Amosando publicacións coa etiqueta diadolibro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta diadolibro. Amosar todas as publicacións

sábado, 25 de abril de 2020

RECIBIMOS OS PRIMEIROS CADROS DE ARTE E BIBLIOTECA

Respondendo á petición dos mouchiños, chégannos as primeiras obras de arte.
Ada de 1º de Primaria e Noa de 3º atrevéronse con dous cadros que se exhiben en París.
Ademáis da súa interpretación, agasállannos co "como se fixo", cousa tamén moi importante. Ada e Noa encargáronse de pintar os cadros que lles ían servir de fondo. O que faltaba despois era  vestirse e interpretar. E pasarono moi ben!.

A Mona Lisa de Leonardo Da Vinci, que se expón no Museo do Louvre, foi o que escolleu Ada.
Noa escolleu "A lectora" de Renoir, que se expón no Museo de Orsay. E posou co libro "Viaje al Reino de la fantasía"de Gerónimo Stilton. 
Participan nas dúas categorías que propuxemos. Agora que as vedes, e que xa vistes o ben que o pasaron en infantil, agardamos que vos animedes moitos de vós. Graciñas, Ada, Noa e a súa familia!.















venres, 24 de abril de 2020

LENDO CON ARTE

Temos unha proposta lúdica para estes días nos que seguimos confinados...Animádevos!. Pode ser divertido. Podedes participar na modalidade de cadros con libros ou en cadros libres.

sábado, 4 de maio de 2019

MES DO LIBRO...PADRIÑOS LECTORES

Padriños e madriñas lectores xa é un clásico do noso centro.  Este curso, polas características do segundo trimestre, tivemos que adialo un pouquiño. Onte venres, rompendo xa a medrar o mes de maio, puidemos celebralo unha vez máis. Coma sempre, éxito lector total; ademais dun día de sol e calor xustiña que nos acompañou e animou. As lecturas, mil! .Os padriños e madriñas afanáronse en ler unha e outra vez ós seus afillados e os afillados maiores de primeiro e segundo tamén foron quen de lerlle ós padriños e madriñas. Os máis pequenos tamén gozaron abondo, nervios iniciais incluidos.
Mentres imos xuntando as moitas fotos feitas, ide desfrutando destas primeiras.









domingo, 29 de abril de 2018

MES DOS LIBROS:PADRIÑOS LECTORES

O pasado venres e a pesares do día que non prometía nada bó (metereolóxicamente falando) celebramos unha nova edición dos "padriños lectores". Aínda que non era a primeira experiencia para a maioría dos nenos e nenas, padriños, madriñas, afillados e afilladas estaban moi nerviosos e debecían porque chegase ao intre sinalado.
Foi un goce, coma sempre, mirar a tódalas parellas ler e compartir; e tamén escoitar o son de mil lecturas a un tempo...todos desfrutamos moito e os nenos e nenas desfrutaron ainda máis.
Non o dubidamos.. o ano que ven volveremos cos "padriños" e xa estamos desexando que chegue unha nova edición!!



MES DOS LIBROS: OS OLLOS DOS LECTORES

Contámosvos hai uns días que queriamos facer unha montaxe coas recomendacións lectoras que fixeron os nenos e nenas de cada aula aos seus compañeiros. Como sabedes, todos -ou case todos- trouxeron un libro da casa ás aulas co que organizamos unha actividade de préstamo entre familias.
A semana pasada puidemos facer as fotos de todos coas súas suxerencias e agora xa temos os vídeos preparados. Non teñen a calidade que nos gustaría porque nos fallan as ferramentas...pero o importante é que todos podemos ver os libros que recomendaban en tódalas aulas.
Daquela aquí os tedes...4 videos agrupando as distintas aulas.
Para unha visualización máis rápida deixámosvos tamén o enlace aos pdfs.

