mércores, 20 de novembro de 2019

25 DE NOVEMBRO. DÍA DA NON VIOLENCIA CONTRA A MULLER. AS IDEAS DE CARAPUCHIÑA

Carapuchiña vermella non é un conto clásico que haxa que afastar de nós. É simplemente un retrato dunha realidade, dos valores cos que se definía noutros tempos o ser "muller".
Nós queremos este curso darlle "unha volta ao conto" e ir máis aló mudando o final; aprendendo que outra saída ás situacións coas que nos enfrontamos a miúdo é posible.
Daquela, temos o libro "a verdadeira historia de Carapuchiña" como "libro do mes" na biblioteca e dispomos ao seu carón diverso material de teatro coas personaxes do conto para poder construir as nosas propias historias.
Queremos que esta versión do conto tradicional nos sirva como punto de partida cara á necesaria reflexión arredor deste tema. 
A coeducación e a perspectiva de igualdade xa tingue dende sempre o noso facer cotián. Falta acaso unha educación na xestión emocional que nos permita a nenas e nenos ser quen de superar  situacións como esta (potencialmente de violencia de xénero) que non semellan ter saída. Valentía e  autoestima son valores   que van ser útis aquí e tamén no noso enfrontamento ao mundo segundo imos medrando. Esta Carapuchiña é un exemplo de que moitas veces, ainda que non sempre,  abondaría con escoitar,  interpretar os sinais de perigo e ser quen de argallar solucións eficaces.

O teatro vainos axudar, como dixemos, a verbalizar esas situacións nas que de mil e unha maneiras Carapuchiña pode escapar do lobo ou, como xa apuntou algún pequeno nalgunha aula, podemos seica conseguir que sexa o lobo o que mude a súa actitude e se volva "bo".

Esta semana estamos mergullados nestas tarefas. Imos ver chegado o día 25 que situacións creativas fomos quen de argallar. Manterémosvos informados.






3 comentarios:

  1. Forza! Que as novas xeracións veñan cargadas de novas carapuchiñas empoderadas!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Grazas! Seguimos aquí na nosa teima de educar cidadáns (homes e mulleres) conscientes, críticas e valentes fronte a todo. Xa botabamos de menos os teus comentarios. Unha alegría saber que segues aí.

      Eliminar