luns, 3 de novembro de 2014

VISITA DE AUTOR EN 2º DE PRIMARIA: O SOÑO DE ESTHER

O xoves, día 23 de outubro, os nenos e nenas de 2º recibimos na biblioteca do noso colexio a visita de Miguel Ángel Alonso Diz, escritor infantil e xuvenil que baixo a idea de que os contos están para vivilos achegounos a algunhas historias moi fermosas e divertidas como "O soño de Esther" e "O cullarapo Croque". Despois de escoitalo moi atentamente fixemos un taller de "lightpainting ou pintar con luz" no que botamos man da nosa imaxinación e creatividade...


OS LUMIMOUCHOS

O curso pasado tódolos nenos e nenas de candansúa aula deron moitas voltas á imaxinación e crearon 9 mascotas para a biblioteca. Nove facianas para o noso moucho que puido ir lucindo mes a mes ao longo do curso. A intención do equipo de biblio era escoller unha entre tódalas presentadas, pero...quedaron tan bonitas e cada aula puxo tanto corazón ao facelas que quedamos con todas. Este ano e para axudarnos a desenvolver o noso novo proxecto documental integrado "As viaxes" da luz tódolos mouchiños van ir acubillándose nunha particular árbore que temos plantado para eles, ao pe da escaleira grande, e dende alí van facernos partícipes das súas luminosas ideas convertidos nos nosos LUMIMOUCHOS.
O pasado mes de Outubro foi MOUCHOLIBRO O PROTAGONISTA e tivo unha idea moi especial, na que estamos a traballar e coa que celebramos dun xeito moi particular o Día das Bibliotecas. Esa mañá os seus axudantes levaron por tódalas clases unha carta do seu puño e letra na que nos facía unha invitación moi especial.


A esta idea chamoulle DOUCHE UNHA PALABRA, DAME UN RELATO e forma parte dunha iniciativa mais grande AS PROPOSTAS DO MOUCHO na que os lumimouchos pretenden que exprimamo-los miolos e nos convirtamos en escritores. A verdade é que nos puxémos con entusiasmo ao choio e imos darlle relatos a eito porque nos ofreceu  un mundo de palabras en galego, en castelán e en inglés. Xa vos contaremos o que vaia saíndo.







domingo, 19 de outubro de 2014

NOVO XOVES DE LECTURA...E VAN DOUS.

Van dous... e dúas son tamén as nenas que este xoves 16 de Outubro leron o conto A MIÑA AMIGA A ESCURIDADE da editorial Baía Edicións. Nahir e Merchi de 4º de Primaria disfrutaron lendo e fixéronnos desfrutar a nós tamén. A biblioteca estaba a tope...




MARCAPÁXINAS PARA A HORA DE LECTURA. OS DE SEGUNDO INFÓRMANNOS DA SÚA FORMACIÓN DE USUARIOS

Acaba de comezar o curso e os nenos e nenas de 2º xa estamos dándolle voltas a isto da lectura. Como este ano temos un tempo diario adicado a ler contos e historias na clase, ocorréusenos facer un marcapáxinas para non esquecer a folla na que quedamos.
Mirade que ben quedaron! Levan a mascota da nosa biblioteca!





PRIMEIRO XOVES DE LECTURA NA BIBLIOTECA

Nesta volta aos encontros coas lecturas na biblioteca as nenas Ángela e Carla de 4º de Primaria léronnos  o conto Verlioka de Patacrúa e Magicomora editado por Oqo editora.
Seica estamos perto do Samaín e son moitos os nenos que debecen por xogar cos monstros. Este xigante de seguro asustou a mais de un cativo.


Aqui tedes as fotos.





sábado, 18 de outubro de 2014

CURSO 2014-2015: ÁS CALADAS, PERO ESTAMOS DE VOLTA

Ainda que non o pareza, hai tempo que estamos de volta e a nosa biblioteca volve a rular e a animar experiencias lectoras xa dende que comezou o mes de outubro. Estas son algunhas das novidades ( ou non tan novas) para este ano: 

 -A biblioteca está reorganizándose paseniño a paseniño. Un novo Plambe xa está en marcha cun tema novo que estamos empezando a construir... "AS VIAXES DA LUZ" co gallo da celebración o vindeiro 2015 do Ano internacional da Luz. Xa iredes vendo o traballo que dentro de pouco empezara a agromar nas aulas e na biblioteca. 

- O horario das clases reorganizouse para dar cabida á iniciativa "Hora de ler", que moitos bós momentos de lectura libre e silenciosa vainos dar ao longo do curso. O "baúl dos mouchiños" e o "libro viaxeiro" axudarán a variar os títulos dos que xa dispoñemos nas bibliotecas de aula. Tamén a aportación persoal dos nenos e nenas, compartindo os seus contos e libros cos compañeiros.

