novembro de 2020

AS NOSAS CABAZAS NO SAMAÍN

    En resposta á petición dos mouchiños da biblio, moitas familias do centro están a nos achegar as cabazas que fixeron para esta celebración. Este ano non poden lucir no corredor, pero expoñémolas igual no noso corredor virtual. Asomádevos e desfrutade do traballo compartido dende as casas! E os que aínda non mandastes a foto, estade tranquilos. Conforme vaiamos recibindo as vosas cabazas, iremos incorporándoas nesta presentación. Poñédea a pantalla completa para verdes ben tódolos detalles!

    Graciñas a todos e todas.


domingo, 25 de outubro de 2020

DÍA DAS BIBLIOTECAS

 


Celebramos este día coa posta en marcha da biblioteca. Aínda que a biblio pareza durmida polas circunstancias da Covid, a vida lectora xa é un latexo en tódolos espazos do cole.

-O protocolo xa está concluído e os cursos xa están a traballar na súa presentación. 

-Os mouchiños xa lanzaron as primeiras iniciativas relacionadas co Samaín e o Monstro Coronavirus. 

-As mochilas de lectura e maila maleta viaxeira están xa facendo o seu percorrido dedicadas ao Día das Escritoras, a creatividade e o medo.

-A hora de ler funciona dende o primeiro día de curso.

-O préstamo está en marcha en moitas aulas ou a piques de comezar nas outras.

-O libro do mes, Os medos do rato pequeno, está á espera de lectores. Xeografías Lectoras fai unha parada este mes nas xeografías emocionais (e o medo é unha das emocións máis fondas... e unha moi acaída nesta época do ano!). Imos navegar nos medos para poder ir alén deles sen que nos deixen paralizados, senón dispostos a seguir avanzando (sempre con prudencia) malia os riscos.

-A celebración do centenario de Gianni Rodari toma a súa primeira forma: a do Binomio Fantástico.

- O noso PDI anual Dándolle unha volta ao planeta II: As cores de Asia. Ananos e xigantes, que se centra este ano na saúde e no mundo asiático a través dos ollos de "ananos e xigantes" (o anano coronavirus o primeiro) comezou tamén a súa andaina. 

- As familias xa teñen a primeira invitación a participar canda nós na vindeira celebración do Samaín.

Coidamos que son moitas invitacións a ler este e tódolos días do ano. 

domingo, 18 de outubro de 2020

DÍA DAS ESCRITORAS

    Celebrouse o día 17 de outubro o Día das Escritoras. Nós imos estar varias semanas remexendo nos textos de dúas escritoras en lingua galega, An Alfaya e María Canosa, das que temos un bo número de exemplares na nosa biblioteca. Xa outros cursos os seus libros formaron parte dos nosos proxectos. A partir do luns rolarán polas aulas de primaria dúas mochilas dedicadas á súa obra. Nalgún momentiño, tamén os de infantil imos poder coñecer o que son quen de argallar as dúas.

    Ademais, ímonos adentrar nos textos e nas imaxes de parellas escritoras-ilustradoras que van da man nesta tarefa de achegarnos as súas historias. Outras dúas mochilas saen de viaxe polo cole. 

    Desexámosvos boas lecturas na hora de ler!

sábado, 19 de setembro de 2020

UN NOVO COMEZO. BENVIDOS!

    Neste novo curso temos dous grandes retos e ámbolos dous querémolos levar adiante. O primeiro, como non pode ser doutro xeito, é acadarmos unha contorna escolar segura, malia as pedras que poñen no noso camiño; o segundo, que a aprendizaxe e o gozo da lectura non se perdan entre o tan necesario lavado de mans e tralas máscaras que dificultan a nosa comunicación. 

