Amosando publicacións coa etiqueta mouchoinforma. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta mouchoinforma. Amosar todas as publicacións

domingo, 23 de abril de 2023

23 DE ABRIL: DÍA DO LIBRO

 Nas bibliotecas lemos e animamos á lectura todo o ano, pero neste mes de abril as lecturas vívense coma algo especial. Neste mes acollemos as visitas de escritoras e escritores á nosa biblioteca, como xa sucedeu con María Canosa e Sabela Fernández. Este luns é a quenda dos autores de Maxia de pedra e os alumnos de 5º e 6º. Ao tempo sucédense os contacontos no recreo e mailos préstamos, a lectura oral e teatral, a lectura poética e a de ficción, a literaria e a documental. Estamos enganchados nunha xeira de relatos orais e escritos en distintos formatos e medios.  

O noso libro do mes Cando leo de Eva Mejuto e o noso novo cartel que da luz á biblio serán protagonistas nestas xornadas que se abren paso coa chuvia e o sol de primavera.

E aí xa vén Padriños lectores para facernos disfrutar desta festa da lectura.

Este ano 2023 o cartel e a mensaxe oficial desta xornada lectora foi escrito por Montse Pena Presas no que reivindica, coma nós no noso PDI artes de pesca sostible, esas que cando lanzas a cana ou os palangres son quen de pescar boas lecturas e lectores.





xoves, 23 de marzo de 2023

DÍA MUNDIAL DA SÍNDROME DE DOWN

 Vénse de celebrar o martes 21 de marzo o Día Mundial da síndrome de Down. Comprometidos como estamos no noso cole cunha educación inclusiva, atopámonos con moita ledicia unha Súper-nova na prensa que quere dar visibilidade a tódalas persoas afectadas por esta síndrome e concienciar da súa plena validez para integrarse na sociedade. Esta estupenda nova fálanos dun superneno, Súper Andrés, que nos toca moi de preto e co que nós gozamos cada día. Con el e os seus compañeiros e compañeiras compartimos  un tempo de aprendizaxe, xogo, felicidade e integración. 

Queremos facervos chegar a todos este relato de vida, recollido  polo xornal dixital Vigo e  dá-las grazas a Andrés e a súa familia polo seu agarimo e as experiencias que  podemos compartir a cotío. 



                                                                  Léde aquí a nova

mércores, 8 de marzo de 2023

CELEBRANDO O DÍA DA MULLER

O Día da muller, coma outras celebracións que temos no cole, non é un día illado. Levamos tempo, en distintos proxectos, dando voz a mulleres de  ámbitos diferentes e a proxectos liderados e traballados por mulleres de xeito compartido cos homes. Coma hoxe nos lembraron no cole, non hai só feminino e masculino; o importante somos ti e máis eu. O importante é traballar pola igualdade e vivir e compartir en tódolos eidos uns canda outras.


Seguindo no traballo que levamos adiante no cole sobre alimentación sostible para nós e para o planeta, centrado na pesca e no agro, hoxe trouxemos ás aulas o labor de Ellen Macarthur, merecedora o pasado ano do premio Princesa de Asturias pola súa loita por implicar a gobernos e industrias no cambio económico que precisamos para darlle a volta ao cambio climático. 












Ellen, a través da súa fundación, quere que os pequenos cambios, - os que todos nós temos que facer no noso consumo- , e mailos grandes cambios, -os que debe facer o tecido económico para mudar á unha economía circular-, sexan xa unha realidade. Non precisamos seguir adiando e discutindo, as solucións están aí e son sinxelas. Precisan só do compromiso de todos. Invitámosvos a navegar por esta temática dende a nosa aula virtual.

Hoxe e os días vindeiros, vencellado todo tamén á celebración da "Semana da prensa", seguiremos matinando nos pasos a dar nas nosas parceliñas  e seguiremos analizando os recursos e a información da que dispomos. E de certo que o camiño xa o temos comezado!.

