domingo, 22 de abril de 2018

MES DOS LIBROS: PRÉSTAMO ENTRE FAMILIAS E MÁIS COUSIÑAS

Dentro das actividades que temos preparadas para este mes e o vindeiro, cheiños ámbolos dous de propostas lectoras,  comeza xa mañá oficialmente o préstamo de libros entre as familias  de cada aula.
 As aulas están cheas de libros preparadiños para iniciar a súa viaxe; e as fotos que fixemos están tamén listas agardando formar parte dunha grande mensaxe de todos estes pequenos e grandes lectores a favor da importancia da lectura e da afectividade que tinxe a nosa relación con eles.
 Por se alguén non se enterou, deixámosvos aquí o texto da carta dos mouchiños que chegou ás casas  (é que non paran de pedirnos cousiñas), pidindo a participación das familias na actividade. Xa sabedes que a ler e a desfrutar a lectura chégase lendo e canto máis  leamos e mesmo cantos máis leamos, mellor.
 Ademáis esta actividade vainos permitir como sabedes achegarnos ás suxerencias lectoras de cadaquén. Non só imos compartir físicamente os libros que temos na casa, senón que compartimos  eses libros especiais que no intre no que os limos significaron algo para nós. Ademáis van poder viaxar a tódalas casas, seguindo as normas que cada aula deseñou para elo.
Así que se aínda non participastes, estades a tempo...sería mágoa que algún neno non puidera compartir e desfrutar das lecturas dos demáis.

                                         BIBLIOCAMILO...

                                            ...EN ABRIL, LIBROS MIL

 Benqueridas familias:
Co gallo do día do libro, o vindeiro 23 de Abril, imos facer unha actividade especial; unha máis das moitas que facemos  no cole para promové-la lectura. Trátase dun préstamo especial entre familias. Cada neno e nena deberá traer aquel conto ou libro que lle recomendaría a un compañeiro da súa clase. Pode haber mil e unha razóns polas que  cadaquen escolla ese libro:

-porque foi unha lectura que lle gustou moito

- porque é un libro con ilustracións moi fermosas

-porque é un agasallo especial que lle fixeron a él ou ela

- porque foi o primeiro libro que leu e lle chamou a atención

- porque fala do seu tema ou a súa personaxe preferida...



...tantas razóns como nenos e nenas. Con todos los libros aportados faremos unha montaxe audiovisual de suxerencias lectoras, que no seu momento poderedes ver nos nosos blogues.



O que tedes que facer é axudarlles a escoller ese libro que tedes na casa (non hai que mercar nada) e mandalo á clase antes do 20 de Abril. Ten que ser un libro apropiado para o seu grupo de idade porque o préstamo vaise facer dentro de cada clase.

Non esquezades poñer nalgún recunchiño o nome do neno e a aula á que pertence para que sexa máis doado devolvé-los libros cando remate a actividade. Os libros levaranos os compañeiros para desfrutar deles na casa durante uns días. Daquela pedímosvos que, o mesmo que facemos con tódolos libros da biblioteca que chegan ás vosas casas, sexades igualmente coidadosos e responsables con eles.



Saúdos

Os mouchiños


Ainda que as actividades vanse alongar ata finais de maio, esta semana é a "Semana grande do libro" na biblioteca  e dende mañá 23 de Abril arranca tamén outra actividade que entra na súa 2º edición..."Colle o libro e corre...", -bookcrossing "controlado no recreo e na hora de ler- adicada os escritores e escritoras vigueses e tamén a Victoria Moreno, protagonista do Día das Letras Galegas, que tamén se está achegando.
Se o tempo o permite a semana rematará ( que non o desfrute dos libros) cunha nova edición de Padriños lectores, que todos estamos xa a desexar que chegue. Pero todo isto xa volo iremos contando.

1 comentario:

  1. Ides ter que empaquetar os libros en papel burbulla para o "Colle o libro e corre..." Medo me dan! XD XD XD

    ResponderEliminar