    Os retos fixéronse para os valentes e coidamos que nós, toda a nosa comunidade educativa, imos ser este curso uns verdadeiros superheroes. Todos xuntos, reinventando milleiros de estratexias, reinventando espazos e tempos e dende os nosos grupos "burbulla", imos ser quen de construír unha gran muralla chea de experiencias, emocións e aprendizaxes compartidas na distancia. Coma os corais burbulla dos mares do Pacífico, onde rematou a nosa andaina no mes de marzo. Deste punto imos partir agora no novo Proxecto de Biblioteca. Xuntos, pero non revoltos, camiñando canda os demais e  formando, paseniño, un grande arrecife.



    Daquela, comezamos dando conta do lema escollido pola Consellería para as Bibliotecas Escolares neste curso. Xeografías Lectoras quere poñer o punto de atención na habilidade central da aprendizaxe escolar, entendendo a lectura nun sentido de alfabetización múltiple e, porén, referido a tódalas lecturas posibles; en tódolos medios e de tódolos xeitos posibles; lectura "de onte", en papel, e "de hoxe", cos medios electrónicos; lectura cos ollos e coas mans, lecturas inclusivas; lecturas con letras e con imaxes...

   Este é un lema que acae especialmente co proxecto deseñado para este curso, que se vai pór en marcha decontado. 

      A ilustradora Bea Lema é a autora do cartel deste ano. Podédelo ver nesta ligazón.



domingo, 28 de xuño de 2020

RETOS DE VERÁN: 20 de xullo... CADRO NOVO!

    O verán é para desfrutar, para xogar e brincar, para ler e... para pensar tamén, non si? Para seguirdes pensando un pouquiño, imos ir deixando cada semana unhas migalliñas de coñecemento. Atrevédesvos a resolvelas sen mirar a solución?

    Acertastes os cadros que puxemos? Non o testastes aínda? Tranquilos, aquí están todos, por se aínda non mirastes ningún! E despois, outro e outro segundo vaia pasando o tempo!

    Esta vai ser unha entrada na que imos ir renovando o contido ao longo de todo o mes, para non ter que facer mil e unha entradas sobre o tema.

martes, 23 de xuño de 2020

DESPEDIDA EN 3º PRIMARIA

    Os nenos e nenas de 3º fan unha despedida moi especial enviándonos as súas mensaxes dende casa. Que teñades un bo verán!

PEQUENOS XESTOS EN 3º DE PRIMARIA

    Durante toda a corentena, moitas aulas contribuíron a coidar do planeta utlizando para os seus traballiños todo o refugallo que tiñamos pola casa. Aí atras, os Mouchiños pedíronnos que lles contásemos que estabamos a facer pola nosa amiga a Terra. Algúns compañeiros de 3º de primaria enviaron os seus debuxos. Graciñas, sodes uns campións!




venres, 19 de xuño de 2020

DESPEDIDA EN 6º DE PRIMARIA

    Unha nova promoción abandona o cole despois de nove anos connosco. Non puideron despedirse como lles gustaría no festival, pero tiveron a súa graduación virtual, na que estiveron acompañados das súas profes e tiveron a sorpresa de reencontrar moitas que acompañaron a súa medra. Parabéns a todos e todas! Ímosvos botar moito de menos!





FIN DO CURSO... MÁIS DESPEDIDAS. 4º DE PRIMARIA

    4º de primaria despide este curso. Que pasedes todos e todas un bo verán! Vémonos á volta!


xoves, 18 de xuño de 2020

martes, 16 de xuño de 2020

DERRADEIRO MARTES INCLUSIVO DESTE CURSO

    Hoxe publicamos a derradeira entrada (deste curso) do recuncho Martes Inclusivo que abrimos no terceiro trimestre. É a quenda de Alí Babá.

luns, 8 de xuño de 2020

8 DE XUÑO. DÍA MUNDIAL DOS OCÉANOS

    Os océanos eran un dos puntos nos que centrabamos a atención no noso PDI inacabado por mor da pandemia. No vindeiro curso imos retomar algúns dos seus obxectivos e contidos. Entrementres, non queremos deixar pasar este día sen vos recomendar unha lectura moi acaída. Velaquí a presentación.