Para visibilizar o día e que esta mensaxe chegue ás casas fixemos en tódalas aulas distintos marcapáxinas adicados a esta muller e a economía circular. Como adoita suceder, o importante é participar e facer o traballo; e sempre moitos esquecemos facer fotos. Non importa!  Para mostra un botón.  Aquí tedes ós pequenos cos seus marcalibros e o traballo de aproveitamento feito.





E os distintos modelos de marcalibros







Tamén a decoración dunha das portas trouxo ata nós a figura da muller rural, coa colaboración de nenos e nenas de distintos cursos. Representárona recollendo os grelos que cultivou para facer o seu caldo! Non podía ser doutro xeito! Alimentación sana e da nosa terra!




mércores, 22 de febreiro de 2023

DÍA DE ROSALÍA. PROPOSTA PARA AS FAMILIAS

  O 23 de febreiro celebramos o Día de Rosalía de Castro, aniversario do seu nacemento. Neste curso, mergullados no noso PDI arredor da alimentación sana e sostible, acáenos moi ben traballar co seu poema Miña casiña, meu lar onde fala do caldiño de gloria e doutra elaboración tradicional, o bolo do pote. Nós imos traballar todas estas cousiñas nas aulas no que queda de trimestre e no vindeiro. Invitámosvos a participar desta receita connosco: 

Elaborade un caldiño de gloria ou o caldo galego que acostumades a facer e amosádenolo nunha foto ou vídeo. Ao mesmo tempo escollede uns versos do poema e escribídeos ou recitádeos.

Podedes se queredes pescudar tamén na elaboración do bolo de pote e cociñalo ou pasarnos a receita. Aquí tedes o anuncio da invitación que vos facemos. Non hai límite de tempo. Podedes participar no momento do curso que queirades.

luns, 23 de xaneiro de 2023

COMEZAN AS ACTIVIDADES DA SEMANA DA PAZ

 Dende hoxe luns ata o vindeiro luns 30 de Xaneiro aula tras aula compartirán as lecturas escollidas e os obradoiros de traballo compartido. O noso PDI está na base de toda esta actividade e xa os mouchiños fixeron as súas peticións para todos.

Os nenos de 3º de primaria recibiron a visita dos amigos de 6º, na hora de ler, e foron os primeiros en compartir a lectura do conto Non é máis ca ún Ao final da mañá foi a quenda dos nenos e nenas de 5 anos, quen puideron tecer canda os compañeiros de 6º os primeiros anacos da rede que imos colocar no mural, aproveitando tódalas redes reutilizables que enviastes este días.

domingo, 4 de decembro de 2022

...E PODEMOS COCIÑAR EN FAMILIA?

 Neste nadal podemos cociñar en familia! Esta proposta está aberta dende agora ata o final das vacacións. Daquela non fai falta apurarse. Os días de Nadal son un bo intre para xuntarnos na cociña e iniciar ós vosos nenos e nenas  nas sobremesas de nadal. 

Tamén podedes enviar a proba á merendola de Nadal da vosa aula. Consultade coa vosa profe!.



xoves, 1 de decembro de 2022

PETICIÓN AS FAMILIAS NO NADAL






 Descargade aquí o homiño 

Decorade o homiño como desexedes e enviádeo ao cole. Pasará a formar parte da decoración de Nadal, compartindo con todos vós a ledicia destas festas. Tamén podedes enviarnos a foto e publicáremola.

luns, 3 de outubro de 2022

NOVO CURSO, NOVO LEMA DAS BE

 Non sen tempo traemos ata aquí o novo lema e cartel das BE para este curso 2022-23. Chegado o mes de outubro comezamos, un ano máis, a comentar a nova andaina da nosa biblio, nun curso que agardamos cheo de experiencias compartidas. Experiencias e creatividade que imos ter que deixar para a historia reflectida nas nosas escritas. Diarios, relatos, poemas compartidos, anécdotas, narracións fantásticas e documentais. A biblio  xa está en marcha cunha saca cheiña de proxectos interesantes e divertidos. De novo nos recreos atopamos nela oportunidades de lectura e outros xeitos de lecer. Van ser moitas as letras vividas que van deixar a súa pegada nos papeis e nos axudarán, pasado o tempo, a ter boa lembranza de todo o que nos agarda aí mesmiño xa. Daquela,  veña, todos, nenas, nenos, rapaces e rapazas, profes, familias, collede os trebellos todos, antigos ou modernos, o lapis, o papel, a cámara... e preparádevos para ser cronistas escribintes deste curso que xa despegou.



luns, 14 de febreiro de 2022

SEMANA DA TROULA DO 21 AO 24 DE FEBREIRO...E O VENRES, FESTA RACHADA!!!

