Amosando publicacións coa etiqueta PDI pedra a pedra. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta PDI pedra a pedra. Amosar todas as publicacións

sábado, 25 de xuño de 2022

OS DE 3 ANOS PRESENTAN MESOPOTAMIA

 Ós máis pequenos tocounos traballar sobre Mesopotamia. Despois de moito traballo e pescudas, e coa axuda dun trasno moi especial que vive na nosa aula, conseguimos aprender moitas cousas para poder contárvolas. Aquí tedes o noso traballo.




venres, 24 de xuño de 2022

POESÍA ROBÓTICA: A CABALO ENTRE A POESÍA E AS PROPOSTAS STEM

 Os nenos e nenas de 6.º de primaria participaron na proposta do PDI xuntando poesía e tecnoloxía. Construíron, facendo os seus cálculos matemáticos, dous grandes taboleiros para o robot nos que foron ilustrando as diferentes celas cos versos de dous poemas de Antón García Teijeiro. Cando todo estivo rematado, puideron ler roboticamente o poema dándolle as ordes precisas. Toda unha experiencia de lectura diferente!


domingo, 19 de xuño de 2022

XOGO INTERACTIVO "QUEN É QUEN"

 Xa está dispoñible o xogo interactivo Quen é quen, elaborado co material feito polas aulas no Día da Muller en marzo (os carteis de mulleres invisibles) e co preparado agora, neste trimestre (as biografías de científicos da historia feitas para o noso xornal Don Moucho). 

 Xa podemos aproveitar para seguir a aprender e a xogar coa ciencia!! Dentro do xogo hai ligazóns ás presentacións elaboradas pola biblio cos carteis de científicos e científicas.

Agardamos que vos guste.

sábado, 18 de xuño de 2022

5 ANOS PRESENTA... EXIPTO

 Aínda que xa nolo contaron no podcast e xa estamos desfrutando no cole coa súa participación no libro do PDI e nas biografías de científicos, agora podemos seguir atentamente todo o que deu de si o proxecto elaborado e vivido sobre o antigo Exipto.



domingo, 12 de xuño de 2022

2.ª parte do PDI "PEDRA A PEDRA: UNHA OLLADA ÁS ORIXES DA CIENCIA"

 As nosas pescudas documentais sobre a historia da ciencia rematan este trimestre co noso libro colaborativo sobre a historia da ciencia, sobre como cada civilización e cada época foron poñendo os alicerces da ciencia moderna. Tamén no xornal que sairá na fin de curso atoparedes outra parte do que se traballou nas aulas. Ao longo dos tres trimestres, coñecemos culturas, fitos, homes e mulleres que matinaron en facer o mundo máis noso. Nesta andaina todo nos valeu, o que se amosou equivocado e o que foi acertado dende un principio. Con todo iso fomos quen de construír unha base forte para a ciencia de hoxe en día, que como se amosou nas pescudas para achar unha vacina eficiente na presente pandemia, é unha ferramenta moi poderosa para entender o mundo e avanzar sorteando os atrancos atopados.

 Esta semana sairá do prelo (en papel) este traballo noso que quedará, coma outros que se fixeron en cursos pasados, a dispor das vindeiras xeracións de alumnos. Dentro da nosa biblioteca, faranos formar parte da historia do noso cole. Cando estea imprimido, presentarémolo. Mentres, desfrutade da versión dixital!


4 ANOS PRESENTA A PREHISTORIA

 Os nenos e nenas de 4 anos pasaron parte do curso a xogar e a aprender na prehistoria para poder completar a súa parte do PDI. Aquí nos amosan un pouquechiño do que fixeron. Que desfrutedes moito con eles!

 

mércores, 18 de maio de 2022

DÍA DOS MUSEOS, DA ILUSTRACIÓN E DAS ARTES GALEGAS

 Son tantas as celebracións ás que paga a pena achegarse que non nos chegaría o tempo para máis nada. Xa que logo, decidimos xuntar neste día outras dúas citas tamén relacionadas.

 Celebramos o Día dos Museos facendo un museo de noso. Xa estamos a preparar as salas nas que presentaremos o que deu de si este curso no desenvolvemento do PDI que estamos levando adiante. Tamén faremos as nosas propias instalacións na aula e na mesa de luz xogando cos blops, uns pequenos bichiños que escaparon do libro Son un Blop, de Hervé Tullet, e coñeceremos, a través de diversas propostas, as dúas figuras que protagonizan o Día da Ilustración e o Día das Artes Galegas: Reimundo Patiño e Laxeiro.











xoves, 5 de maio de 2022

OBRADOIRO DE EXPERIMENTOS EN 3.º

 










5 ANOS PRESENTA... "EXIPTO, A SÚA CULTURA E CIENCIA"

Dentro das actividades do noso PDI anual, Pedra a pedra, unha ollada ás orixes da ciencia, os nenos e nenas de 5 anos gravaron na radio o seu podcast para contarnos todo o que aprenderon.


