Amosando publicacións coa etiqueta as aulas contan. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta as aulas contan. Amosar todas as publicacións

martes, 21 de xaneiro de 2025

O ALUMNADO ANÍMASE A LER!

Que alegría nos dá sempre que o noso alumnado sinta ese gusanillo de querer compartir lecturas cos demais! 

Xián e Eva querían facer un contacontos e alí foron os dous compartir a hora de lectura co grupo de 1º de primaria. 

Leron o conto e ao rematar participamos nun pequeno coloquio sobre o importante que é comprender que cada persoa ten as súas habilidades e non debemos nin humillar nin menosprezar as capacidades dos demais e, por suposto, tampouco as nosas propias!

Grazas pola lectura! Esperámosvos noutra ocasión!







venres, 2 de xuño de 2023

SEGUNDO A TODA MÁQUINA

 Os nenos e nenas de 2º de primaria colléronlle gusto a animar a hora de ler e, unha semana máis, petaron nas nosas portas e entraron cunha nova lectura. Infantil, 1º e 2º escoitamos encantadísimos o conto A señora Spider que Héctor, Álvaro e Martín nos contaron. Que ben! Xa estamos agardando pola seguinte!













luns, 28 de decembro de 2020

POÑÉNDONOS AO DIA: UNHA HISTORIA DE NON VIOLENCIA

No pasado día 25 de novembro, unha das propostas lectoras da biblioteca, e "libro do mes" ademais, foi a lectura do conto "Historia dos Bonobos con lentes". Moitas aulas leron o libro e os outros que viaxaban na maleta especial adicada a non violencia contra a muller. Pero os nenos e nenas da aula de 2º de primaria foron moito máis aló e montaron unha divertida historia co texto. Aquí volo deixamos para que desfrutedes. 



E se queredes saber máis sobre estes curiosos primates visitade estas páxinas AQUI E AQUI

sábado, 23 de maio de 2020

mércores, 20 de novembro de 2019

25 DE NOVEMBRO. DÍA DA NON VIOLENCIA CONTRA A MULLER. AS IDEAS DE CARAPUCHIÑA

Carapuchiña vermella non é un conto clásico que haxa que afastar de nós. É simplemente un retrato dunha realidade, dos valores cos que se definía noutros tempos o ser "muller".
Nós queremos este curso darlle "unha volta ao conto" e ir máis aló mudando o final; aprendendo que outra saída ás situacións coas que nos enfrontamos a miúdo é posible.
Daquela, temos o libro "a verdadeira historia de Carapuchiña" como "libro do mes" na biblioteca e dispomos ao seu carón diverso material de teatro coas personaxes do conto para poder construir as nosas propias historias.
Queremos que esta versión do conto tradicional nos sirva como punto de partida cara á necesaria reflexión arredor deste tema. 
A coeducación e a perspectiva de igualdade xa tingue dende sempre o noso facer cotián. Falta acaso unha educación na xestión emocional que nos permita a nenas e nenos ser quen de superar  situacións como esta (potencialmente de violencia de xénero) que non semellan ter saída. Valentía e  autoestima son valores   que van ser útis aquí e tamén no noso enfrontamento ao mundo segundo imos medrando. Esta Carapuchiña é un exemplo de que moitas veces, ainda que non sempre,  abondaría con escoitar,  interpretar os sinais de perigo e ser quen de argallar solucións eficaces.

O teatro vainos axudar, como dixemos, a verbalizar esas situacións nas que de mil e unha maneiras Carapuchiña pode escapar do lobo ou, como xa apuntou algún pequeno nalgunha aula, podemos seica conseguir que sexa o lobo o que mude a súa actitude e se volva "bo".

Esta semana estamos mergullados nestas tarefas. Imos ver chegado o día 25 que situacións creativas fomos quen de argallar. Manterémosvos informados.






venres, 22 de xuño de 2018

RETOMAMOS O RELATO DAS ACTIVIDADES

Chegados case á fin do camiño non nos queda máis que dar un chouto no tempo dende a nosa última entrada no mes de abril e deixar para dentro duns días as entradas nas que vos contemos como se desenvolveu o trimestre e todas esas cousiñas que fomos facendo e que non puidemos contarvos no seu momento por falta de tempo. 
Daquela pedímosvos paciencia; dentro de nada ides ter un relato completo de toda a nosa actividade, ademáis de ter activo o blog especial do PDI que estamos a preparar.
Agora imos concentrarnos nestes últimos días nos que xa non nos quedaba máis que desfrutar das lecturas...e así o fixemos.


