domingo, 29 de abril de 2018

MES DOS LIBROS:PADRIÑOS LECTORES

O pasado venres e a pesares do día que non prometía nada bó (metereolóxicamente falando) celebramos unha nova edición dos "padriños lectores". Aínda que non era a primeira experiencia para a maioría dos nenos e nenas, padriños, madriñas, afillados e afilladas estaban moi nerviosos e debecían porque chegase ao intre sinalado.
Foi un goce, coma sempre, mirar a tódalas parellas ler e compartir; e tamén escoitar o son de mil lecturas a un tempo...todos desfrutamos moito e os nenos e nenas desfrutaron ainda máis.
Non o dubidamos.. o ano que ven volveremos cos "padriños" e xa estamos desexando que chegue unha nova edición!!



MES DOS LIBROS: OS OLLOS DOS LECTORES

Contámosvos hai uns días que queriamos facer unha montaxe coas recomendacións lectoras que fixeron os nenos e nenas de cada aula aos seus compañeiros. Como sabedes, todos -ou case todos- trouxeron un libro da casa ás aulas co que organizamos unha actividade de préstamo entre familias.
A semana pasada puidemos facer as fotos de todos coas súas suxerencias e agora xa temos os vídeos preparados. Non teñen a calidade que nos gustaría porque nos fallan as ferramentas...pero o importante é que todos podemos ver os libros que recomendaban en tódalas aulas.
Daquela aquí os tedes...4 videos agrupando as distintas aulas.
Para unha visualización máis rápida deixámosvos tamén o enlace aos pdfs.

INFANTIL

 

PRIMEIRO E SEGUNDO

TERCEIRO E CUARTO

QUINTO E SEXTO

ENLACES AOS PDFS

AULAS QUINTO E SEXTO

AULAS TERCEIRO E CUARTO

AULAS PRIMEIRO E SEGUNDO

AULAS INFANTIL

luns, 23 de abril de 2018

MES DOS LIBROS: PRÉSTAMO ENTRE FAMILIAS

A mañá do luns 23 de abril foi unha xornada de emocións. Semella que nunca levaramos ningún libro para casa. Estamos ben afeitos ás viaxes dos nosos libros: libros que van para a casa dende a nosa biblio, libros que veñen das casas para as aulas para encher os nosos proxectos, libros para lermos xuntos nas horas de ler, libros das maletas viaxeiras que viaxan dende a biblio, libros das mochilas viaxeiras que veñen e van, libros nos expositores e nos contacontos dos xoves...un mundo de oportunidades de lectura. Ainda así, produciunos unha emoción enorme poder levar para casa o libro dun compañeiro ou compañeira; ese libro que trouxeron e trouxemos para compartir con todos. Gracias a tódalas familias por participar neste proxecto. Sinxelo, pero moi motivador. Ollade senón as fotos da actividade nalgunhas aulas...  e algúns dos preparativos... e dentro duns días poderedes ver tamén a nosa montaxe.

MICA TAMÉN LEVA UN LIBRO

AS BOLSAS PREPARADAS


O CONTROL DOS PRÉSTAMOS


OS DE CATRO FACENDO INTERCAMBIO



 

MES DOS LIBROS: BIBLIOPATIO

Temos aproveitado  que hoxe é o Día do libro para dar comezo a unha actividade lectora máis. Tiñamos moitas ganas de comezar con ela, pero entre as chuvias e outros problemas técnicos non foi posible. Hoxe tres estupendas axudantes de biblioteca coordinaron a actividade no recreo para que os seus compañeiros poidesen desfrutar da lectura ó ar ceibo. Para os que non teñen gañas de correr no recreo, xa hai unha alternativa  aos faladoiros cos amigos ou os xogos na biblio...fora estase moi ben e os libros son un bó entretemento.












domingo, 22 de abril de 2018

UN VIGUÉS...A VOZ DO 23 DE ABRIL

Como xa vos dixemos, mañá é 23 de Abril e, ainda que non é bó apegarse só as datas porque o importante é celebrar todo día a día, non queremos deixar de sinalar que nesta data é un vigués o encargado de facer o manifesto a favor da lectura; xa tradicional  no día do libro.
As súas palabras parécennos moi acertadas porque dá na chave da importancia da lectura para todos e para todo. Ler permítenos coñecer outros mundos, outros soños e outros pensamentos e o facelo abre a nosa mente e fainos máis libres e concientes. Deixo aquí o seu texto para que vós mesmos reflexionedes e opinedes.