PLASTICUS MARITIMUS

sábado, 6 de xuño de 2020

CONTO EN INFANTIL

    Os nenos de infantil adaptaron o conto de Ricardo Carballo Calero As pitas baixo a choiva. Este é o resultado.

venres, 5 de xuño de 2020

5 DE XUÑO. DÍA DO MEDIO AMBIENTE

    Malia que no curso seguiremos a voltas co planeta e o seu coidado, queremos rematar esta parte do noso PDI cunha nova iniciativa. Cómpre reflexionar se intentamos, a pesar das circunstancias, seguir cos nosos propósitos arredor deste coidado. Se non o fixemos, podemos escribir tamén un propósito para as vacacións que xa están aí. Animádevos e contádenos que fixestes (ou que ides facer)!



martes, 2 de xuño de 2020

MARTES INCLUSIVO


                                                    O CAZO DE LORENZO

HORA DE LER: SEMANA DO MEDIO AMBIENTE

    O 5 de xuño, o venres, é o Día do Medio Ambiente. O cambio climático era un dos contidos presentes no desenvolvemento do noso PDI. Non podemos achegarnos ao expositor de lecturas que teríamos aínda instalado na biblio, pero si podemos acceder a distintas lecturas dixitais que nos acheguen a problemática do clima. Xa estabamos a dar pequenos pasiños nas aulas cos nosos compromisos e o traballo por un patio limpo. A partir de agora, e sen perdermos de vista a nosa propia saúde e a da comunidade, temos que volver pensar tamén na saúde do planeta.
 
    Deixamos, no canto de libros, publicacións e revistas arredor da ecoloxía e diversidade.

    Non esquezades que a todo o que lemos temos que pasarlle sempre o filtro da ciencia, o único xeito de levarmos a cabo unha análise crítica.

conciencia eco

national geographic

muyinteresante

gciencia

OS CONTOS DE BEA

Como xa vos contamos nalgunha ocasión a profe Bea leva un obradoiro de contos en 1º que, agora de xeito virtual, céntrase na viaxe escrita por Xulio Verne "A volta ao mundo en 8o días" Estos son os vídeos dos contos que ainda non publicáramos. Desfrutade

CONTOS DO MUNDO:

COMENZANDO A VIAXE



ITALIA:
ROSA CARAMELO



EXIPTO: SO, O DROMEDARIO SO





RUSIA: LOBOFEROZ





INDIA : MAYA E O IOGA




CHINA: A RAÍÑA TROTAMUNDOS NA CHINA

venres, 29 de maio de 2020

O ANDEL DO METEOARTE

Completando unha das exposicións que tiñamos nos andeis da biblio presentámosvos esta expo virtual arredor da pintura das "estacións".

mércores, 27 de maio de 2020

ADIVIÑA A PALABRA

As palabras foron algo moi importante no traballo de Ricardo Carballo Calero. Imos aprender algunhas delas

domingo, 24 de maio de 2020

NOVA RECOMENDACIÓN LECTORA

Antía de 3º de Primaria envíanos a súa recomendación.


FAME DE PALABRAS

Xa está quí a nosa presentación coas palabras que escollestes, palabras todas moi fermosas da nosa lingua galega. Se alguén aínda non a mandou e quere participar, xa vos dixemos que non hai problema. Incorporamos enseguidiña ós que van máis amodiño, pero bulide!...que o curso xa está case a dar o seu chimpo final. Se alguén decátase, de que a súa palabra non está, avisade! Ao mellor quedounos algunha atrás!. Disfrutade e, sobre todo, léde e falade en galego!



VIDEORRECOMENDACIONS LECTORAS

Inés e Xabi de 3º de primaria envíannos as súas recomendacións lectoras.









sábado, 23 de maio de 2020

COUSIÑAS DE CIENCIA DENDE CASA

Xa no mes de marzo fixemos cousas sobre mulleres científicas; agora dende casa abondamos no tema:


TRABALLO SOBRE RICARDO CARBALLO CALERO

Gael de 6ºB fixo este traballo sobre Ricardo Carballo Calero.

