Amosando publicacións coa etiqueta PDI. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta PDI. Amosar todas as publicacións

luns, 22 de xuño de 2026

MUSEO-EXPOSICIÓN DE GAUDÍ

Nos últimos días de curso, o noso centro transformouse nun auténtico museo aberto ás familias. A través dun percorrido polos diferentes espazos do colexio, os visitantes puideron descubrir unha mostra de todo o traballo realizado polo alumnado ao longo deste ano arredor do noso Proxecto Documental Integrado (PDI), dedicado á figura de Antoni Gaudí.

A exposición recolleu unha gran variedade de producións elaboradas polo alumnado: investigacións, textos descritivos, poemas e contos inspirados na vida e na obra deste singular arquitecto. Ademais, puidéronse contemplar numerosos traballos plásticos nos que os nenos e nenas reproduciron algunhas das súas obras máis coñecidas, explorando técnicas, formas e cores características do seu estilo.

Un dos espazos máis destacados foi o dedicado aos deseños e construcións creados polo propio alumnado, que deu renda solta á súa imaxinación para deseñar e construír edificios inspirados no universo gaudiniano, converténdose por un día en pequenos arquitectos e arquitectas.

Foi unha magnífica oportunidade para compartir coas familias todo o aprendido durante o curso e poñer en valor o esforzo, a creatividade e a ilusión que acompañaron este proxecto. Grazas a todas as persoas que nos visitaron e fixeron deste museo escolar unha experiencia tan especial. ✨🏛️🎨📚


Aquí podedes ver a escola transformada no museo, unha visita rápida e virtual:


E neste outro recollemos o goce dos visitantes, tanto o alumnado gozando das creacións dos compeñeiros doutros cursos, como a presentación ás familias:






sábado, 30 de maio de 2026

Organización e comunicación da información

O alumnado de 4º está terminando de organizar a información para expoñela na exposición final.

A busca de información levouse a cabo utilizando diferentes fontes: por unha banda, consultamos libros e materiais do expositor da biblioteca escolar sobre Antoni Gaudí e, por outra, completamos a investigación a través de internet. Deste xeito, aprendemos a seleccionar información, organizar os datos máis importantes e contrastar diferentes fontes.

Finalmente, toda a información recompilada está sendo organizada e presentada en pósters.

Con esta actividade, o alumnado traballou a competencia dixital, a comprensión lectora, a expresión escrita e oral, así como a capacidade de síntese e de organización da información.




martes, 10 de febreiro de 2026

11F: Arquitectas que abriron o camiño

Mañá, 11 de febreiro, celebramos o Día da Muller e a Nena na Ciencia, e dende a biblioteca preparamos unha proposta especial relacionada co noso PDI de arquitectura. 

Queremos convidarvos a investigar o camiño das primeiras mulleres arquitectas: quen foron, que obstáculos tiveron que superar e que obras e achegas deixaron para a historia. 

Estas imaxes apareceron na biblioteca… Seredes quen de descubrir de quen se trata? 

Poñede en marcha o voso espírito investigador e animádevos a participar nesta procura científica e arquitectónica!




Xa prendeu dentro de ti a semente da curiosidade? Aquí vai unha pequena historia para comezar a investigar...


INDAGAMOS A TRAVÉS DO PDI


Gaudí: arquitecto de soños

Na biblioteca contamos co expositor de libros relacionado co PDI Gaudí, arquitecto de soños, no que podedes atopar unha selección variada de títulos.



Temos a súa biografía, libros de arquitectura, volumes ilustrados sobre os seus edificios máis coñecidos e materiais para descubrir como combinaba natureza, arte e enxeñaría nas súas creacións. 

Convidámosvos a achegarvos, explorar os fondos e deixarvos inspirar polo mundo creativo de Gaudí. 




sábado, 14 de xuño de 2025

EXPOSICIÓN UNIVERSAL DO PÁRROCO - OS METEOROS


Como ben sabedes, este ano estivemos indagando sobre os meteoros. Todo ese traballo foi presentado na Exposición Universal do Párroco coa que compartimos todo o aprendido con compañeiros, familiares e amigos.

Os meteoros dan para moito! Ciencias, tecnoloxía, literatura, poesía, arte... Cantas cousas podemos descubrir se somos curiosos.


Foi unha xornada moi especial na que descubrimos o feito por outras clases e, a pesar de levar xa un ano experimentando e aprendendo, onte aínda ampliamos algo máis!

Moitas grazas as familias por vir, participar e amosar tanta curiosidade por todo o que tiñamos que contarvos!





mércores, 4 de xuño de 2014

REMATANDO PROXECTOS

Avanza o mes de Xuño e imos rematando pouco a pouco cos nosos proxectos deste curso. 
O plan proxecta ( recollido na pestana superior) que se ven desevolvendo pararelo ó noso PDI os cultivos ven de rematar cunha busca do tesouro que  ademais de divertida puxo en xogo tódolos coñecementos adquiridos na investigación documental e vivenciados nas distintas actividades feitas na clase de educación física. Rematou con moito "movemento" e cun mural- resumo con tódolos contidos traballados e cuxo coñecemento nos axudará no coidado da nosa saúde.



Rematamos tamén o Proxecto documental Integrado "Os cultivos tradicionais de Galicia" elaborado para poñer o noso granciño de area ao Ano internacional da agricultura familiar coa publicación do noso libro SEMENTANDO SEMENTANDO que quere ser unha pequena enciclopedia feita polos nosos cativos de 3 anos ata 6º de primaria arredor de 10 cultivos tradicionais de Galicia. 10 cultivos que, ademais de formar parte da dieta galaica están fondamente arraigados na nosa cultura. Nel amosámosvos todo o que temos investigado e aprendido sobre eles. 

SEMENTANDO SEMENTANDO

Ao mesmo tempo o punto final poñémolo cunha gran horta familiar elaborada con distintos materiais plásticos e de xeito colaborativo entre tódolos cursos. Ainda está en proceso de montaxe pero invitámosvos a vela e desfrutar coas nosas produccións.