Amosando publicacións coa etiqueta padriños lectores. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta padriños lectores. Amosar todas as publicacións

domingo, 25 de maio de 2025

APADRIÑAMENTO LECTOR

O pasado venres aproveitamos o bo tempo e o noso patio-bosque para ler. Todo o cole, en parellas e grupos lectores, compartimos un momento de lectura moi enriquecedor.


Todos con candanseu padriño, madriña, afillado ou afillada, descubriron historias agochadas nas páxinas dos contos. 

Quedamos con ganas de máis e esperamos repetir pronto!





xoves, 23 de xuño de 2022

PADRIÑOS E MADRIÑAS LECTORES

 Despois de dous cursos sen podermos celebrar esta preciosa actividade e despois de darlle voltas á data por ver que o tempo acompañase, quedou para a mañá de fin de curso esta sesión de padriños e madriñas lectoras. Era a nosa derradeira actividade de biblioteca antes de lanzármonos a festa de remate das clases.

 Dende días antes estivemos cos preparativos: coñece-los nosos padriños, madriñas, afillados e afilladas, preparar pequenos agasallos para eles, escoller os contos e practicar lectura dramatizada...

 Chegado o día, a chuvia foi a nosa compañeira. O sol non quixo saír a enxoita-la herba e non puidemos gozar lendo no marabilloso xardín que temos. Houbemos de quedar todos no patio cuberto, onde si que puidemos escoita-lo murmurio de mil e unha lecturas simultáneas.





domingo, 29 de abril de 2018

MES DOS LIBROS:PADRIÑOS LECTORES

O pasado venres e a pesares do día que non prometía nada bó (metereolóxicamente falando) celebramos unha nova edición dos "padriños lectores". Aínda que non era a primeira experiencia para a maioría dos nenos e nenas, padriños, madriñas, afillados e afilladas estaban moi nerviosos e debecían porque chegase ao intre sinalado.
Foi un goce, coma sempre, mirar a tódalas parellas ler e compartir; e tamén escoitar o son de mil lecturas a un tempo...todos desfrutamos moito e os nenos e nenas desfrutaron ainda máis.
Non o dubidamos.. o ano que ven volveremos cos "padriños" e xa estamos desexando que chegue unha nova edición!!



luns, 1 de maio de 2017

PADRIÑOS LECTORES 2017

Por fín, xa chegou! Unha vez máis o mes dos libros bríndounos a oportunidade de desfrutar da lectura xuntos no patio. Esta é unha desas actividades que chegou hai algúns anos ao noso cole para quedarse e que da gusto repetir un ano e outro. Para os de tres anos é a súa primeira experiencia, que viven cunha mestura de medo e curiosidade. Os demais lembran as experiencias doutros cursos e marchan confíados e contentos.
Os padriños e madriñas tiñan, este venres pasado, todo preparado para marchar canda os seus afillados e afilladas cara algún recunchiño do patio e alí, co agarimo do sol que nos agasallou neste día de finais de abril, ler tódalas historias que coubesen nun anaquiño de lecer. Os padriños e madriñas -e moitos dos seus valentes afillados que tamén quixeron ler para eles- puxeron o corazón nesas lecturas e adicáronse con empeño en facer desfilar palabras e historias no medio dun doce marmurio. Mágoa que non se escoite nas fotos!. 
Do marmurio pasamos, despois dun longo tempiño, ao balbordo, ás carreiras, ás risas... porque os pequenos non quixeron desaproveitar a oportunidade de compartir tamén xogos cos seus compañeiros maiores.


venres, 22 de abril de 2016

PADRIÑOS LECTORES 2016 EN DOUS TEMPOS

Xa está aí o día do Libro e esta semana, aínda mais centrada nos libros do que xa estamos sempre, remata cunha guinda moi especial…unha nova edición de “Padriños Lectores” . Cando chegou a hora sinalada os padriños foron onda os afillados e collidos da man procuraron un recunchiño no patio onde poder comezar as lecturas. Tiñan preparado un fermoso agasallo que os pequenos recibiron con entusiasmo. Todo semellaba ir moi ben ata que de súpeto comezou a choviscar…Caramba,- pensamos as profes- Xa se nos fastidiou este intre tan delicioso!. Pero non, non houbo ningunha fuxida apurada. Cada madriña e padriño colleu ao seu afillado e  afillada e marcharon cara dentro. Cando todos estabamos a cuberto, ollamos con moita sorpresa que a actividade lectora non parara e todo o mundo enchía corredores, escaleiras, aulas…para continuar as lecturas coma se non se tiveran mudado de sitio. Leron moito, moitísimo, en calquera recuncho e de tódolos xeitos e posturas e ningunha delas…disparatada!! (Por certo, moitas grazas a tódolos los que fixestes achegas para as exposición de libros e fotos).
Os máis grandes dos pequenos atrevéronse a lle ler algo tamén aos padriños. Os pequeniños de todo compartiron tamén cos padriños os seus libros de sempre, os que teñen na aula. E así, fóronse sucedendo unhas lecturas e outras, disfrutando todos de poder lermos xuntos grandes e pequenos.


xoves, 23 de abril de 2015

O DIA DO LIBRO. PADRIÑOS LECTORES

Probámolo o ano pasado e tanto nos gustou que quixemos repetir e agora que ven de pasar xa a data os pequenos aínda seguen a preguntar cando volven os padriños e madriñas a nos ler os contos. 
Adiantámonos dous días á data oficial por mor da nosa axenda que nalgúns momentos do curso está mais chea ca dos ministros (e este mes de abril  non paramos de tantas novidades que chegan ao cole). O pasado martes 21 deabril cun día de sol bastante agradable quixemos encher o patio de lecturas a alá saimos todos - grandes e pequenos, padriños e madriñas, afillados e afilladas - a disfrutar das lecturas. Semella que ainda non o entendemos ben, ou non nos atrevemos a "encher o patio" e acabamos case todos no mesmo lugar, pero non importou. Malia a veciñanza de moitos, cada grupiño estaba concentrado nas súas lecturas e nada parecía distraernos. 
Foi un longo cacho de lectura superdisfrutado. Algúns padriños agasallaron os afillados con marcalibrosopreciosos, pero eu coido que un dos mellores agasallos foi a iniciativa dos cativos de primeiro que quixeron non só escoitar o que lles leron, senon tamen ler eles mesmos- coa súa "case"recen estrenada habilidade lectora- aos seus padriños e madriñas.