Na biblioteca realizamos unha actividade moi especial a partir da lectura do conto ¡FUERA ETIQUETAS!
A través desta historia reflexionamos sobre como, ás veces, utilizamos unha soa palabra para definir as persoas sen ter en conta todo o que as fai únicas. Despois da lectura, mantivemos unha conversa na que os nenos e nenas de 3º de primaria compartiron as súas ideas sobre a importancia de non poñer etiquetas aos demais. Entre todos e todas chegamos a unha conclusión moi importante: só cada persoa pode falar de si mesma e explicar quen é realmente. Ninguén pode definirse cunha única palabra, porque todos temos moitas calidades, intereses, emocións e formas de ser que nos fan especiais.
A continuación, cada alumno e alumna realizou un autorretrato e acompañouno con palabras positivas que falan de si mesmo: os seus gustos, as súas fortalezas, as súas habilidades e aquelas características da súa personalidade das que se sente orgulloso. Foi unha actividade de reflexión e autoestima que lles permitiu valorarse e recoñecer todo o bo que hai en cada un deles.
Para rematar, organizamos unha exposición oral na aula. Cada neno e nena presentou o seu autorretrato aos compañeiros e compañeiras, explicando as palabras que elixira para describirse e compartindo aspectos importantes da súa forma de ser. Esta posta en común axudounos a coñecernos mellor, a escoitar con respecto e a descubrir a riqueza e diversidade que existe dentro do noso grupo.
Foi unha experiencia moi enriquecedora
que nos axudou a fomentar a autoestima, o respecto, a empatía e a valoración
das diferenzas, lembrándonos que cada persoa é única e que somos moito máis que
calquera etiqueta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario