domingo, 21 de novembro de 2021

OUTRO 25 DE NOVEMBRO, UN ANO MÁIS

 Un ano máis temos que adicar un día a poñer de relevo a violencia de xénero, a violencia que sofren as mulleres, grandes e nenas, nas súas casas e na súa vida. Esta violencia que tamén toca a moitos homes...nenos-fillos, pais, avós, tíos, amigos, novas parellas das mulleres que a sofren. Daquela é un problema de todos e de todas, de toda a sociedade.

No cole imos profundar no medo. Queremos miralo á cara. Queremos coñecer os nosos propios medos para poder entender mellor o medo que tingue a vida de moitas mulleres. Seica coñecemos algunha delas! A partir dese "entender", queremos ir un paso máis alá e empatizar con elas, sendo quen de ofrecerlles, ademais do noso agarimo, dos nosos bicos e apertas, un apoio emocional reflectido nunha frase que as axude a levantar e  a loitar, nós canda elas; que nos axude a todos a loitar contra iso que produce o medo, contra esa actitude e violencia dalgúns "homes" intolerantes, para poder arredalo da nosa sociedade dunha vez para sempre.

Como ademais sempre temos que vencellar o noso traballo aos nosos proxectos de centro, neste curso tan científico recollemos o pensamento de Marie Curie que figura tamén no conto de Violeta Monreal

"Deixamos de  ter medo das cousas que aprendemos a entender"

E, non si? Mergullados no mundo das matemáticas imos botar a imaxinación a voar e darlle forma xeométrica ós nosos medos.

A actividade máis importante nas aulas vai ser falar, poñer en palabras todo o que sentimos. Dúas lecturas vannos axudar neste debate:

QUE MEDO QUERERÍAS VENCER? da autora Violeta Monreal e EU MATAREI MONSTROS POR TI de Santi Balmes.



Poida que as actividades e ideas que se tiren do debate non sexan quen de reflectir toda a riqueza de emocións e solucións que de certo conseguiremos expresar. O importante será sempre a semente que irá medrando nos nosos corazóns e a vontade firme de parar esta tolemia. Xa vos contaremos!

Ao tempo imos tenderlle a man á musica con estas cancións que falan da empatía e do moito que podemos facer uns por outros.


Ningún comentario:

Publicar un comentario