                                                            LIGAZÓN AO PODCAST

mércores, 23 de marzo de 2022

INFANTIL 3 E 4 ANOS, 4.º DE PRIMARIA E O DÍA DA MULLER

 Os nenos e nenas de 3 e 4 anos e de 4.º de primaria remataron xa o seu traballo sobre as mulleres invisibles, dándolle voltas ao lema Pómoslle un bigote?

As elixidas en 3 anos foron KAREN JOHNSON, JOCELYN BELL, MARIAM MIRZAHJANI e LISE MEITNER. Como podedes imaxinar, son as dúas primeiras, matemáticas relacionadas coa astronomía, as que máis lles gustaron. Os peques sacaron a súa parte artística e deixáronas moi feitiñas.







Despois, entre todos, pegaron a información e colorearon como puideron.

Os de 4 anos tamén elixiron a Karen ou Katherine Johnson. Non podían deixar de coñecer a persoa que axudou a trazar o camiño que tiña que seguir o Apolo XI para chegar ata a Lúa.

Os de 4.º de primaria pescudaron sobre Ada Lovelace. Moi implicados no uso das tecnoloxías, investigaron os problemas que tivo Ada ata converterse na primeira programadora da historia.





mércores, 16 de marzo de 2022

PRIMEIRO PRESÉNTANOS AS SÚAS MULLERES INVISIBLES

 Os nenos e nenas de primeiro informáronse de toda a problematica arredor das mulleres científicas que estivemos barallando na celebración do 8M e en grupos pescudaron os logros de catro destas mulleres: KAREN JOHNSON, HIPATIA DE ALEXANDRÍA, ROSALIND FRANKLIN e mais  ADA LOVELACE. 

Completaron a súa actividade xogando co dominó da igualdade.










domingo, 13 de marzo de 2022

MÁIS MULLERES INVISIBLES

 Os nenos e nenas de 3.º e 5 anos tamén pescudaron nunha muller "invisible" das que traballamos no Día da Muller.




mércores, 9 de marzo de 2022

DÍA DA MULLER : 8 DE MARZO DE 2022

 Este curso, mergullados como estamos na historia da ciencia (en especial da física e da matemática), celebramos este día cunha proposta de "visibilidade" cara a todas aquelas mulleres físicas e matemáticas que non foron recoñecidas no seu tempo. Mulleres que non tiñan cabida nas aulas e ás que lles puxeron mil e un atrancos (malia a súa valía). Mulleres que loitaron por investigar e manterse e que, en moitos casos, aínda seguen a ser invisibles nos libros de texto. Hoxe en día demos moitos pasos para adiante nesta loita da igualdade, pero aínda temos que seguir avanzando e pelexando porque non nos quiten o que xa acadamos.

 A nosa proposta a tódalas aulas é unha invitación a coñecer algunhas desas científicas e a reflexionar  sobre o pasado, o presente e o futuro da muller no eido da ciencia: Póñemoslle... un bigote? 

Aquí tedes o primeiro traballo que chegou a este recunchiño, feito polos nenos e nenas de 2.º,























e tamén a presentación coa que as levamos ata as aulas, sempre agradecendo a tódalas persoas e institucións que nos ofrecen información e recursos.

domingo, 27 de febreiro de 2022

XA TEMOS EN FONTE DOS FRADES A CRÓNICA DA NOSA FESTA DE ENTROIDO

 O entroido rematou xa no cole, aínda que  a festa siga agora nas rúas e casas. Xa podedes facer o seguemento da mesma no noso blog de dinamización Fonte dos frades. Un ano máis e recuperando un poquechiño as actividades tradicionais na celebración escolar, temos vivido, - con restricións-, o espíritu do Entroido. Hai unha aula, a de 4 anos, que aparece pouco por problemas técnicos coas súas fotos, pero en canto as teñamos dispoñibles faremos unha entrada especial con eles para que vexades o moito que participaron e que ben o pasaron!