INFANTIL

 

PRIMEIRO E SEGUNDO

TERCEIRO E CUARTO

QUINTO E SEXTO

ENLACES AOS PDFS

AULAS QUINTO E SEXTO

AULAS TERCEIRO E CUARTO

AULAS PRIMEIRO E SEGUNDO

AULAS INFANTIL

luns, 23 de abril de 2018

MES DOS LIBROS: PRÉSTAMO ENTRE FAMILIAS

A mañá do luns 23 de abril foi unha xornada de emocións. Semella que nunca levaramos ningún libro para casa. Estamos ben afeitos ás viaxes dos nosos libros: libros que van para a casa dende a nosa biblio, libros que veñen das casas para as aulas para encher os nosos proxectos, libros para lermos xuntos nas horas de ler, libros das maletas viaxeiras que viaxan dende a biblio, libros das mochilas viaxeiras que veñen e van, libros nos expositores e nos contacontos dos xoves...un mundo de oportunidades de lectura. Ainda así, produciunos unha emoción enorme poder levar para casa o libro dun compañeiro ou compañeira; ese libro que trouxeron e trouxemos para compartir con todos. Gracias a tódalas familias por participar neste proxecto. Sinxelo, pero moi motivador. Ollade senón as fotos da actividade nalgunhas aulas...  e algúns dos preparativos... e dentro duns días poderedes ver tamén a nosa montaxe.

MICA TAMÉN LEVA UN LIBRO

AS BOLSAS PREPARADAS


O CONTROL DOS PRÉSTAMOS


OS DE CATRO FACENDO INTERCAMBIO



 

domingo, 22 de abril de 2018

UN VIGUÉS...A VOZ DO 23 DE ABRIL

Como xa vos dixemos, mañá é 23 de Abril e, ainda que non é bó apegarse só as datas porque o importante é celebrar todo día a día, non queremos deixar de sinalar que nesta data é un vigués o encargado de facer o manifesto a favor da lectura; xa tradicional  no día do libro.
As súas palabras parécennos moi acertadas porque dá na chave da importancia da lectura para todos e para todo. Ler permítenos coñecer outros mundos, outros soños e outros pensamentos e o facelo abre a nosa mente e fainos máis libres e concientes. Deixo aquí o seu texto para que vós mesmos reflexionedes e opinedes.

http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/files/diptico_diadolibro18_2.jpg

MES DOS LIBROS: TEATRO DE SOMBRAS NA BIBLIO

Este pasado martes 17 de Abril, xa celebrando o mes dos libros, tivemos o pracer de acoller na nosa biblioteca un teatro de sombras moi especial. A compañía "Os asomados" do cole San Rafael fixo dous estupendos pases do conto "O monstro de cores" coa  técnica de  sombras. Fixérono moi  moi ben e puidemos desfrutar moito coa súa montaxe. Non importou que case todos xa coñecesemos o  conto, especialmente os máis pequenos. Durante o tempo que durou a representación ninguén pestanexou!!... é un conto moi especial para todos.
Ademáis despois  puidemos coñecer a tódolos compoñentes do grupo e falar con eles. Tamén puidemos meternos entre "bambalinas" e coñecer o traballo que desenvolveron para poder contarnos o conto dese xeito tan especial.
Foi un pracer, coma sempre é o teatro ben feito, e xa estamos a desexar que volvan coa súa próxima montaxe.






xoves, 2 de xuño de 2016

EXPOSICIÓN DE LIBROS DISPARATADOS

Ven de rematar neste pasado mes de de maio a exposición de libros con títulos disparatados que estivo a disposición de tódolos nenos e nenas do cole dende o pasado 12 de abril. Foi un éxito de participación, tal foi a enchente de libros diferentes que se mandaron dende as casas, a maioría dos cales non os coñeciamos e foi unha sorpresa para todos disfrutar deles. 
Graciñas a tódalas familias que participastes. Os libros deberían xa estar de volta na casa, agás os dalgunha aula que aínda quixo desfrutar un pouqueniño mais deles. Na foto non están todos os que houbo neste mes e medio porque ainda seguiron chegando os libros despois de inaugurada a exposición (e feita a foto).



xoves, 7 de abril de 2016

OS MOUCHIÑOS PIDEN AXUDA AOS PAIS E NAIS

Os proxectos saen mellor cando se comparten ideas. Daquela os mouchiños non dubidan e facer propostas nas que todos poidamos participar.Os nenos e nenas do cole están cumplindo pasiño a pasiño todo o que as mascotas da biblio nos van pedindo. Agora só faltaba que as familias tiveran a súa oportunidade de aportar algo tamén. O mes do libro e a exposición final do Proxecto documental semellaban ser as ocasións perfectas para que esta colaboración se volvera producir despois do éxito da recollida de arrolos do mes de Xaneiro. Esta foi a carta que chegou ás casas de todos nós e que xa está dando os seus froitos.



