mércores, 25 de marzo de 2026

SOMOS INCLUSIVOS! Charla de sensibilización Down e discapacidade intelectual na biblio

No centro tivemos a oportunidade de recibir unhas charlas impartidas pola Asociación Down de Vigo, co obxectivo de sensibilizar ao alumnado e avanzar cara a unha inclusión real das persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais. 

Durante a actividade realizamos unha pequena dinámica na que tivemos que desprazarnos cos ollos pechados, experimentando así a sensación de inseguridade e vulnerabilidade que poden sentir aquelas persoas que precisan apoio no seu día a día. Esta vivencia permitiunos poñernos na pel dos demais e reflexionar sobre a importancia da empatía e da axuda mutua. 


Despois, Anxo e Leti axudáronnos a aprender conceptos clave e déronnos consellos prácticos para aplicar no noso día a día, reforzando o noso compromiso de seguir sendo un centro educativo aberto, respectuoso e verdadeiramente inclusivo.



As Lectoestrelas superan o desafío final!

Este semana, co remate do libro que estabamos lendo no club de lectura, vivimos unha experiencia moi especial: transformamos o espazo nun auténtico escape room inspirado no libro El club de los especiales de Jordi Sierra i Fabra. 

Baixo o reto de salvar as “Lectoestrelas” e a continuación do club, tivemos que superar diferentes desafíos que puxeron a proba a nosa memoria, lóxica, capacidade de observación e, sobre todo, o traballo en equipo, tal e como fixeron os protagonistas da nosa lectura!

Ao longo da actividade, os rapaces e rapazas convertéronse nos verdadeiros protagonistas da historia, colaborando entre eles para descifrar códigos, resolver enigmas e superar os desafíos. 

Foi unha experiencia moi divertida e enriquecedora, na que a lectura saíu das páxinas para converterse nunha aventura vivida en primeira persoa. Sen dúbida, unha forma diferente e emocionante de achegarse aos libros e fomentar o gusto pola lectura.



venres, 13 de marzo de 2026

Crebacabezas nos patios

A biblioteca é tamén un espazo para xogar e aprender. Nenos e nenas achegáronse para facer crebacabezas, traballando a concentración, a paciencia e o traballo en equipo.

Entre todos e todas conseguiron completar un precioso crebacabezas da bola do mundo, descubrindo continentes, océanos e moitos detalles do noso planeta mentres ían encaixando cada peza. 

Unha actividade divertida que encheu a biblioteca de curiosidade e entusiasmo. 



Club: inventamos novas historias

Nas xuntanzas do club de lectura estamos a afondar nas habilidades e nas características dos protagonistas da nosa lectura dun xeito creativo e colaborativo. 

Estamos a crear a nosa propia banda deseñada, nas que destacamos as capacidades das personaxes dando renda solta a nosa imaxinación.



Libros de artista na nosa biblioteca creativa

No marco do noso proxecto de reciclaxe creativa, o alumnado de 5º está a dar unha nova vida aos libros de expurgo da biblioteca. 


A partir destas páxinas que xa non formaban parte da colección, os nenos e nenas están a transformalas nun auténtico libro de artista, no que combinan a imaxinación coa experimentación plástica. 

                                          

Sobre as páxinas crean bosquexos, debuxos, intervencións con cor e diferentes técnicas, convertendo cada exemplar nunha peza única. 

                                  

Ademais de fomentar a creatividade, deste xeito aprendemos que os libros tamén poden seguir contando historias a través da arte. 





Hora de lectura... en INGLÉS!



A nosa auxiliar de lingua inglesa participou na hora de lectura de terceiro contándonos esta fermosa historia sobre as emocións.







 

Semana da Prensa: novas relacionadas con Gaudí

Guadí e os seus edificios seguen a ser actualidade, por esta mesma razón, compartimos as últimas novas relacionadas con este arquitecto:

https://centros.edu.xunta.gal/ceipparrocodoncamilo/aulavirtual/course/section.php?id=5077

domingo, 8 de marzo de 2026

Enlazamos o 11F das mulleres científicas co 8M das mulleres traballadoras: mulleres que abren camiños

 

Tras iniciarnos no 11 de febreiro nas dificultades que tiveron as mulleres para acceder á universidade e poder dedicarse á arquitectura... continuamos o noso traballo este 8 de marzo desmontando e denunciando os estereotipos de xénero e a desigualdade. 

A biblioteca sempre é un centro de recursos e sorprendeunos este mes de marzo cunha lectura con moita forza: Os pantalóns de Luisa



Unha nena que representa a Luisa Capetillo, unha muller que loitou pola igualdade, desafiando ás normas establecidas ao vestir con pantalóns, viaxar e axudar a outras mulleres a saír do analfabetismo. 




luns, 2 de marzo de 2026

RETO das Arquitectas superado!