                                                            PODEDES VELO AQUÍ

LETRAS GALEGAS: O POEMA DE 1º DE PRIMARIA

Os nenos e nenas de 1º de Primaria fixeron este vídeo recitando un poema de Rosalía de Castro. "Negra sombra"

LETRAS GALEGAS: BIOGRAFÍA DE CARBALLO CALERO

Candela de 6ºB fixo este vídeo contándonos a biografía de Ricardo Carballo Calero, autor homenaxeado este ano. Moi ben, Candela! Boa iniciativa.!



UN ARTISTA

Eloi de 2º de primaria fixo este impresionante debuxo coa técnica do puntillismo dentro da súa viaxe a India, que forma parte das tarefas feitas dende casa. Un artista! Parabéns, Eloi!


ACTUALIZANDO BIBLIOCASA!

Nas entradas que seguen imos intentar poñer ao día ao blog con tódalas cousiñas que nos estades mandando. Aínda que non o pareza o tempo non dá para todo, e as cousiñas vanse amoreando. Imos ver se somos quen nesta finde de darlle saída a case todo.

xoves, 21 de maio de 2020

DÚAS PRESENTACIÓNS

Este tempo que levamos metidos na casa non estivemos quietos.  Foron moitos os nenos e nenas, e as súas famililas, que participaron e participan nas diferentes propostas da biblio e outros equipos de traballo do noso centro.
Hoxe traemos aquí AS NOSAS PITAS actividade desenvolvida polos cativos de infantil arredor dun dos animaliños "estrela" de Ricardo Carballo Calero. Neste momento seguen dándolle ás pitas coa feitura do conto "As pitas baixo a choiva". Pero esa é outra historia que xa vos contaremos.

Por outra banda infantil e primaria partiparon da Festa dos maios, elaborando colares, maios, coplas e adornando os barcos, como é tradicional, cunha xesta. OS MAIOS DO CONFINAMENTO recollen estes traballos.






martes, 19 de maio de 2020

RECUNCHO LECTOR: MARTES INCLUSIVO

Iniciamos no derradeiro mes de clase un novo apartado LECTURAS INCLUSIVAS. Comezamos cunha lectura relacionada co noso PDI  e o Proxecta Aliméntate ben.

A MELLOR SOPA DO MUNDO

luns, 18 de maio de 2020

HORA DE LER DO 18 AO 22 DE MAIO

A editorial Pintar-Pintar ofrécenos unha chea de lecturas on line. Escolle a túa. Selecciona o hastag 
#yomequedoencasacastellano, porque algunhas das lecturas que ofrece son en asturianu.

LECTURAS


Ademáis temos o libro dos Bolechas xa recomendado

OS BOLECHAS.


NOVAS SUXERENCIAS EN GALEGO

Ollade as novas actividades que suxerimos para a segunda metade do mes das Letras Galegas.

domingo, 17 de maio de 2020

FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS!

Para que este día non nos pase desapercibido deixamos aquí unha escolma de recursos rescatados da rede. Moitos xa os tiñamos publicados no blog Fonte dos Frades, pero agora témolos mellor organizados. 
E lembrade....o Día das letras galegas tamén é tódolos días! 

sábado, 16 de maio de 2020

MES DAS LETRAS: FAME E SUXERENCIA

Este mes imos ir facendo cousiñas arredor das Letras Galegas, xa volo vimos contando dende hai tempo.
 Xa participamos nos "Maios do confinamento", do que enseguidiña poderedes ver unha presentación, e agora temos entre mans FAME DE PALABRAS. A presentación tamén está a piques de sair do prelo, pero eso non quere dicir que non poidades seguir participando. Xa sodes moitos e moitas de moitos cursos diferentes os que enviastes a foto. Algunhas profes tamén se animaron. Podedes aínda enviarnos a vosa palabra,...nenos, nenas, profes e familias.  Sí vós tamen podedes! E se incluides unha foto vosa co libro e a palabra mellor, pero non é obrigatorio!
Todos podemos compartir a marabilla de sermos falantes dunha lingua fermosa e moi chantada na realidade. Ser plurilingües fainos máis grandes!