Dende case principio de curso comezou a rolar polas aulas un libro viaxeiro en homenaxe a Xulio Verne. Daquela estabámonos preparando para celebrar o ano Verne. Xa lle deramos o nome dunha das súas novelas a un dos proxectos dirixidos ás familias 7 semanas en Vigo” (en troques de 5 semanas en globo) e co libro A volta ao mundo en 80 contos lembramos o seu A volta ao mundo en 80 días.
a volta ao mundo en 80 contos-saviour pirotta-9788496893252




Tódalas aulas desfrutaron da súa lectura e unhas poucas atrevidas traballaron no reto dos mouchiños: contar  os contos en  outros formatos.
1º de primaria ilustrou e fixo seus os textos do conto  "Nansi e os plátanos" , unha historia de Xamaica.



e 4º fixo un mural de lectura de imaxes co conto "A canción do vaqueiro".


2º e 3º atreveronse co Kamishibai e esta mesma semana puidemos desfrutar na biblioteca da súa animación.
2º de Primaria representou o conto holandés "Hans e os heroes de Harlem". 3º de Primaria viaxou ata Nova Zelanda e representou "O agasallo do Kiwi"

KAMISHIBAI 2ºE 3º

Como agasallo ós atentos espectadores os nenos e nenas de 2º  déronnos a todos un muiño holandes co título deste proxecto lector.



luns, 6 de febreiro de 2017

VICENTIÑO E AS ÁRBORES DA PAZ

Os contos son moitas veces a mellor maneira de achegarse á realidade, de por enriba da mesa aquelas reflexións mais necesarias. Non importa que os destinatarios sexan cativos porque coa maxia das palabras eles son quen de comprender o que se agacha en cada recunchiño das historias contadas. Daquela nada mellor que compartir este día da Paz lendo un conto, e mellor que mellor se quen nolo conta son os nosos propios compañeiros, aqueles cos que hai nadiña compartiamos patio e aprendizaxes. Os nenos e nenas de Primeiro animáronse a se-los protagonistas desta xornada lendo para todos nós o conto "Vicentiño e as árbores da Paz". Foi unha maravillosa sorpresa para todos e sobre todo para os irmáns pequenos e abofé que o fixeron fenomenal.

Despois compartiron con todos tamén un tempo de manualidades, de colaborar nun obxectivo común. Deu gusto ver como a diferencia de idades desaparecía e as clases estaban cheas de compañeiros grandes e pequenos que xuntaban o seu traballo e o seu goce para facer xuntos ao personaxe principal do conto, o paxariño Vicentiño, un paxaro do río Miño.

Deixámosvos as fotos da sesión de contacontos na biblioteca e do obradoiro que compartiron os nenos e nenas de Primeiro nas clases de 3, 4 e 5 anos.



luns, 13 de xuño de 2016

O FARO DAS ALMAS

Este conto que forma parte das novidades adquiridas en relación ao PDI foi adaptado e representado polos alumnos de 4º de Primaria para os seus compañeiros de infantil. Cunha posta de escena orixinal o nutrido grupo de nenos e nenas fóronse movendo no "escenario" da biblio e contando a súa historia dun xeito especial. Mágoa que os efectos especiais non sairan ben nas fotos, pero noraboa a todos polo seu traballo.

venres, 22 de abril de 2016

AS AULAS CONTAN: O RATO E OS VENTOS

Dentro das actividades do mes dos libros os nenos de infantil tiveron a sorte de desfrutar dun contacontos moi especial. Os nenos e nenas de 2ºA prepararon un  precioso conto en Kamishibai. Tratábase dun  dos sete contos de Arnold Lobel do seu libro "Contos de ratiños" editado por Kalandraka. Eles adaptaron o conto, debuxaron as escenas, organizaron o seu desenvolvemento e non esqueceron contalo con moita soltura e preparar elementos motivadores para enganchar a un público tan dificil,  pero sempre disposto a deixarse sorprender. En dúas sesións diferentes atrevéronse primeiro cos pequenos de 3 e 4 anos e despois cos de 5 anos. E as dúas veces fixérono moi ben. Ademáis agasalláronnos cuns preciosos barquiños de papel que tiñan ben agachadiños dentro dunha misteriosa rede. O tema do conto xa volo imaxinades...o mar. É que este curso estamos moi mariñeiros.
Como remate de ouro da sesión Inés e André atrevéronse cun conto inventado e preparado con papiroflexia. A todos encantoulle.