Amosando publicacións coa etiqueta lemaBE. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta lemaBE. Amosar todas as publicacións

luns, 3 de outubro de 2022

NOVO CURSO, NOVO LEMA DAS BE

 Non sen tempo traemos ata aquí o novo lema e cartel das BE para este curso 2022-23. Chegado o mes de outubro comezamos, un ano máis, a comentar a nova andaina da nosa biblio, nun curso que agardamos cheo de experiencias compartidas. Experiencias e creatividade que imos ter que deixar para a historia reflectida nas nosas escritas. Diarios, relatos, poemas compartidos, anécdotas, narracións fantásticas e documentais. A biblio  xa está en marcha cunha saca cheiña de proxectos interesantes e divertidos. De novo nos recreos atopamos nela oportunidades de lectura e outros xeitos de lecer. Van ser moitas as letras vividas que van deixar a súa pegada nos papeis e nos axudarán, pasado o tempo, a ter boa lembranza de todo o que nos agarda aí mesmiño xa. Daquela,  veña, todos, nenas, nenos, rapaces e rapazas, profes, familias, collede os trebellos todos, antigos ou modernos, o lapis, o papel, a cámara... e preparádevos para ser cronistas escribintes deste curso que xa despegou.



mércores, 20 de novembro de 2019

25 DE NOVEMBRO. DÍA DA NON VIOLENCIA CONTRA A MULLER. AS IDEAS DE CARAPUCHIÑA

Carapuchiña vermella non é un conto clásico que haxa que afastar de nós. É simplemente un retrato dunha realidade, dos valores cos que se definía noutros tempos o ser "muller".
Nós queremos este curso darlle "unha volta ao conto" e ir máis aló mudando o final; aprendendo que outra saída ás situacións coas que nos enfrontamos a miúdo é posible.
Daquela, temos o libro "a verdadeira historia de Carapuchiña" como "libro do mes" na biblioteca e dispomos ao seu carón diverso material de teatro coas personaxes do conto para poder construir as nosas propias historias.
Queremos que esta versión do conto tradicional nos sirva como punto de partida cara á necesaria reflexión arredor deste tema. 
A coeducación e a perspectiva de igualdade xa tingue dende sempre o noso facer cotián. Falta acaso unha educación na xestión emocional que nos permita a nenas e nenos ser quen de superar  situacións como esta (potencialmente de violencia de xénero) que non semellan ter saída. Valentía e  autoestima son valores   que van ser útis aquí e tamén no noso enfrontamento ao mundo segundo imos medrando. Esta Carapuchiña é un exemplo de que moitas veces, ainda que non sempre,  abondaría con escoitar,  interpretar os sinais de perigo e ser quen de argallar solucións eficaces.

O teatro vainos axudar, como dixemos, a verbalizar esas situacións nas que de mil e unha maneiras Carapuchiña pode escapar do lobo ou, como xa apuntou algún pequeno nalgunha aula, podemos seica conseguir que sexa o lobo o que mude a súa actitude e se volva "bo".

Esta semana estamos mergullados nestas tarefas. Imos ver chegado o día 25 que situacións creativas fomos quen de argallar. Manterémosvos informados.






sábado, 3 de decembro de 2016

REILIBRO LANZOU (XA AÍ ATRÁS) A SÚA IDEA PARA NOVEMBRO

Sen presa pero sen pausa, os mouchiños seguen a súa aprendizaxe sobre a Galicia Interior e o Río Miño e despois de todo o que aprenderon dos traballos das familias queren afondar mais no tema da mitoloxía fluvial.



Teñen dúas propostas para nós:
-Para os pequenos inventar unha historia a partir dun cadro (estamos a voltas coas artes!)
 Daquela xa hai uns días que nos deixaron nas aulas e nas escaleiras unha misteriosa foto dun cadro dunha xacia deitada no fondo das augas.  E, claro, primeiriño que nada haberá que averiguar que é unha Xacia! Sabemos de boa tinta que nalgunhas das aulas xa lle están dando voltas ao tema. 





Deixámosvos aquí a imaxe por se algunha familia quere axudar na pescuda.


Para os maiores pensaron en que podían debuxar unha galería de personaxes mitolóxicos a partir dun relato que xa está nas súas clases.
Estas dúas propostas arrancaron aí atrás a mediados de mes, pero  nos terán entretidos seguramente durante parte do 2º trimestre. Non vos imos adiantar as novidades que nos esperan, xa volo contaremos todo mais adiante. Para ver os resultados destes traballiños imos ter que esperar un pouco.

luns, 2 de febreiro de 2015

A MALETA VIAXEIRA CHEGA A INFANTIL

Por fin, tras meses de espera chega a infantil a maleta viaxeira de "títulos matemáticos" que comezara a súa viaxe alá polo mes de novembro promocionada polo noso amigo Reilibro. 
Empezou a última parte da súa viaxe na clase de 4 anos. Os nenos e nenas desta aula levan desfrutando toda a semana pasada da mesma e xa se despiden con moita  pena das lecturas que lles aconsellou o mouchiño. Cando os libros volvan á biblioteca estou segura de que todos quereran levalos en préstamo para as casas.