O Párroco está cheo de pequenos e pequenas investigadoras!

Os diferentes cursos foron pasando pola biblioteca para descubrir as personaxes destacadas no Día da muller e da nena na ciencia. 

Leron o conto que narraba a historia das pioneiras no ámbito da arquitectura e seguiron as pistas ata conseguir elaborar unha liña do tempo que reflexa cando comezaron a abrirnos o camiño da arquitectura a todas e así que mulleres e nenas tivésemos a oportunidade de desenvolver tal oficio.





Agora xa temos 6 novas referentes que defenderon a igualdade entre homes e mulleres e conseguiron derribar os muros que lles impidían converterse en arquitectas.



venres, 20 de febreiro de 2026

DINOSAURIOS NAS HORAS DE LER

Nesta hora de ler respírase… Prehistoria! 🦖📚

O alumnado de 3º está a mergullarse no fascinante mundo dos dinosauros durante a hora de ler. A curiosidade foi o punto de partida e para dar resposta ás súas inquedanzas, recorreron a libros de información cheos de datos sorprendentes e a álbums ilustrados moi chulos, con imaxes espectaculares que nos axudan a imaxinar como era a vida hai millóns de anos. 

A hora de ler converteuse así nun espazo de descubrimento, onde a lectura serve para investigar, aprender e compartir achados cos compañeiros e compañeiras.

Porque na biblioteca non só lemos historias… tamén exploramos, indagamos e deixamos voar a curiosidade. 🦕✨




martes, 10 de febreiro de 2026

11F: Arquitectas que abriron o camiño

Mañá, 11 de febreiro, celebramos o Día da Muller e a Nena na Ciencia, e dende a biblioteca preparamos unha proposta especial relacionada co noso PDI de arquitectura. 

Queremos convidarvos a investigar o camiño das primeiras mulleres arquitectas: quen foron, que obstáculos tiveron que superar e que obras e achegas deixaron para a historia. 

Estas imaxes apareceron na biblioteca… Seredes quen de descubrir de quen se trata? 

Poñede en marcha o voso espírito investigador e animádevos a participar nesta procura científica e arquitectónica!




Xa prendeu dentro de ti a semente da curiosidade? Aquí vai unha pequena historia para comezar a investigar...


Recunchos lectores creativos!

Aquí deixamos unhas fotos do uso que lle damos aos nosos recunchos de lectura dos corredores: pequenos espazos pensados para parar, sentar e mergullarse nun bo libro. 

Nelas podedes ver como gozamos da lectura con comodidade e tranquilidade, convertendo calquera momento nun tempo para imaxinar e descubrir historias. 


Tamén se aprecia a decoración creada no obradoiro de fios da nosa biblioteca creativa, que enche estes recunchos de cor e personalidade. 




INDAGAMOS A TRAVÉS DO PDI


Gaudí: arquitecto de soños

Na biblioteca contamos co expositor de libros relacionado co PDI Gaudí, arquitecto de soños, no que podedes atopar unha selección variada de títulos.



Temos a súa biografía, libros de arquitectura, volumes ilustrados sobre os seus edificios máis coñecidos e materiais para descubrir como combinaba natureza, arte e enxeñaría nas súas creacións. 

Convidámosvos a achegarvos, explorar os fondos e deixarvos inspirar polo mundo creativo de Gaudí. 




sábado, 7 de febreiro de 2026

Búsqueda de información: edificios de Gaudí

Na biblioteca seguimos avanzando na alfabetización múltiple a través do noso PDI sobre Gaudí. O alumnado de 4ºEP traballou en pequenos grupos na busca e selección de información sobre distintos edificios deseñados polo arquitecto, a través dos recursos dixitais. 

A partir desta búsqueda, o alumnado deberá elaborar descricións propias das obras, destacando as súas características, formas e elementos máis representativos. 

Unha actividade que combina investigación, lectura crítica, traballo cooperativo e expresión escrita para aprender a comprender e comunicar mellor a información.




QUE LEMOS EN FEBREIRO?

 

Febreiro, o mes no que imos celebrar o noso Entroido, non podemos ler outra cousa que estes libros con preciosas ilustracións que recollen as personaxes do Entroido galego.




Podedes lelos, pero tamén cantalos:

"Non pare a festa"

"É tempo de Entroido"


sábado, 17 de xaneiro de 2026

Patios creativos no noso obradoiro de fíos!

 


O alumnado do obradoiro de fíos de 
Biblioteca Creativa foi colléndolle o punto pouco a pouco, aprendendo técnicas novas e mellorando sesión tras sesión. 

Entre fíos, cores e moita paciencia, foron creando os seus traballos. Aquí deixamos algunhas imaxes que amosan o ben que o están a facer!