Amosando publicacións coa etiqueta dia da non violencia contra a muller. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta dia da non violencia contra a muller. Amosar todas as publicacións

martes, 25 de novembro de 2025

25 N - A biblio di NON á violencia contra as mulleres

Nesta data, non queriamos deixar de acompañar a labor educativa que denuncia e prevén a violencia de xénero.

Os libros fan posible coñecer e rexeitar este tipo de violencia a través de historias moi desgarradoras, pero cheas de esperanza.


Co libro El chubasquero de Aurora puidemos comprender como sufre unha nena e unha muller que viven cunha persoa-monstro. 

Os nenos e nenas de 4º, despois de ler a historia, analizala e comentala plasmaron algunhas ideas no propio chubasquero de Aurora, separando o que fai que nos rompa o corazón, do que consegue a cor morada, símbolo da igualdade.






Os máis pequenos do cole aproveitaron a historia de Violeta ás agachadas para reivindicar que ningún neno ou nena teña que agocharse por motivos de violencia.




mércores, 27 de novembro de 2024

25 N na biblio: combatemos a violencia de xénero co apoio dos libros

Dende a escola e a nosa biblio, pomos o noso gran de area para combater a violencia de xénero e avanzar na súa prevención.

Este ano axudámonos de dous contos para reflexionar sobre esta triste realidade e sementar nas ideas e corazóns dos nosos alumnos a semente do respecto e da igualdade. 

"Arturo e Clementina" amosa unha historia moi dura na que Arturo non se comporta como unha parella respectuosa e namorada e, dende logo, non amosa amor.  

"Las tres mariposas" narra a historia de tres irmás que loitaron por un mundo máis xusto. Un conto baseado na historia real das irmás Mirabal.

Tras a súa lectura e posterior coloquio, no seguinte vídeo podedes comprobar como deixamos plasmado nas paredes do cole as nosas reflexións e conclusións. 

Detectamos o que é a violencia e eses comportamentos que non teñen lugar na sociedade xusta e igualitaria, para cambialos por actitudes e comportamentos que sexan verdadeiramente xestos de amor.









sábado, 25 de novembro de 2023

GUAPA E OUTRAS ACTIVIDADES NO 25N

 Dentro das actividades adicadas a traballar a violencia de xénero no 25 de novembro Guapa foi o conto escollido para os debates e actividades arredor deste tema, tendo a autoestima como valor fundamental na prevención e loita contra a violencia que afecta ás mulleres. Estes días e durante todo o curso haberá moitos debates e propostas para seguir este traballo. Educarmos persoas, homes e mulleres, con carácter e valores moi claros respecto da igualdade e a tolerancia irá pondo ladrillos firmes na construción dunha sociedade sen violencia sexista, na valoración e aceptación de nós mesmos e dos outros.


A variña máxica da bruxa sérvelle para transformarse ó seu antollo, seguindo os consellos de personaxes que non a queren ben. Nós fixemo-la variña para aprender a distinguir esas persoas "tóxicas" que queren mudarnos para manexarnos e facernos mal. 








Ao mesmo tempo os maiores traballaron arredor da linguaxe debatendo e tamén confrontando palabras positivas e negativas nuns estupendos "pasapalabras" contra a violencia.





Ao longo do trimestre o obradoiro de Mullereandum contribuiu co seu traballo nos 6 cursos de primaria a falar e vivenciar valores positivos nas relacións entre todos. Tedes os vídeos nesta ligazón

venres, 25 de novembro de 2022

UN MAR DE CONTOS, TRABALLANDO POLA NON VIOLENCIA CONTRA A MULLER

 Educar na igualdade é a mellor aportación que podemos facer dende as nosas aulas. A proposta deste curso ía da man dos clásicos; no noso caso, o conto de Brancaneves. 

Brancaneves e os 77 ananiños dálle a historia unha especial reviravolta facendo subir cara a superficie eses estereotipos que moitas veces aínda non temos abandonado. Sobre todos eles íamos falar nas aulas, ademais de ler este e outros contos sobre o tema, escollidos no noso expositor do "25 de novembro".




Tódalas  aulas quixemos  poñer o noso granciño, e seguiremos facéndoo, visibilizando e reflexionando sobre todo o que acontece coas mulleres, aínda que moitas non lembrásemos facer fotos.

Aquí deixamos algún exemplo do traballado nas aulas neste día. Esto non remata aqui. É unha loita de longa distancia que non podemos deixar abandonada
.
Os pequenos de infantil e 3 e 4 fixeron corazóns lilas e un marcalibros adicado a unha muller moi importante para todos, a nosa nai. Tamén gozaron da lectura do conto Rosa Caramelo e aproveitaron para comparar as peles e comprobar que todos somos iguais.





Na aula de 5 leron Brancaneves e os 77 ananiños.





Os nenos de 2º leron Arturo e Clementina. Leron, viron un vídeo, falaron sobre el e pensaron diferentes finais para o conto. Aproveitaron para falar sobre as cores azul e rosa e a súa imposición dende bebés, dos xoguetes que se anuncian para nenos ou nenas,... foi unha actividade que deu moito de sí.