http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/files/diptico_diadolibro18_2.jpg

MES DOS LIBROS: TEATRO DE SOMBRAS NA BIBLIO

Este pasado martes 17 de Abril, xa celebrando o mes dos libros, tivemos o pracer de acoller na nosa biblioteca un teatro de sombras moi especial. A compañía "Os asomados" do cole San Rafael fixo dous estupendos pases do conto "O monstro de cores" coa  técnica de  sombras. Fixérono moi  moi ben e puidemos desfrutar moito coa súa montaxe. Non importou que case todos xa coñecesemos o  conto, especialmente os máis pequenos. Durante o tempo que durou a representación ninguén pestanexou!!... é un conto moi especial para todos.
Ademáis despois  puidemos coñecer a tódolos compoñentes do grupo e falar con eles. Tamén puidemos meternos entre "bambalinas" e coñecer o traballo que desenvolveron para poder contarnos o conto dese xeito tan especial.
Foi un pracer, coma sempre é o teatro ben feito, e xa estamos a desexar que volvan coa súa próxima montaxe.






MES DOS LIBROS: PRÉSTAMO ENTRE FAMILIAS E MÁIS COUSIÑAS

Dentro das actividades que temos preparadas para este mes e o vindeiro, cheiños ámbolos dous de propostas lectoras,  comeza xa mañá oficialmente o préstamo de libros entre as familias  de cada aula.
 As aulas están cheas de libros preparadiños para iniciar a súa viaxe; e as fotos que fixemos están tamén listas agardando formar parte dunha grande mensaxe de todos estes pequenos e grandes lectores a favor da importancia da lectura e da afectividade que tinxe a nosa relación con eles.
 Por se alguén non se enterou, deixámosvos aquí o texto da carta dos mouchiños que chegou ás casas  (é que non paran de pedirnos cousiñas), pidindo a participación das familias na actividade. Xa sabedes que a ler e a desfrutar a lectura chégase lendo e canto máis  leamos e mesmo cantos máis leamos, mellor.
 Ademáis esta actividade vainos permitir como sabedes achegarnos ás suxerencias lectoras de cadaquén. Non só imos compartir físicamente os libros que temos na casa, senón que compartimos  eses libros especiais que no intre no que os limos significaron algo para nós. Ademáis van poder viaxar a tódalas casas, seguindo as normas que cada aula deseñou para elo.
Así que se aínda non participastes, estades a tempo...sería mágoa que algún neno non puidera compartir e desfrutar das lecturas dos demáis.

                                         BIBLIOCAMILO...

                                            ...EN ABRIL, LIBROS MIL

 Benqueridas familias:
Co gallo do día do libro, o vindeiro 23 de Abril, imos facer unha actividade especial; unha máis das moitas que facemos  no cole para promové-la lectura. Trátase dun préstamo especial entre familias. Cada neno e nena deberá traer aquel conto ou libro que lle recomendaría a un compañeiro da súa clase. Pode haber mil e unha razóns polas que  cadaquen escolla ese libro:

-porque foi unha lectura que lle gustou moito

- porque é un libro con ilustracións moi fermosas

-porque é un agasallo especial que lle fixeron a él ou ela

- porque foi o primeiro libro que leu e lle chamou a atención

- porque fala do seu tema ou a súa personaxe preferida...



...tantas razóns como nenos e nenas. Con todos los libros aportados faremos unha montaxe audiovisual de suxerencias lectoras, que no seu momento poderedes ver nos nosos blogues.



O que tedes que facer é axudarlles a escoller ese libro que tedes na casa (non hai que mercar nada) e mandalo á clase antes do 20 de Abril. Ten que ser un libro apropiado para o seu grupo de idade porque o préstamo vaise facer dentro de cada clase.