 O Entroido e maila Troula xa veñen aí e para que non perdamo-lo tren da festa imos anunciando xa quen é o noso Meco2022 e que temos que traer ao cole na Semana da Troula. Lembrade que será na semana do luns 21 de febreiro ata o venres 25 de febreiro...Troula e festa rachada!!!

DESCARGA AQUÍ O PDF COS MANDADOS

domingo, 21 de novembro de 2021

OUTRO 25 DE NOVEMBRO, UN ANO MÁIS

 Un ano máis temos que adicar un día a poñer de relevo a violencia de xénero, a violencia que sofren as mulleres, grandes e nenas, nas súas casas e na súa vida. Esta violencia que tamén toca a moitos homes...nenos-fillos, pais, avós, tíos, amigos, novas parellas das mulleres que a sofren. Daquela é un problema de todos e de todas, de toda a sociedade.

No cole imos profundar no medo. Queremos miralo á cara. Queremos coñecer os nosos propios medos para poder entender mellor o medo que tingue a vida de moitas mulleres. Seica coñecemos algunha delas! A partir dese "entender", queremos ir un paso máis alá e empatizar con elas, sendo quen de ofrecerlles, ademais do noso agarimo, dos nosos bicos e apertas, un apoio emocional reflectido nunha frase que as axude a levantar e  a loitar, nós canda elas; que nos axude a todos a loitar contra iso que produce o medo, contra esa actitude e violencia dalgúns "homes" intolerantes, para poder arredalo da nosa sociedade dunha vez para sempre.

Como ademais sempre temos que vencellar o noso traballo aos nosos proxectos de centro, neste curso tan científico recollemos o pensamento de Marie Curie que figura tamén no conto de Violeta Monreal

"Deixamos de  ter medo das cousas que aprendemos a entender"

E, non si? Mergullados no mundo das matemáticas imos botar a imaxinación a voar e darlle forma xeométrica ós nosos medos.

A actividade máis importante nas aulas vai ser falar, poñer en palabras todo o que sentimos. Dúas lecturas vannos axudar neste debate:

QUE MEDO QUERERÍAS VENCER? da autora Violeta Monreal e EU MATAREI MONSTROS POR TI de Santi Balmes.



Poida que as actividades e ideas que se tiren do debate non sexan quen de reflectir toda a riqueza de emocións e solucións que de certo conseguiremos expresar. O importante será sempre a semente que irá medrando nos nosos corazóns e a vontade firme de parar esta tolemia. Xa vos contaremos!

Ao tempo imos tenderlle a man á musica con estas cancións que falan da empatía e do moito que podemos facer uns por outros.


sábado, 9 de outubro de 2021

DE VOLTA COA CIENCIA!

 Neste curso  2021-22 imos levar adiante un proxecto de centro moi chantado na ciencia e na historia da ciencia. Enseguidiña falarémosvos del. Temos xa tódolos motores en marcha!. O 24 de outubro, Día das bibliotecas, arranca oficialmente a nosa andaina, aínda que nas aulas xa levamos uns días lendo e pescudando.

Para ir facendo boca, e aínda que no mes de novembro celebraremos o mes da ciencia en galego, non podemos deixar de achegarvos a esa data que ven de pasar. O 8 de outubro é o Día da Ciencia de Galicia. Este ano é unha muller a homenaxeada, Jimena Fernández de la Vega. A súa andaina científica teranos tamén ocupados na nosa celebración. Deixámosvos agora aquí uns apuntiños para comezar esta viaxe.