Os nenos e nenas de 6º traballaron no deseño de carteis para visibilizar este día.



















Na biblioteca, o contacontos semanal acolleu O segredo de Flora lido por Thiago e Maira. Éste é un conto que intenta explicar como agroma a violencia nalgúns de nós e a importancia de aprender a xestionar esa emoción negativa. A violencia contra a muller ten moitos matices e causas que todos, nós e a sociedade temos que tratar e analizar para desbotala do noso día a día. Traballar as emocións negativas, comprender por que están aí, por que as expresamos contra as/os que coidamos máis débiles é un xeito de avanzar cara ese rexeitamento e normalizar a convivencia e a igualdade como únicos camiños.





.



domingo, 19 de decembro de 2021

LEMBRANDO ALGUNHA COUSIÑA QUE QUEDOU ATRÁS

 Imos mirar un pouquechiño cara atrás porque con tanta actividade no cole sempre nos queda algo  por amosar.  Nunha entrada anterior déramosvos conta das propostas que tiñamos para "celebrar" o Día da non violencia. O pasado día 25 de novembro o noso cole encheuse con moitas desas actividades variadas avanzando na reflexión sobre a violencia de xénero. Os contos "Eu matarei monstros por ti" e "Que medo che gustaría vencer? ....,e algúns outros que lemos, foron o apoio para este labor. Os dous contos estiveron Non fomos quen daquela de publicar o que estivemos a facer nas aulas; pero agora antes de que vexades o que estamos facendo para o nadal non queremos que vos perdades as cousas anteriores. Mirar ao noso interior para empatizar mellor coas mulleres e familias que sofren foi o obxectivo de todas esta reflexión de grandes e pequenos.






domingo, 21 de novembro de 2021

OUTRO 25 DE NOVEMBRO, UN ANO MÁIS

 Un ano máis temos que adicar un día a poñer de relevo a violencia de xénero, a violencia que sofren as mulleres, grandes e nenas, nas súas casas e na súa vida. Esta violencia que tamén toca a moitos homes...nenos-fillos, pais, avós, tíos, amigos, novas parellas das mulleres que a sofren. Daquela é un problema de todos e de todas, de toda a sociedade.

No cole imos profundar no medo. Queremos miralo á cara. Queremos coñecer os nosos propios medos para poder entender mellor o medo que tingue a vida de moitas mulleres. Seica coñecemos algunha delas! A partir dese "entender", queremos ir un paso máis alá e empatizar con elas, sendo quen de ofrecerlles, ademais do noso agarimo, dos nosos bicos e apertas, un apoio emocional reflectido nunha frase que as axude a levantar e  a loitar, nós canda elas; que nos axude a todos a loitar contra iso que produce o medo, contra esa actitude e violencia dalgúns "homes" intolerantes, para poder arredalo da nosa sociedade dunha vez para sempre.

Como ademais sempre temos que vencellar o noso traballo aos nosos proxectos de centro, neste curso tan científico recollemos o pensamento de Marie Curie que figura tamén no conto de Violeta Monreal

"Deixamos de  ter medo das cousas que aprendemos a entender"

E, non si? Mergullados no mundo das matemáticas imos botar a imaxinación a voar e darlle forma xeométrica ós nosos medos.

A actividade máis importante nas aulas vai ser falar, poñer en palabras todo o que sentimos. Dúas lecturas vannos axudar neste debate:

QUE MEDO QUERERÍAS VENCER? da autora Violeta Monreal e EU MATAREI MONSTROS POR TI de Santi Balmes.



Poida que as actividades e ideas que se tiren do debate non sexan quen de reflectir toda a riqueza de emocións e solucións que de certo conseguiremos expresar. O importante será sempre a semente que irá medrando nos nosos corazóns e a vontade firme de parar esta tolemia. Xa vos contaremos!

Ao tempo imos tenderlle a man á musica con estas cancións que falan da empatía e do moito que podemos facer uns por outros.


luns, 28 de decembro de 2020

POÑÉNDONOS AO DIA: UNHA HISTORIA DE NON VIOLENCIA

No pasado día 25 de novembro, unha das propostas lectoras da biblioteca, e "libro do mes" ademais, foi a lectura do conto "Historia dos Bonobos con lentes". Moitas aulas leron o libro e os outros que viaxaban na maleta especial adicada a non violencia contra a muller. Pero os nenos e nenas da aula de 2º de primaria foron moito máis aló e montaron unha divertida historia co texto. Aquí volo deixamos para que desfrutedes. 



E se queredes saber máis sobre estes curiosos primates visitade estas páxinas AQUI E AQUI

martes, 1 de decembro de 2020

CONTO PARA A IGUALDADE EN 3 ANOS

 A non violencia contra a muller comeza na educación na igualdade e no respecto a todos e todas sexa cal for a súa identidade e xeito de ser e manifestarse. Os pequechos de 3 anos comezan a traballar este respecto a través do conto Vivan as uñas de cores!, que moito lles gustou.


Vede aquí como traballaron!