Amosando publicacións coa etiqueta PIE benestar emocional. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta PIE benestar emocional. Amosar todas as publicacións

domingo, 21 de xuño de 2026

APADRIÑAMENTO LECTOR

Unha das nosas actividades preferidas é o APADRIÑAMENTO LECTOR! Encántanos apadriñar ou ser apadrinados polos nosos compañeiros e compañeiras e descubrir xuntos lecturas.

Ademais, os maiores do cole toman a actividade con moita paixón e prepatan monicreques para acompañar a lectura, marcapáxinas ou postais para agasallar...

E, para guinda do pastel, o noso patio-xardín e un día de sol!









mércores, 17 de xuño de 2026

TECENDO BENESTAR NO PATIO DO COLEXIO

O pasado 12 de xuño, coincidindo co Día Mundial de Tecer en Público, os alumnos e alumnas do obradoiro de gancho celebrárono tecendo no patio do colexio durante o recreo.


           
              

Permitiulles compartir coa comunidade educativa unha afección que, ademais de fomentar a creatividade e a concentración, contribúe ao seu benestar emocional. A través do gancho, o alumnado aprende a relaxarse, desenvolver a paciencia e gozar dun espazo de calma e convivencia.

     

Esta experiencia deu visibilidade ao traballo realizado ao longo do curso e aos beneficios do obradoiro de gancho para o desenvolvemento persoal do noso alumnado.


   


martes, 2 de xuño de 2026

DESCUBRÍNDONOS MÁIS ALÁ DAS ETIQUETAS

 

Na biblioteca realizamos unha actividade moi especial a partir da lectura do conto ¡FUERA ETIQUETAS!

 

A través desta historia reflexionamos sobre como, ás veces, utilizamos unha soa palabra para definir as persoas sen ter en conta todo o que as fai únicas. Despois da lectura, mantivemos unha conversa na que os nenos e nenas de 3º de primaria compartiron as súas ideas sobre a importancia de non poñer etiquetas aos demais. Entre todos e todas chegamos a unha conclusión moi importante: só cada persoa pode falar de si mesma e explicar quen é realmente. Ninguén pode definirse cunha única palabra, porque todos temos moitas calidades, intereses, emocións e formas de ser que nos fan especiais.

 

A continuación, cada alumno e alumna realizou un autorretrato e acompañouno con palabras positivas que falan de si mesmo: os seus gustos, as súas fortalezas, as súas habilidades e aquelas características da súa personalidade das que se sente orgulloso. Foi unha actividade de reflexión e autoestima que lles permitiu valorarse e recoñecer todo o bo que hai en cada un deles.

  

 Para rematar, organizamos unha exposición oral na aula. Cada neno e nena presentou o seu autorretrato aos compañeiros e compañeiras, explicando as palabras que elixira para describirse e compartindo aspectos importantes da súa forma de ser. Esta posta en común axudounos a coñecernos mellor, a escoitar con respecto e a descubrir a riqueza e diversidade que existe dentro do noso grupo.

 

    

   

 Foi unha experiencia moi enriquecedora que nos axudou a fomentar a autoestima, o respecto, a empatía e a valoración das diferenzas, lembrándonos que cada persoa é única e que somos moito máis que calquera etiqueta.


luns, 18 de maio de 2026

A nosa biblio: clave na campaña solidaria con Senegal


A nosa biblioteca foi durante uns meses o centro neurálxico da operación "Doazón a Senegal".


Grazas ao Club Celta de Vigo, fomos quen de descubrir un proxecto de colaboración con Senegal e unímonos a este proxecto solidario. O cole revisou materiais que estaban almacenados e sen usar, elixindo sempre materiais en bo estado e que puidesen ser útiles no lugar de destino, comezamos a preparar todo para o envío.

Foron meses de traballo para o profesorado e alumnado. Entre todos, fomos enchendo caixas que viaxarían miles de kilómetros ata unha escola de Dakar.

Despois de todo, recibimos a nova de que o alcalde de Dakar estaba na nosa cidade e quería vir en persoa a agradecernos a colaboración e a coñecer a nosa escola. Recibímolo no mes de maio e como non podía ser doutra maneira, démoslle a benvida cantando arredor no noso Maio.

Aquí deixamos un vídeo-resumo de todo o proceso! A semente da solidariedade e xenerosidade medra no Párroco...

 


mércores, 25 de marzo de 2026

SOMOS INCLUSIVOS! Charla de sensibilización Down e discapacidade intelectual na biblio

No centro tivemos a oportunidade de recibir unhas charlas impartidas pola Asociación Down de Vigo, co obxectivo de sensibilizar ao alumnado e avanzar cara a unha inclusión real das persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais. 

Durante a actividade realizamos unha pequena dinámica na que tivemos que desprazarnos cos ollos pechados, experimentando así a sensación de inseguridade e vulnerabilidade que poden sentir aquelas persoas que precisan apoio no seu día a día. Esta vivencia permitiunos poñernos na pel dos demais e reflexionar sobre a importancia da empatía e da axuda mutua. 


Despois, Anxo e Leti axudáronnos a aprender conceptos clave e déronnos consellos prácticos para aplicar no noso día a día, reforzando o noso compromiso de seguir sendo un centro educativo aberto, respectuoso e verdadeiramente inclusivo.



sábado, 17 de xaneiro de 2026

Patios creativos no noso obradoiro de fíos!

 


O alumnado do obradoiro de fíos de 
Biblioteca Creativa foi colléndolle o punto pouco a pouco, aprendendo técnicas novas e mellorando sesión tras sesión. 

Entre fíos, cores e moita paciencia, foron creando os seus traballos. Aquí deixamos algunhas imaxes que amosan o ben que o están a facer!


 

xoves, 11 de decembro de 2025

CLUB: BOTELLAS DA CALMA

 

Despois de terminar esta apaixonante lectura chea de emocións, aproveitamos a nosa última sesión antes das vacacións de Nadal para facer unhas botellas da calma, unha actividade relaxante e significativa que nos permitiu pechar o club de lectura dun xeito especial.


O club é un espazo que vai moito máis alá da lectura, unha oportunidade para convivir e socializar nun ambiente creativo e inspirador.



martes, 25 de novembro de 2025

25 N - A biblio di NON á violencia contra as mulleres

Nesta data, non queriamos deixar de acompañar a labor educativa que denuncia e prevén a violencia de xénero.

Os libros fan posible coñecer e rexeitar este tipo de violencia a través de historias moi desgarradoras, pero cheas de esperanza.


Co libro El chubasquero de Aurora puidemos comprender como sufre unha nena e unha muller que viven cunha persoa-monstro. 

Os nenos e nenas de 4º, despois de ler a historia, analizala e comentala plasmaron algunhas ideas no propio chubasquero de Aurora, separando o que fai que nos rompa o corazón, do que consegue a cor morada, símbolo da igualdade.






Os máis pequenos do cole aproveitaron a historia de Violeta ás agachadas para reivindicar que ningún neno ou nena teña que agocharse por motivos de violencia.