 Aquí deixamos os enlaces

SEMANA DA TROULA

FESTA DE ENTROIDO

luns, 14 de febreiro de 2022

SEMANA DA TROULA DO 21 AO 24 DE FEBREIRO...E O VENRES, FESTA RACHADA!!!

 O Entroido e maila Troula xa veñen aí e para que non perdamo-lo tren da festa imos anunciando xa quen é o noso Meco2022 e que temos que traer ao cole na Semana da Troula. Lembrade que será na semana do luns 21 de febreiro ata o venres 25 de febreiro...Troula e festa rachada!!!

DESCARGA AQUÍ O PDF COS MANDADOS

venres, 11 de febreiro de 2022

11 de febreiro: DÍA DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

 Día importante para seguir facendo unha sociedade inclusiva  de todos e para todos e para que todos poidamos ter as mesmas oportunidades. Dentro do traballo do curso e mesmo do noso PDI: PEDRA A PEDRA. UNHA OLLADA A HISTORIA DA CIENCIA que vimos desenvolvemento, estamos e estaremos a adicar moitos esforzos a esta visibilización da muller científica e á promoción dunha vocación científica e STEM. 

Mentres agardamos os resultados das distintas propostas científicas que están en marcha, e o estarán ao longo do trimestre, non quixemos deixar de reflectir na nosa aula virtual o traballo de moitas mulleres en distintos eidos da ciencia, mulleres que traballan canda moitos homes e que tamén precisan recoñecemento. A voz da ciencia é moi necesaria nestes tempos e o traballo de todos e todas é fundamental para o noso benestar e o do noso planeta. Para exemplo o labor de moitas mulleres científicas nesta pandemia.



domingo, 6 de febreiro de 2022

CELEBRANDO E PENSANDO A PAZ

 Un ano máis celebramos o Día da Paz. A reflexión sobre os cambios que está a sufri-lo noso planeta e unha ollada ó que nos dí a ciencia non podían faltar en tódalas aulas. Achegámonos apoiándonos na literatura científica e nos recursos audiovisuais á realidade da terra hoxendía e debatindo fomos tirando as nosas conclusións e aportando solucións. 

Coa axuda tamén do conto de Violeta Monreal O triángulo de Malevich quere ser superheroína grandes e pequenos lanzáronse a idear e poñer en práctica pequenas e grandes solucións imaxinativas para o planeta. Sumámonos ao reto proposto no conto e quixemos converter as pezas do cadro de Malevich nunha cousa diferente: as mesmas pezas compondo un todo distinto e orientado cara á nosa misión de gardiáns do planeta. Cada aula deu a súa solución colaborativa, aínda que tamén cada neno ideou a súa particular.  Dentro do proxecto de actividades stem puidemos probar diferentes xeitos de coloca-las pezas virtualmente, ao tempo que as manexabamos manipulativamente coas plantillas plastificadas, elaboradas especialmente para os máis pequenos. 

Aquí tede-las fotos de todo o proceso e do mural-xogo interactivo que compuxemos na entrada do cole.


a partir do cadro de Malevich e do conto traducido ao galego polo noso equipo de biblio e dinamización que puidemos ler na aula virtual.






venres, 28 de xaneiro de 2022

NAVEGANDO POLO ESPAZO

 Os pasados días 11 e 12 de Xaneiro recén chegados das vacacións de Nadal tivemos a gran sorte de embarcar nunha nave aterrada no ximnasio que nos deu un espectacular paseo polo noso sistema solar.

O contrato-programa Ciencia-Innova achéganos esta e outras experiencias que se asoman ó noso cole. Os  que xa tiveramos a oportunidade de facer esta viaxe  hai uns anos estabamos desexando volver  atoparnos co espazo exterior e case tocar os planetas e o sol, aterrar na lúa e mirar a terra dende arriba. E para os que foi a súa primeira experiencia, desfrutaron  e emocionáronse un mundo. En cadanseus grupos burbulla, todos, dende infantil 3 anos ata 6º de primaria, fomos agardando a nosa quenda e unha vez dentro da nave non quixemos perder ningunha información e ningunha emoción. Ogallá podamos repetir pronto!




venres, 24 de decembro de 2021

UNHAS NADALIÑAS QUE QUEDARON ATRÁS

 Estas preciosas nadaliñas feitas polos nenos e nenas de 5 anos tiñan que ir na presentación xeral de traballiños de Nadal. Quedaron perdidas na morea de actividades feitas!. Daquela, hoxe traémolas ata aquí. Disfrutade con estes cativos!




xoves, 23 de decembro de 2021