Amosando publicacións coa etiqueta biblioteca creativa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta biblioteca creativa. Amosar todas as publicacións

luns, 22 de xuño de 2026

MUSEO-EXPOSICIÓN DE GAUDÍ

Nos últimos días de curso, o noso centro transformouse nun auténtico museo aberto ás familias. A través dun percorrido polos diferentes espazos do colexio, os visitantes puideron descubrir unha mostra de todo o traballo realizado polo alumnado ao longo deste ano arredor do noso Proxecto Documental Integrado (PDI), dedicado á figura de Antoni Gaudí.

A exposición recolleu unha gran variedade de producións elaboradas polo alumnado: investigacións, textos descritivos, poemas e contos inspirados na vida e na obra deste singular arquitecto. Ademais, puidéronse contemplar numerosos traballos plásticos nos que os nenos e nenas reproduciron algunhas das súas obras máis coñecidas, explorando técnicas, formas e cores características do seu estilo.

Un dos espazos máis destacados foi o dedicado aos deseños e construcións creados polo propio alumnado, que deu renda solta á súa imaxinación para deseñar e construír edificios inspirados no universo gaudiniano, converténdose por un día en pequenos arquitectos e arquitectas.

Foi unha magnífica oportunidade para compartir coas familias todo o aprendido durante o curso e poñer en valor o esforzo, a creatividade e a ilusión que acompañaron este proxecto. Grazas a todas as persoas que nos visitaron e fixeron deste museo escolar unha experiencia tan especial. ✨🏛️🎨📚


Aquí podedes ver a escola transformada no museo, unha visita rápida e virtual:


E neste outro recollemos o goce dos visitantes, tanto o alumnado gozando das creacións dos compeñeiros doutros cursos, como a presentación ás familias:






mércores, 17 de xuño de 2026

TECENDO BENESTAR NO PATIO DO COLEXIO

O pasado 12 de xuño, coincidindo co Día Mundial de Tecer en Público, os alumnos e alumnas do obradoiro de gancho celebrárono tecendo no patio do colexio durante o recreo.


           
              

Permitiulles compartir coa comunidade educativa unha afección que, ademais de fomentar a creatividade e a concentración, contribúe ao seu benestar emocional. A través do gancho, o alumnado aprende a relaxarse, desenvolver a paciencia e gozar dun espazo de calma e convivencia.

     

Esta experiencia deu visibilidade ao traballo realizado ao longo do curso e aos beneficios do obradoiro de gancho para o desenvolvemento persoal do noso alumnado.


   


luns, 15 de xuño de 2026

Arquitectura nos libros de artista

O alumnado de 5º continuou o seu traballo personal nos seus libros de artistas. Nesta ocasión, adicaron unhas páxinas á arquitectura, debuxando edificios e monumentos.

Aquí deixamos algúns dos deseños que amosan moita dedicación, esforzo e o seu ben saber facer.












sábado, 30 de maio de 2026

Patios creativos con LEGO, construcións e crebacabezas

Dentro do programa Biblioteca Creativa, os recreos convertéronse en espazos de imaxinación, creación e aprendizaxe a través das actividades de LEGO e construcións.

Nestes patios creativos, o alumnado ten a oportunidade de deseñar, experimentar e construír libremente diferentes estruturas, edificios, vehículos e creacións orixinais empregando pezas LEGO e outros materiais de construción.

Ademais de pasar un tempo divertido, estas actividades favorecen a creatividade, a resolución de problemas, a coordinación e o traballo cooperativo, xa que moitas das construcións son realizadas en equipo, compartindo ideas e buscando solucións conxuntas.

Cada recreo convértese así nun momento para aprender xogando, deixar voar a imaxinación e descubrir todo o que somos capaces de crear coas nosas mans e coa nosa creatividade.



Non podemos esqueces as expertas en crebacabezas! Non hai reto que se lle resista!


O club de lectura sobe ao escenario

O club de lectura puxo o broche final ás súas actividades cunha proposta moi especial: converter os libros en teatro.

Despois de semanas compartindo lecturas e descubrindo diferentes obras teatrais, o alumnado participante preparou a representación dalgúns capítulos e escenas dos libros lidos. Ademais de practicar a lectura expresiva, tiveron que traballar a interpretación, a expresión corporal e o traballo en equipo para dar vida aos personaxes.

A actividade encheu a biblioteca de emoción, creatividade e moitas ganas de actuar. Cada grupo achegou a súa propia visión das historias, facendo que as escenas resultasen divertidas, emocionantes e moi orixinais.

Con esta experiencia, o alumnado puido comprobar que ler teatro tamén é unha maneira fantástica de vivir os libros desde dentro, entendendo mellor os personaxes e gozando da lectura dun xeito diferente e participativo.