Non esquezades poñer nalgún recunchiño o nome do neno e a aula á que pertence para que sexa máis doado devolvé-los libros cando remate a actividade. Os libros levaranos os compañeiros para desfrutar deles na casa durante uns días. Daquela pedímosvos que, o mesmo que facemos con tódolos libros da biblioteca que chegan ás vosas casas, sexades igualmente coidadosos e responsables con eles.



Saúdos

Os mouchiños


Ainda que as actividades vanse alongar ata finais de maio, esta semana é a "Semana grande do libro" na biblioteca  e dende mañá 23 de Abril arranca tamén outra actividade que entra na súa 2º edición..."Colle o libro e corre...", -bookcrossing "controlado no recreo e na hora de ler- adicada os escritores e escritoras vigueses e tamén a Victoria Moreno, protagonista do Día das Letras Galegas, que tamén se está achegando.
Se o tempo o permite a semana rematará ( que non o desfrute dos libros) cunha nova edición de Padriños lectores, que todos estamos xa a desexar que chegue. Pero todo isto xa volo iremos contando.

sábado, 21 de abril de 2018

EN ABRIL...VISITAS DE AUTORES

Tódolos anos temos o pracer e a sorte de coñecer a algúns dos escritores e escritoras que  soñaron e deron forma aos libros ós que nos achegamos nas aulas e tantas veces convírtense nos nosos preferidos.
Este curso non vai ser menos e  tamén imos ter a oportunidade de coñecer os tres autores dos libros que as profes escolleron para nós.  Ata agora,  María Canosa e Ledicia Costas son  as dúas autoras que nos veñen de visitar nas últimas semanas e que xa deixaron a súa pegada  no noso cole e nas nosas almas de lectores. 
María, coido que era a primeira vez que nos visitaba; Ledicia Costas xa estivera connosco e a súa nova visita non decepcionou. Cada unha delas falounos dos seus libros e da súa ollada sobre a literatura e soubo transmitirnos a emoción de seren  a un tempo lectoras e mais ofrecer lecturas, que é o seu oficio.

Deixámosvos aquí o enlace a estas actividades que xa nos presentaron os seus protagonistas no outro blogue. Mentres agardamos que no mes de maio nos visite outro autor do que ainda non desvelamos o nome.

Visita de Maria Canosa
Visita de Ledicia Costas

FALANDO DA RECONQUISTA

Os nenos e nenas de 5º coñeceron de primeira man a nosa historia, nunha actividade especial organizada polo Concello co gallo do Día da Reconquista. No noso PDI deste curso non podía faltar esta visita e, claro está, os nosos compañeiros non o dubidaron...agora seica estan en condicións de contarnos tódolos detalliños do que pasou en Vigo hai tantos anos.

Deixamos aquí o enlace.

NOVA MISIÓN PARA AS FAMILIAS E PARA AS AULAS

Xa hai un par de semanas que as familias recibiron nas casas unha nova petición dos mouchiños. A Reconquista e a poesía nos murais urbanos son os temas da penúltima viaxe pola cidade. O curso vai avanzando e camiñamos as derradeiras etapas dos nosos proxectos, que ainda van deixarnos unha chea de información e mesmo de emocións.
Tamén nas aulas temos xa o noso cartafol viaxeiro coas dúas ultimas tarefas. Desta volta son Os redeiros e Os cabalos as esculturas que nos van permitir mergullarnos en dous recunchiños máis da cidade.
Deixamos aquí coma sempre as cartas que enviaron os mouchiños as familias e os nenos e nenas do cole.







domingo, 8 de abril de 2018

DIA DA POESÍA


O pasado 21 de Marzo celebrouse o día oficial da Poesía. Nós adicamos toda a semana a ir traballando a linguaxe poética, visitando o expositor colocado na biblioteca e consultando nas aulas outros libros de poemas tamen escollidos, copiando algúns dos versos de distintos autores que nos gustaron e atrevéndonos tamén algúns a crear as nosas poesías.




 Ao longo da semana foron aparecendo poemiñas pendurados aquí e alá, de xeito que pronto estivo o cole ben cheo. E dame no nariz que este mes do libro os nenos e nenas que non puideron chegar a tempo ainda nos van sorprender coas súas escollas e creacións. Bueno, iso se atopan algún recunchiño onde pendurar as súas cousiñas...!!



