Seguindo no traballo que levamos adiante no cole sobre alimentación sostible para nós e para o planeta, centrado na pesca e no agro, hoxe trouxemos ás aulas o labor de Ellen Macarthur, merecedora o pasado ano do premio Princesa de Asturias pola súa loita por implicar a gobernos e industrias no cambio económico que precisamos para darlle a volta ao cambio climático.
Ellen, a través da súa fundación, quere que os pequenos cambios, - os que todos nós temos que facer no noso consumo- , e mailos grandes cambios, -os que debe facer o tecido económico para mudar á unha economía circular-, sexan xa unha realidade. Non precisamos seguir adiando e discutindo, as solucións están aí e son sinxelas. Precisan só do compromiso de todos. Invitámosvos a navegar por esta temática dende a nosa aula virtual.
Hoxe e os días vindeiros, vencellado todo tamén á celebración da "Semana da prensa", seguiremos matinando nos pasos a dar nas nosas parceliñas e seguiremos analizando os recursos e a información da que dispomos. E de certo que o camiño xa o temos comezado!.
Para visibilizar o día e que esta mensaxe chegue ás casas fixemos en tódalas aulas distintos marcapáxinas adicados a esta muller e a economía circular. Como adoita suceder, o importante é participar e facer o traballo; e sempre moitos esquecemos facer fotos. Non importa! Para mostra un botón. Aquí tedes ós pequenos cos seus marcalibros e o traballo de aproveitamento feito.
Ningún comentario:
Publicar un comentario