Parabéns a todos e todas polo excelente traballo realizado e por facer deste final de club de lectura unha celebración tan especial da lectura e do teatro.




xoves, 30 de abril de 2026

Sant Jordi cobra vida na nosa biblio

Na biblioteca escolar vivimos unha xornada moi especial arredor da lenda de Sant Jordi. 

Despois de coñecer e ler esta fermosa historia tradicional, o alumnado de 4º púxose mans á obra para dar vida aos personaxes creando os seus propios monicreques.

Coas súas creacións prepararon pequenas representacións da lenda, converténdose en auténticos actores e actrices por un día.

O máis divertido foi comprobar como, en ocasións, a historia cambiaba o seu rumbo: algúns grupos decidiron modificar o final da lenda, ofrecendo versións sorprendentes, divertidas e moi orixinais. Houbo dragóns amigables, princesas valentes e finais cheos de humor e amizade.

Compartimos aquí os vídeos das representacións para que poidades gozar do gran traballo realizado polo alumnado.

Parabéns a todos e todas pola vosa creatividade, ilusión e excelente traballo en equipo!















venres, 24 de abril de 2026

Celebramos o Día do Libro coa lenda de Sant Jordi

Este ano, con motivo do Día do Libro, na nosa biblioteca mergullámonos nunha das historias máis coñecidas da tradición europea: a lenda de Sant Jordi.

Para achegarnos a ela dun xeito especial, escollemos o álbum “¡Qué historia tan bestia, minimoni!” de Rocío Bonilla. Un conto que recupera esta historia clásica pero engadindo unha mirada actual e crítica. A través das súas páxinas, non só coñecemos a historia do cabaleiro, o dragón e a princesa, senón que tamén reflexionamos sobre cuestións moi interesantes:
> As princesas necesitan ser salvadas?
> Por que cambian os contos co paso do tempo?
> Existen versións máis modernas das historias tradicionais?


Contamos, escoitamos e dramatizamos!

A lectura do conto foi acompañada dun elemento moi especial: os títeres. Grazas a eles, o alumnado non só escoitou a historia, senón que tamén a viviu, a interpretou e a fixo súa.

A dramatización converteu a biblioteca nun pequeno escenario onde apareceron dragóns, cabaleiros, reis e princesas.


"Viaxamos" a Barcelona e investigamos dragóns… 🐉

O alumnado máis maior foi máis alá e investigou sobre a lenda. Descubriron que os dragóns non só viven nos contos: tamén están presentes na arte e na arquitectura.

Fixeron un pequeno “tour virtual” por Barcelona, a cidade de Gaudí, que resultou ser unha cidade chea de dragóns, especialmente en edificios modernistas. Alí atoparon dragóns en fachadas, esculturas e mesmo en elementos decorativos moi sorprendentes .

Aquí podedes ver o vídeo que inspirou a súa investigación:
https://www.youtube.com/watch?v=bziGFzi8tVY

Despois de investigar e observar, chegou o momento de crear. Cada alumno e alumna deseñou o seu propio dragón, deixando voar a imaxinación: dragóns feroces, simpáticos, coloridos… e mesmo algún moi pouco perigoso!



Unha historia que segue viva

Esta actividade permitiunos comprobar que as historias tradicionais non son algo do pasado, senón que seguen vivas e evolucionan con nós. Podemos lelas, interpretalas… e tamén cuestionalas.


Porque ler tamén é pensar, imaxinar e crear novas versións do mundo.



Feliz Día do Libro!


venres, 27 de marzo de 2026

DÍA DA POESÍA

O pasado 21 de marzo celebramos na nosa biblioteca o Día da Poesía cunha actividade moi creativa, lúdica e participativa.

Empregamos revistas vellas como materia prima, as verbas que atopamos nelas foron os recortes cos que creamos os nosos propios poemas, xogando coa linguaxe, co significado e coa estética das palabras.




Xurdiron creacións en galego, en castelán e incluso en inglés!

Ademais de fomentar a expresión escrita, a actividade permitiu traballar a imaxinación, a sensibilidade artística e o gusto pola poesía. O alumnado gozou experimentando coas palabras, descubrindo que non hai unha única maneira de crear un poema.

Agora temos na biblio unha pequena exposición cos traballos realizados, convertendo o espazo nun recuncho poético.

Sen dúbida, foi unha xornada inspiradora que nos recordou que a poesía pode estar en calquera lugar… mesmo nas páxinas dunha revista.







venres, 13 de marzo de 2026

Crebacabezas nos patios

A biblioteca é tamén un espazo para xogar e aprender. Nenos e nenas achegáronse para facer crebacabezas, traballando a concentración, a paciencia e o traballo en equipo.

Entre todos e todas conseguiron completar un precioso crebacabezas da bola do mundo, descubrindo continentes, océanos e moitos detalles do noso planeta mentres ían encaixando cada peza. 

