xoves, 25 de abril de 2024
CELEBRANDO O DÍA DO LIBRO EN 1º E CONTO ESPECIAL
mércores, 24 de abril de 2024
SUXESTIÓNS LECTORAS EN 3º. DÍA DO LIBRO
domingo, 25 de febreiro de 2024
DÍA DA MULLER E A NENA NA CIENCIA. PRIMEIROS PASOS
Primeiros? Como todos sabedes, a Ciencia sempre está presente nos nosos proxectos de centro e de aula e o desenvolmento do pensamento é un dos nosos obxectivos básicos, xa dende as aulas dos pequenos. O día "oficial" da muller e a nena na ciencia coincidiu nas vacacións, pero xa dende principio de curso vimos traballando a educación científica, a observación da natureza e dos procesos e a análise dos datos que imos recollendo.
Agardando o obradoiro de experimentos previsto para a primavera e as pescudas sobre científicas que desenvolveremos no Día da muller, os nenos de 4 anos adiantáronse e estimularon a súa curiosidade científica facendo experimentos coa chama dunha vela. Hipóteses e comprobación: o método científico.
Foi xenial!
Os ciclos da vida e as interaccións serán outras das teimas nas que nos enlearemos na vindeira parte do PDI. Esta primavera adiantada do mes de febreiro trouxo de sorpresa na aula de 5 anos o nacemento prematuro dos vermiños de seda, sen case folliñas para lles dar de comer. Conseguiremos salvalos?. Estes observadores científicos xa pensan solucións.
domingo, 11 de febreiro de 2024
LABORATORIO CREATIVO DE DISFRACES