Así que se aínda non vos animastes, xa sabedes !!

luns, 27 de abril de 2015

OLI VISITA O COLE NO DÍA DO LIBRO

O 23 de Abril, día do libro, recibimos na biblioteca a un escritor moi especial. "Oli" achegouse ao noso cole para compartir cos nenos e nenas de 1º e 2º unha lectura moi especial: a do conto "Leocadio o león" e tamén algunhas outras historias vellas e novas. Os protagonistas cóntanolo e amósannos as fotos que fixeron...

"Estes días andabamos moi atarefados lendo nas nosas aulas un libro titulado “Leocadio, o león”. A verdade é que estaba moi interesante xa que, pouquiño a pouco, fomos colléndolle cariño a ese leonciño que ía trazando a súa historia tan preto de nós. Despois de rematalo e, coincidindo co Día do Libro, recibimos un agasallo na biblioteca da escola que nos encheu de ilusión e emoción. Alí estaba Oli, o escritor do conto ao que lle adicamos tantos momentos na clase, compartindo connosco a súa traxectoria como escritor. Falounos de Leocadio e doutros moitos libros que tiña escritos, pero o máis emocionante foi cando nos ensinou o borrador da súa próxima historia que pronto estará nas librarías. Tamén nos relatou contos marabillosos e amosounos moitos tesouros que traía agochados no seu maletín. Para rematar asinounos os nosos exemplares e mesmo o da biblioteca do cole. Un pracer ter compartido con el este tempo".


xoves, 23 de abril de 2015

O DIA DO LIBRO. PADRIÑOS LECTORES

Probámolo o ano pasado e tanto nos gustou que quixemos repetir e agora que ven de pasar xa a data os pequenos aínda seguen a preguntar cando volven os padriños e madriñas a nos ler os contos. 
Adiantámonos dous días á data oficial por mor da nosa axenda que nalgúns momentos do curso está mais chea ca dos ministros (e este mes de abril  non paramos de tantas novidades que chegan ao cole). O pasado martes 21 deabril cun día de sol bastante agradable quixemos encher o patio de lecturas a alá saimos todos - grandes e pequenos, padriños e madriñas, afillados e afilladas - a disfrutar das lecturas. Semella que ainda non o entendemos ben, ou non nos atrevemos a "encher o patio" e acabamos case todos no mesmo lugar, pero non importou. Malia a veciñanza de moitos, cada grupiño estaba concentrado nas súas lecturas e nada parecía distraernos. 
Foi un longo cacho de lectura superdisfrutado. Algúns padriños agasallaron os afillados con marcalibrosopreciosos, pero eu coido que un dos mellores agasallos foi a iniciativa dos cativos de primeiro que quixeron non só escoitar o que lles leron, senon tamen ler eles mesmos- coa súa "case"recen estrenada habilidade lectora- aos seus padriños e madriñas.


xoves, 1 de maio de 2014

XOVES DE AVENTURAS COA FESTA DO LIBRO

Dende a biblioteca quixemos achegarnos á celebración do día do libro mergullándonos no seu interior e descubrindo cos Bolechas como se fai un libro, como chega ás nosas mans. No marco do obradoiro " O libro por dentro" programouse a lectura e presentación do conto "Os bolechas queren saber como se fai un libro".Fixémolo facendo un video co conto que foi proxectado durante a sesión.
Tamén se elaborou un material lim referido a aspectos relacionados co libro.
Ao mesmo tempo invitouse ás aulas a visionar e traballar con este material nas horas de biblioteca.
Deixamos aqui o video do conto  e mais as fotos do xoves 24 de abril.



















mércores, 23 de abril de 2014

DIA DO LIBRO: LECTURAS COMPARTIDAS

Por primeira vez este curso sumámonos a unha iniciativa que xa se leva facendo noutros coles dende hai varios anos. Nos días anteriores a esta cita tocou escoller libros axeitados para os nenos e nenas que nos ían escoitar e presentarse a eles nas diferentes aulas dos pequenos do cole. A responsabilidade de apadriñar tocoulle os cursos de 2º a 6º de Primaria. Todos preparáronse prestando moita atención a tódolos detalles. Os afillados e afillados agardaron entusiasmados, mesmo os mais pequeniños. Chegado o día os padriños e as madriñas espalláronse por todos os rincóns cos seus afillados e afilladas convertendo o Colexio nun espazo de fantasía e de maxia  onde  padriños e madriñas fixeron de estupendos contacontos mentres que os seus afillados e  afilladas prestaban a máxima atención.
O Colexio encheuse de moreas de historias, sorrisos, murmurios, miradas,............pero as imaxes falan por si soas.