Unha actividade divertida que encheu a biblioteca de curiosidade e entusiasmo. 



Libros de artista na nosa biblioteca creativa

No marco do noso proxecto de reciclaxe creativa, o alumnado de 5º está a dar unha nova vida aos libros de expurgo da biblioteca. 


A partir destas páxinas que xa non formaban parte da colección, os nenos e nenas están a transformalas nun auténtico libro de artista, no que combinan a imaxinación coa experimentación plástica. 

                                          

Sobre as páxinas crean bosquexos, debuxos, intervencións con cor e diferentes técnicas, convertendo cada exemplar nunha peza única. 

                                  

Ademais de fomentar a creatividade, deste xeito aprendemos que os libros tamén poden seguir contando historias a través da arte. 





martes, 10 de febreiro de 2026

Recunchos lectores creativos!

Aquí deixamos unhas fotos do uso que lle damos aos nosos recunchos de lectura dos corredores: pequenos espazos pensados para parar, sentar e mergullarse nun bo libro. 

Nelas podedes ver como gozamos da lectura con comodidade e tranquilidade, convertendo calquera momento nun tempo para imaxinar e descubrir historias. 


Tamén se aprecia a decoración creada no obradoiro de fios da nosa biblioteca creativa, que enche estes recunchos de cor e personalidade. 




sábado, 7 de febreiro de 2026

QUE LEMOS EN FEBREIRO?

 

Febreiro, o mes no que imos celebrar o noso Entroido, non podemos ler outra cousa que estes libros con preciosas ilustracións que recollen as personaxes do Entroido galego.




Podedes lelos, pero tamén cantalos:

"Non pare a festa"

"É tempo de Entroido"


sábado, 17 de xaneiro de 2026

Patios creativos no noso obradoiro de fíos!

 


O alumnado do obradoiro de fíos de 
Biblioteca Creativa foi colléndolle o punto pouco a pouco, aprendendo técnicas novas e mellorando sesión tras sesión. 

Entre fíos, cores e moita paciencia, foron creando os seus traballos. Aquí deixamos algunhas imaxes que amosan o ben que o están a facer!


 

venres, 12 de decembro de 2025

martes, 9 de decembro de 2025

NADAL NA BIBLIO 2.0

Os voluntarios e voluntarias de 6º están decididos a mergullarnos nun espazo cheo de maxia navideña co pintado das ventás.




Se a nosa biblio sempre desprende algo de maxia, agora é como se nos meteramos de cheo nun deses libros de Nadal. 


luns, 8 de decembro de 2025

NADAL NA BIBLIO

Xa sentimos o espírito do Nadal en cada recuncho do mundo... e a nosa biblio non ía ser menos! 

No recuncho artístico apareceu unha árbore de Nadal que estamos a decorar entre todos:



E nos nosos recunchos de lectura xa podemos atopar lecturas de Nadal:



martes, 21 de outubro de 2025

NOVOS ESPAZOS DA BIBLIO - RECUNCHOS DE LECTURA!

 O curso pasado, todos colaboramos nun obradoiro de biblioteca creativa para crear uns recunchos de vimbio.

Este curso démoslle un novo uso, transformando parte dos corredores en RECUNCHOS DE LECTURA. 

Agora, ademais da nosa superbiblio, temos nos corredores un espazo que nos acolle cando lemos.

Así resultaro!


 

CONCURSO DEBUXOS PARA O CARTEL DA CROSS ESCOLAR


 

martes, 14 de outubro de 2025

O club de lectura cheo de extraterrestres!

As xuntanzas das Lectoestrelas, sempre dan para moito... nesta ocasión realizamos unha actividade creativa centrada na imaxinación e no deseño de extraterrestres inspirados no protagonista da obra que estamos lendo Burbullas de calma serena.

Despois do debate sobre a historia e a personalidade do personaxe principal, demos renda solta a nosa fantasía para crear seres doutros planetas e pasamos un bo rato compartindo a nosa creación cos demais! 










luns, 13 de outubro de 2025

13 OUTUBRO - DÍA DAS ESCRITORAS

Algo misterioso aconteceu na nosa escola! Cando iamos celebrar o Día das Escritoras, un mensaxeiro secreto da biblio comunicounos que desapareceran e tiñamos que axudar a resolver ese enigma!

                                                

Todos aceptamos ese resto e seguimos as pistas ata atopar as escritoras secretas! Atopamos ata 9 escritoras de distintos países! E ben sabemos que nos libros están agochadas moitas máis!

Con esta actividade, ademais de coñecelas a ELAS descubrimos novas historias e lecturas que nos invitan a seguir lendo!

Aquí vos deixamos como plasmamos e compartimos as nosas descubertas e como foi o proceso!