SEMANA DA PAZ: PALABRA E POESÍA NO BOSQUE GALEGO
As lecturas pola paz escollidas, a poesía e o desenvolvemento do noso PDI fundíronse para argalla-las actividades que durante a derradeira semana de xaneiro ocuparon as nosas aulas.
A necesaria reflexión sobre a paz e a convivencia levounos a pensar sobre o valor das palabras e o noso empeño en que non as leve o vento e poidan facerse realidade coas nosas actitudes e relacións no día a día. A paz, que en moitas zonas do mundo estáse a perder a pasos axigantados, comeza sempre nas pequenas cousas. Ese é o noso granciño neste momento da infancia. Empezar a construir para manter a paz durante toda a vida.
O conto Palabras con corazón e maila obra poética Bicos e non Balas do noso autor galego Antonio García Teijeiro guiaron esta reflexión e inspiraron as palabras que todos nós escollemos e ilustramos para construir no mural da entrada o noso propio camiño de paz. O bosque de oliveiras, símbolo universal de paz, foi o contedor no que trazamos este camiño. Oliveiras e palabras que foron o noso traballo compartido, grandes e pequenos deixando a súa creatividade e as súas emocións no papel. Poderemos gozar e re-ler os nosos desexos durante moito tempo.
Para rematar este tempo compartido xuntámonos o propio día 30 de xaneiro no patio para ler e escoitar as palabras do poeta, recitadas e berradas polos nosos compañeiros de 6º e 5º de primaria.
domingo, 24 de decembro de 2023
sábado, 23 de decembro de 2023
o acivro de nadal
O acivro de nadal acompaña nesta celebración as dúas árbores de outono que xa poboaban a nosa fraga galega. Canda todas elas o pequeno bosque de arboriñas #reutiliza que as aulas e familias aquelaron para a nosa exposición
A VISITA DE PAPÁ NOEL
Despois de moito preparar a chegada de Papá Noel e escribirlle tamén as nosas cartas ós Reis Magos, chegou o día de estar con el e darlle, os máis atrevidos, unha aperta. Algúns foron quen de cambiar unhas palabras con el; os que non, fixeron a foto e recolleron un primeiro agasallo de Nadal. Que ben o pasamos!
CONTACONTOS NO REMATE DO TRIMESTRE
As contadoras de infantil, Lara e Candela, quixeron rematar o trimestre contando un conto para os peques, Unha carta para Papá Noel. Mentres agardabamos o intre no que achegarnos a Papá Noel foi un bo xeito de pasa-lo tempo.
mércores, 6 de decembro de 2023
EN PRIMEIRO ADIANTÁRONSE NA PARTICIPACIÓN
A aula de primeiro loce e goza desta estupenda decoración feita polas familias con materiais reutilizados e reciclados. Eles adiantaron a súa participación no coidado do planeta e levan días cos seus estupendo adornos. Que siga a festa!
martes, 5 de decembro de 2023
O PRIMEIRO ADORNO DENDE AS CASAS
Eiden, de 6º de primaria, amósanos a coroa de nadal que fixo reutilizando pólas das árbores. Unha estupenda estrea do noso reto #reutilizamos e moi ben aquelado co noso PDI adicado ós bosques.
sábado, 25 de novembro de 2023
GUAPA E OUTRAS ACTIVIDADES NO 25N
Dentro das actividades adicadas a traballar a violencia de xénero no 25 de novembro Guapa foi o conto escollido para os debates e actividades arredor deste tema, tendo a autoestima como valor fundamental na prevención e loita contra a violencia que afecta ás mulleres. Estes días e durante todo o curso haberá moitos debates e propostas para seguir este traballo. Educarmos persoas, homes e mulleres, con carácter e valores moi claros respecto da igualdade e a tolerancia irá pondo ladrillos firmes na construción dunha sociedade sen violencia sexista, na valoración e aceptación de nós mesmos e dos outros.
A variña máxica da bruxa sérvelle para transformarse ó seu antollo, seguindo os consellos de personaxes que non a queren ben. Nós fixemo-la variña para aprender a distinguir esas persoas "tóxicas" que queren mudarnos para manexarnos e facernos mal.
Ao mesmo tempo os maiores traballaron arredor da linguaxe debatendo e tamén confrontando palabras positivas e negativas nuns estupendos "pasapalabras" contra a violencia.
Ao longo do trimestre o obradoiro de Mullereandum contribuiu co seu traballo nos 6 cursos de primaria a falar e vivenciar valores positivos nas relacións entre todos. Tedes os vídeos nesta ligazón
mércores, 1 de novembro de 2023
EXPOSICIÓN DE CABAZAS E FESTA DO SAMAÍN
Tivemos a sorte de que todos vós, as familias do no noso cole, respondendo á nosa petición, enviastes unhas abraiantes cabazas baixo o lema do noso PDI . A nosa entrada encheuse coas vosas creacións enmarcadas polos estupendos murais feitos en Arts e nas distintas aulas.
Durante toda a semana as aulas buliron preparando tradicións e festa de Samaín: contos, manualidades, obradoiros de papiroflexia, baleirado de cabazas,obradoiros de luz e medo,...un mundo de diversión.
mércores, 18 de outubro de 2023
luns, 16 de outubro de 2023
NOVO CURSO E XA EN OUTUBRO...
Coma adoita ser, no mes de outubro a nosa biblioteca comeza unha nova andaina. Xa hai varias semanas que estamos abertos no recreo para pasar o lecer lendo ou xogando, con moita asistencia e peticións de lectura. Enseguidiña darán comezo os obradoiros, dos que iremos dando conta: o primeiro deles o de cosido e gancho, tan agardado por moitos e moitas!.
Os expositores vánse enchendo pouco a pouco; xa comezaron as actividades complementarias e os préstamos e lecturas na sala das diferentes aulas. A radio está lista para empezar a emitir e o Proxecto anual preparado... A semana vindeira, co Día das bibliotecas e as lecturas compartidas, inauguraremos oficialmente as actividades e despois xa será un non parar!. Daquela, adiante e boas lecturas e aprendizaxe tamén neste curso!
Hoxe Día das escritoras engadimos a Ánxeles Ferrer e mais a Irene Pérez Pintos a listaxe de autoras que destacamos. Moitos dos seus contos van ser protagonistas das actividades que ao longo do curso iremos debullando. No seu día especial, o primeiro que toca é lembrar quen son; algunhas das súas historias témolas na biblio e xa están no andel especial desta efeméride. Con esta presentación lembrámolas a elas e as autoras de anos pasados.
domingo, 2 de abril de 2023
DÍA DOS BOSQUES E DA ÁRBORE AO LONGO DO MES.
Infantil celebrou o día da árbore plantando o castiñeiro que vimos coidando dende hai un ano. A nosa arboriña medrou xa o suficiente para ocupar un espazo no noso xardín. Non o dubidamos, procuramos un sitio para ela e puxémonos cos sachiños a facer un gran burato para plantala.
Ademais neste curso xerminamos sementes de maceira, aguacates e chibilis que xa estaban preparados, case todos, para viaxar as nosas casas. Os que aínda son moi pequenos quedaron na aula para non perderlle a pista. Fomos todos coas arboriñas moi ledos e agardamos que na casa sigamos a darlle bos coidados.
Coma este 21 de marzo tamén era o día da Poesía os de 4 anos inventaron, mentres plantabamos o castiñeiro no xardín, un poemiña contando a nosa experiencia. Sementamos ao tempo poesía e árbores.
POEMIÑA 1,2,,4 TEMOS ARBORIÑA XA!
Os contos que todos estes días estivemos a ler e algún que lemos especialmente para esta xornada completaron a celebración. Ademais quixemos gravar na radio as nosas lerias deste día.
En canto deixou de chover foron os nenos de 5º e 6º os que puideron gozar desta celebración camiñando ata os montes de Santo André e poñendo os seus granciños de solidariedade para previr o desastre dos lumes. Podedes velos aquí.


































.jpeg)
.jpeg)




.jpeg)