-As clases xa empezaron co préstamo para as casas e os nenos e nenas que o desexan levan tamén libros a maiores no horario de apertura das tardes. 

-Os mouchiños están a preparar os seus niños para pasar o curso con todos nós e empezan a alumear ideas brillantes para converterse nos dinamizadores da nosa creación literaria. 

- Os expositores temáticos e o libro rescatado do mes xa están na biblio. Este mes tocoulle o turno aos Monstros (por qué será?) e o libriño O vento de Antón, vencellado ao tema do magosto.

-Nas clases empezan a traballar na formación de usuarios e na competencia informacional, tamén no marco das clases de informática.

- Nos recreos están xa en marcha os "Martes de xogar" con libro- xogos e os "Xoves de Lectura", nos que os nosos compañeiros de 4º de primaria son os encargados nestas primeiras andainas de contarnos contos e facernos disfrutar deles.

De todo isto e moito mais irémosvos informando de hoxe en diante. Así que...Boas lecturas! no cole e tamén nas casas.

luns, 16 de xuño de 2014

O MOUCHO DE XUÑO QUERE MARCHAR DE VACACIÓNS

Recén nado e xa quere marchar,...é o que ten ser a mascota do mes de xuño. O ár arrecende xa a vacacións e o mouchiño quere ser o primeiro en marchar...que foi moito o que se traballou na nosa biblioteca este curso. 
Antes de que faga as maletas os nenos de 3º de Primaria cóntannos como fixeron a faciana de "Xuniño"
O MOUCHO DE TERCEIRO
A nós os de 3º tocounos compoñer agora en Xuño a mascota para a biblioteca, a partir do moucho. Fómolo recheando por dentro con lá e decorándoo con plumas artificiais, cunchas debuxadas e coloreadas, cunchas mariñas de verdade recollidas na praia, botóns, casca de noz, goma eva, cartolina, pintamos con témperas de diferentes cores...e así resultou...!!!
"XUNIÑO"

Vémolo aquí por diante e por detrás




sábado, 14 de xuño de 2014

FACENDO REPASO

Agora que este curso está chegando a súa fin facemos repaso e dámonos de conta que nos quedaron algunhas cousas por contar. Aínda non é tarde!
No cole celebramos as Letras galegas cunha pescuda documental sobre o autor homenaxeado que se foi facendo nas distintas aulas. Entre todos fixemos un pequeno mural pondo en valor unha das poesías do autor que nos pareceu a mais doada para os nenos.



Tamén coa axuda dos pais enchémolo cole de flores coas palabras que todos escollemos como as mais fermosas da lingua galega, as que mais significaban para as nosas familias. Temos que agradecervos a vosa colaboura e deixámosvos aquí as fotos para que desfrutedes coas palabras e as obras de todos, grandes e pequenos.

3 ANOS



4 ANOS


5 ANOS





1º PRIMARIA




2º PRIMARIA




3º PRIMARIA

4ºPRIMARIA


5º PRIMARIA

6º DE PRIMARIA





mércores, 4 de xuño de 2014

REMATANDO PROXECTOS

Avanza o mes de Xuño e imos rematando pouco a pouco cos nosos proxectos deste curso. 
O plan proxecta ( recollido na pestana superior) que se ven desevolvendo pararelo ó noso PDI os cultivos ven de rematar cunha busca do tesouro que  ademais de divertida puxo en xogo tódolos coñecementos adquiridos na investigación documental e vivenciados nas distintas actividades feitas na clase de educación física. Rematou con moito "movemento" e cun mural- resumo con tódolos contidos traballados e cuxo coñecemento nos axudará no coidado da nosa saúde.



Rematamos tamén o Proxecto documental Integrado "Os cultivos tradicionais de Galicia" elaborado para poñer o noso granciño de area ao Ano internacional da agricultura familiar coa publicación do noso libro SEMENTANDO SEMENTANDO que quere ser unha pequena enciclopedia feita polos nosos cativos de 3 anos ata 6º de primaria arredor de 10 cultivos tradicionais de Galicia. 10 cultivos que, ademais de formar parte da dieta galaica están fondamente arraigados na nosa cultura. Nel amosámosvos todo o que temos investigado e aprendido sobre eles. 

SEMENTANDO SEMENTANDO

Ao mesmo tempo o punto final poñémolo cunha gran horta familiar elaborada con distintos materiais plásticos e de xeito colaborativo entre tódolos cursos. Ainda está en proceso de montaxe pero invitámosvos a vela e desfrutar coas nosas produccións.