Ademáis queremos compartir con todos a lectura deste conto sobre o autor homenaxeado Ricardo Carballo Calero, que nos fixo chegar unha "mamá" da nosa comunidade educativa.
 É da colección Letras Galegas dos Bolechas. 

Os bolechas

luns, 11 de maio de 2020

HORA DE LER 11 AO 15 DE MAIO

Nas horas de ler deste mes festivo na lingua galega imos facer cousas especiais, ademáis de ler e reler o que xa temos nas casas e algunha outra lectura que poidamos conseguir. Lembrade que nesta fase 1 xa podemos acceder algúns recursos como as nosas familias, amigos, librerías. Incluso algunhas bibliotecas xa están abertas.
Nós amén seguiremos a ofrecer recursos novos.

QUE QUEREN FACER OS MOUCHIÑOS NESTA SEMANA?

Unha actividade que se chama FAME DE PALABRAS. Tedes que procurar as vosas lecturas en lingua galega. Escoller unha e entresacar dela UNHA PALABRA. Non ten que ser bonita, nin interesante, nin estraña. Só unha palabra que apareza no libro.

Escribídea nun papel (podedes decoralo se queredes) e xunto co libro escollido facédelle unha foto. Enviádenola ao correo      parrococamilo@gmail.com. Nós faremos unha montaxe con tódalas fotos que nos enviedes.

Deixámosvos este vídeo do contacontos do libro A COLECCIONISTA DE PALABRAS para ir facendo boca.

martes, 5 de maio de 2020

O MAIO DE ALDARA

Aldara da aula de 3 anos amósanos o seu maio. Parabéns, Aldara. Estamos encantados. Ademáis unha chea de pequenos fixeron os seus colares de pampillos. Aínda podedes animarvos a facer o voso.


HORA DE LER DO 4 AO 8 DE MAIO


Aquí temos algunhas lecturas máis que engadir ás xa recomendadas.


SECRETOS DE FAMILIA

FLIP-FLOP un conto sobre a inclusión. Cedido de balde por "Plena inclusión".

LEOTOLDA

CAPERUCITA DE COLORES
https://issuu.com/grupoanayasa/docs/bc00460101_08_caperucita_colores

luns, 4 de maio de 2020

venres, 1 de maio de 2020

XA TEMOS O PRIMEIRO MAIO

Álvaro, da aula de 4 anos, e o seu avó, fixeron o primeiro maio. Este é un maio tradicional natural, pero xa sabedes que o podedes construir tamén con material reciclado.
Eles dous pasaron unha mañá de moito traballo, pero abofé que están moi satisfeitos co resultado. Parabéns!







xoves, 30 de abril de 2020

PROPOSTA DE LECER TRADICIONAL EN FAMILIA

Maio é o mes galego. Mes dos maios, mes das letras. A nosa lingua vai centrar este mes tódalas propostas.
Velahí vai a primeira...

OS MAIOS DO CONFINAMENTO
Este ano algunhas prazas de Vigo non poden encherse cos tradicionais maios, nin podemos gozar da representación tradicional de cantos e bailes. Tampouco podemos viaxar aos lugares onde hai máis tradición, coma Redondela, Marín, Vilagarcía  ou Ourense, por poñer algúns exemplos.
Daquela, invitámosvos a confeccionar un pequeniño, facerlle unha foto e enviárnola. 

Un maio ten normalmente unha estrutura cónica feita con varas e bimbios e recuberta con fiuncho, hedra, outras herbas e adornada con flores, laranxas, limóns,  banderolas de papel, cáscaras de ovos,...
Que podemos facer nós? Segundo onde vivamos podemos facer:

- un maio vexetal 
-ou atrevernos a facer un con material reciclado. Neste caso, unha estrutura de cartón, unha botella ou un cono de papel serviranos. Podemos recubrila de papeis verdes, follas de cartulina e decorala con flores de papel e outros adornos que atopedes pola casa.

