Amosando publicacións coa etiqueta busqueda de información. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta busqueda de información. Amosar todas as publicacións

sábado, 30 de maio de 2026

Organización e comunicación da información

O alumnado de 4º está terminando de organizar a información para expoñela na exposición final.

A busca de información levouse a cabo utilizando diferentes fontes: por unha banda, consultamos libros e materiais do expositor da biblioteca escolar sobre Antoni Gaudí e, por outra, completamos a investigación a través de internet. Deste xeito, aprendemos a seleccionar información, organizar os datos máis importantes e contrastar diferentes fontes.

Finalmente, toda a información recompilada está sendo organizada e presentada en pósters.

Con esta actividade, o alumnado traballou a competencia dixital, a comprensión lectora, a expresión escrita e oral, así como a capacidade de síntese e de organización da información.




luns, 2 de marzo de 2026

RETO das Arquitectas superado!

O Párroco está cheo de pequenos e pequenas investigadoras!

Os diferentes cursos foron pasando pola biblioteca para descubrir as personaxes destacadas no Día da muller e da nena na ciencia. 

Leron o conto que narraba a historia das pioneiras no ámbito da arquitectura e seguiron as pistas ata conseguir elaborar unha liña do tempo que reflexa cando comezaron a abrirnos o camiño da arquitectura a todas e así que mulleres e nenas tivésemos a oportunidade de desenvolver tal oficio.





Agora xa temos 6 novas referentes que defenderon a igualdade entre homes e mulleres e conseguiron derribar os muros que lles impidían converterse en arquitectas.



venres, 20 de febreiro de 2026

DINOSAURIOS NAS HORAS DE LER

Nesta hora de ler respírase… Prehistoria! 🦖📚

O alumnado de 3º está a mergullarse no fascinante mundo dos dinosauros durante a hora de ler. A curiosidade foi o punto de partida e para dar resposta ás súas inquedanzas, recorreron a libros de información cheos de datos sorprendentes e a álbums ilustrados moi chulos, con imaxes espectaculares que nos axudan a imaxinar como era a vida hai millóns de anos. 

A hora de ler converteuse así nun espazo de descubrimento, onde a lectura serve para investigar, aprender e compartir achados cos compañeiros e compañeiras.

Porque na biblioteca non só lemos historias… tamén exploramos, indagamos e deixamos voar a curiosidade. 🦕✨




martes, 10 de febreiro de 2026

11F: Arquitectas que abriron o camiño

Mañá, 11 de febreiro, celebramos o Día da Muller e a Nena na Ciencia, e dende a biblioteca preparamos unha proposta especial relacionada co noso PDI de arquitectura. 

Queremos convidarvos a investigar o camiño das primeiras mulleres arquitectas: quen foron, que obstáculos tiveron que superar e que obras e achegas deixaron para a historia. 

Estas imaxes apareceron na biblioteca… Seredes quen de descubrir de quen se trata? 

Poñede en marcha o voso espírito investigador e animádevos a participar nesta procura científica e arquitectónica!




Xa prendeu dentro de ti a semente da curiosidade? Aquí vai unha pequena historia para comezar a investigar...


INDAGAMOS A TRAVÉS DO PDI


Gaudí: arquitecto de soños

Na biblioteca contamos co expositor de libros relacionado co PDI Gaudí, arquitecto de soños, no que podedes atopar unha selección variada de títulos.



Temos a súa biografía, libros de arquitectura, volumes ilustrados sobre os seus edificios máis coñecidos e materiais para descubrir como combinaba natureza, arte e enxeñaría nas súas creacións. 

Convidámosvos a achegarvos, explorar os fondos e deixarvos inspirar polo mundo creativo de Gaudí.