Ademáis puxemos a nosa ollada tamén sobre Martín Códax, o trovador de Vigo, non só a través do traballo correspondente a 5ª carpeta viaxeira (A fada e o dragón), senón tamén lendo e escoitando as versións musicais das súas cantigas e intentando emular a feitura de pergameos, como sucedeu na aula de segundo. O pergamiño Vindel estivo moi presente nas nosas pescudas, como tocaba.

Esto non acaba aquí porque dentro do noso proxecto temos un recunchiño reservado aos poetas de Vigo e no mes de Maio imos adicarnos tamén de xeito intensivo a Victoria Moreno, que tamén nos deixou os seus poemas.

Deixámosvos aquí algunhas poucas mostras da creatividade dos nosos nenos e nenas . Xa iremos pondo maís. Ollade!







OS OLLOS DO SEGUNDO TRIMESTRE


Durante o segundo trimestre estivemos a traballar en tres novos edificios nos que coubo toda a información sobre os 3 eixos protagonistas deste trimestre...O Polbo de Verne, O Barquito de Alfageme e a escultura da "Fada e o Dragón" adicada a Martin Códax e os trovadores vigueses. 
 Os edificios escollidos para presentar a nosa información foron de novo tres edificios que forman parte do  patrimonio dende hai moitos anos. O edificio Mulder, coa  cúpula que o identifica, acompaña ao polbo de Verne nas Avenidas; A fábrica Alfageme mantense en pé lembrando á cidade todo o que fomos, ainda que navega hoxe en augas revoltas, á Oliveira e maila estatua dos trovadores acompáñanos un edificio do que non averiguamos o nome pero que está aí xa nas fotos mais antiguas que se conservan do paseo de alfonso.



 

Imos pouquiño a pouco, nas vindeiras entradas, ir debullando tódolos traballiños que se foron facendo nas aulas. Ainda nos quedan algunhas cousiñas por colocar nas paredes, pero enseguidiña teremos todo a punto para que o desfrutedes.

SEMANA DA PRENSA. MATERIAS XORNALÍSTICOS SOBRE VIGO


Na Semana da  Prensa, o pasado mes de marzo, o noso  cole encheuse de distintas novas de xornal coas que tivemos a oportunidade de coñecer a realidade dende outro punto de vista e coa linguaxe da prensa. 
As distintas caixas, que se situaron na mesa da entrada, daban pé a  ollar as cousas traballadas sobre Vigo con outros ollos. A  historia da cidade, a hemeroteca do Faro de Vigo - coa súa escolla de acontecementos singulares -,  Xulio verne e as súas trécolas, Martin códax, o pergameo Vindel, as mulleres e homes de Vigo que destacan en distintas áreas, a ciencia na nosa cidade,... enchían esas caixas acompañadas doutras novas máis curiosas. 


 

 Entre todas había unha caixa especial adicada ós mais pequenos do cole, aqueles que ainda non se manexan ben na lectura...as Nanonovas. De seguro que eles fóronlle sacando todo o partido ás imaxes escollidas. 





Todos nas aulas adicamos  esa semana a ollar os periódicos e a confeccionar as nosas propias novas, como fixemos por exemplo co suplemento que estamos a elaborar do Xornal Don Moucho coas mulleres de Vigo e que xa vos presentamos. 




 O traballo segue aí, o mesmo que as caixas cos retallos de xornais para que poidamos seguir afondando neles. A sección de historia vai seguer medrando ata fin de curso para que poidamos  tamén seguir a desfrutar desas lecturas e aprendendo cousiñas da nosa historia.
Dúas caixas especiais adicaronse a recolleita polos nenos de novas de astronomía e viaxes, xogando cos temas que interesaron á Verne nalgúns dos seus libros. Non imos lembrar agora os seus coñecidos títulos. Está ainda por ver as suxerencias de traballo  con estes temas que os mouchiños nos teñen preparadas para o  mes de abril.


Para todos  unha nova oportunidade para traballar nas aulas arredor dos libros e de Vigo.