Animádevos!

Ademáis os maios van acompañados moitas veces de coplas cunha letra crítica ou burlona. Este ano temos un inimigo moi claro contra o cal poderíamos compoñer moitas estrofas. É unha posibilidade pero hai moitas outras. Podemos simplemente cantarlle ao mes de maio, no que xa un pouquiño imos poder sair das nosas casas.

Se alguén se anima adiante, os mouchiños estamos tamén dispostos a recibir audios, textos ou vídeos coas vosas coplas.

Deixamos un poema e unha canción no "fonte dos frades" para que vos serva de inspiración.

sábado, 25 de abril de 2020

JULIÁN GIOCONDA

Julián é dos que repiten as cousas divertidas. Xa participara na proposta organizada por infantil e agora volve facelo. A  profe Diana propuxera tamén que traballaran coa Gioconda como parte do seu proxecto sobre Italia.
O que fixo Ada xa o vimos. Esto é o que fixo Julián. 



RECIBIMOS OS PRIMEIROS CADROS DE ARTE E BIBLIOTECA

Respondendo á petición dos mouchiños, chégannos as primeiras obras de arte.
Ada de 1º de Primaria e Noa de 3º atrevéronse con dous cadros que se exhiben en París.
Ademáis da súa interpretación, agasállannos co "como se fixo", cousa tamén moi importante. Ada e Noa encargáronse de pintar os cadros que lles ían servir de fondo. O que faltaba despois era  vestirse e interpretar. E pasarono moi ben!.

A Mona Lisa de Leonardo Da Vinci, que se expón no Museo do Louvre, foi o que escolleu Ada.
Noa escolleu "A lectora" de Renoir, que se expón no Museo de Orsay. E posou co libro "Viaje al Reino de la fantasía"de Gerónimo Stilton. 
Participan nas dúas categorías que propuxemos. Agora que as vedes, e que xa vistes o ben que o pasaron en infantil, agardamos que vos animedes moitos de vós. Graciñas, Ada, Noa e a súa familia!.















MES DO LIBRO REUTILIZANDO

Reutilizamos lecturas ás que non podemos acceder no papel e falamos de reutilizar, algo que acae moi ben no traballo que estabamos a facer nos ultimos meses no cole. Algúns, os pequenos, están aproveitando moito material de refugallo para aprender unha morea de cousas. Agardamos que os maiores tamén o esteades facendo.
Escoitade este conto especial do noso escritor Ramón Trigo, que deixamos aqui co permiso do Museo Marco da nosa cidade.


venres, 24 de abril de 2020

xoves, 23 de abril de 2020

...PINGAS EN ACCIÓN

Ademáis das propostas xa feitas que sempre seguen en marcha temos unha nova iniciativa para completar o noso PDI...a lectura compartida do libro de Pigafetta, o cronista da Viaxe de Elcano.
Era algo que iamos facer na biblio, pero que agora podemos facer tamén na distancia. Mentres rematamos unha presentación con tódalas iniciativas vindeiras, deixamos aquí este flash.



COMPARTINDO...

PINGA 2, 3, 4, 5...

Video realizado polos nenos e nenas de 6ªB




OS CONTOS DE PRIMEIRO



O CONTO DA PROFE BEA



AS PROPOSTAS E CONTOS  FEITAS POLAS FAMILIAS

UN
DOUS
TRES
CATRO 
CINCO











FELIZ DÍA DO LIBRO....

Hoxe temos unha chea de propostas para completar o noso mes do libro, pero imos ir pinga a pinga.

PRIMEIRA PINGA


Hoxe ás 12 da mañá temos unha cita especial. A ver se somos quen de chegar a tempo


luns, 20 de abril de 2020