domingo, 10 de decembro de 2017

MOCHILAS VIAXEIRAS EN 5 ANOS

Veñen de sair cara as casas as mochilas viaxeiras e mais a maleta de enredos da aula de 5 anos. Tardaron un poqueniño porque antes todos houbemos de falar e poñernos dacordo sobre os temas que nos gustaría levar nas mesmas. Despois de intensas votacións o maior número de votos foi para "O corpo humano" e "Os números". 
Por fin, xa pasaron esta longa ponte coas familias que teñen o seu dispor contos e libros e tamén as libretas viaxeiras onde poden deixar reflectida a súa experiencia lectora. 
Aquí vedes os 3 felices protagonistas.


INVESTIGAMOS SOBRE O DINOSETO

Xa está nas aulas a segunda carpeta viaxeira do Proxecto. Desta volta temos que pescudar o que miran os ollos do Dinoseto. De novo tarefas variadas para cadansúa aula, ás que temos que engadir a preparación dunha árbore de nadal moi especial, -aínda non vos queremos descubrir o secreto-, cunha viaxe ao pasado e mais uns agasallos procedentes de moi abaixo, "dunha Viaxe ao centro da terra", da que nos separan unhas cantas eras xeolóxicas.
Como vedes imos ter un final de trimestre moi atarefado, aprendendo un pouqueniño máis de Vigo.
Aqui vos deixamos para que vexades unha das peticións que chegaron as aulas. 


CONTOS ESPECIAIS....LINGUA DE SIGNOS: O ELEFANTE MAINU

O elefante Mainu é o primeiro conto contado en lingua de signos que vai circular polas aulas da man da profe Marta especialista de pedagoxia terapéutica, moi amiga da nosa mouchiña Edelmira e cunha especial sensibilidade á hora de transmitirnos o pracer da literatura contada. Iniciou a súa andaina contadora na aula de 5 anos e foi un goce para nós ir debullando canda ela a fermosa historia que nos contou. Sorte que moitos compañeiros van poder tamén desfrutar con ela. Nós xa estamos desexando que repita este conto ou que nos conte a vindeira historia.




sábado, 9 de decembro de 2017

PRESENTANDO TRABALLOS NAS AULAS

Cando vivimos a información de xeito directo -investigando na aula e nas casas e procurando os elementos na realidade, no contacto directo coa mesma-; e cando despois elaboramos unha pequena síntese desa información, á que xa nos achegamos cun vencello afectivo, (obxectivos todos estes que preseguimos coas tarefas que o mouchiños non mandan para as familia), é imprescindible rematar o proceso verbalizando todo o vivido e elaborado, e contalo aos compañeiros nas aulas. Daquela é este un paso que non podemos saltar e tódalas profes temos que reservarlle un recunchiño nas nosas aulas. É unha maneira doada e divertida de aprender canda e cos amigos...aprendizaxes compartidas tamén no cole.



7 SEMANAS EN VIGO: SAMAIN E MAGOSTO E OUTROS ROTEIROS.

A primeira das 7 semanas de viaxe por diferentes fitos culturais deVigo estaba adicada como vos contaron os mouchiños a descubrir como se celebran na cidade o Magosto e o Samain, festas tradicionais galegas, que en Vigo teñen xa os seus recunchos especiais. Vemos que os atopastes en diferentes lugares e rúas da cidade e vemos que os nenos e nenas desfrutaron moito nestes percorridos.
Segundo iades dándonos conta das vosas andainas fixámonos que éstas ían mais alá do que os mouchiños vos pedían. Daquela houbemos de ampliar o espazo que tiñamos adicado a esta parte do proxecto e mesturar cos carteis das festas de outono os outros traballiños nos que nos presentabades recunchos significativos da cidade.





 

VIGO MISTERIOSO

O noso cole convertiuse de súpeto, coa impresionante cantidade de traballiños aportados polas familias, nun maravilloso percorrido por algúns dos recunchos de Vigo. Os mouchiños pedírannos información sobre a ubicación do mural de Magallanes e ademais de ver como moitos de  vós atopáchedelo sen problemas, trouxestes moitos detalles interesantes desas rúas que non coñeciamos ou nos que non repararamos. Graciñas a todos. Enseguidiña  estarán nas aulas os vosos pasaportes viaxeiros. Antes temos que facer reconto de tódalas familias que participastes. Mentres desfrutade dos traballiños nas vosas visitas ao cole ou ide mirándoos aquí. Iremos facendo pouco a pouco unhas presentacións dos vosos traballos en cada parte do proxecto para que todos poidades desfrutar delas.



25 DE NOVEMBRO...APRENDENDO A DICIR NON

A  xa pasada semana do 20 ao 24 de Novembro adicamos a hora de ler nas aulas á lectura do conto “Nin un biquiño á forza” ao tempo que reflexionamos grandes e pequenos sobre o importante de saber dicir NON e sobre o respeto ao espacio e os tempos dos outros, e en especial das outras.



A PEGA RABILONGA e mil soños máis......: noviembre 2015

 Ademáis, compuxemos entre todos un mural adicado ás mulleres para ter presente a data do 25 de Novembro, día no que toca pensar sobre esa violencia contra elas que mais que parar semella que medra por momentos.

O lema que escollemos foi NIN UNHA MENOS. Éste é tamén o lema que podemos ler no mural de arte urbano que pintaron Vanesa Alvárez e Tilde diacrítica na baixada ao berbés, na rúa Gaiteiro Ricardo Portela.



Tamén quixemos facer un aceno  a Julio Verne neste trimestre que rolda polas aulas o libro "A volta ao mundo en 80 contos". Daquela lembramos a tódalas mulleres que poboan o noso planeta e que nos podemos atopar na nosa volta ao mundo de Verne, tódalas razas e tódolos tipos.






EXPERIMENTOS E CIENCIA EN INFANTIL

O mes da Ciencia deu lugar en infantil á realización de experimentos nas aulas  e na casa, querendo tamén compartir estas experiencias con tódolos amigos do ciclo. Daquela en días sucesivos uns e outros viaxaron ás tres aulas de infantil amosándolles a todos as cousiñas que experimentaran e aprenderan. Os de cinco xa empezaran a experimentar en outubro coas sementes, plantándoas en distintos momentos e sitios e aprenderon como vai nacendo pouco a pouco unha planta e as súas distintas partes.

Ademais puideron relacionar todo coa literatura con contos como As habichuelas máxicas. 



MURAL "OS OLLOS DO SIRENO"

Xa está colocado na nosa escaleira o primeiro mural-edificio coa información multidisciplinar recollida polas distintas aulas.



 No cume do edificio Simeón, que podemos ver nas fotos antigua e moderna, temos a achega literaria á figura do Sireno: un conto curto  elaborado polos nenos e nenas de primeiro.


As tarefas van ser rotatorias e daquela todos iremos pasando por tódolos tipos de contidos cos  que imos achegarnos á nosa cidade.



 Nesta quenda os de 4 tocoulles  a visión plástica e elaboraron un fantástico "Sireno" con material de reciclaxe.
 
Os de 3, que acaban de chegar, deron os seus primeiros pasiños no traballo colaborativo facendo a porta de entrada e enchéndoa de ollos curiosos.

Os de 5  matinaron nas matemáticas do Sireno e pensaron como relacionar as proporcións da estatua cos elementos que coñecían na realidade.



Os de primeiro déronlle, como dixemos, á literatura

Os de 2º investigaron a que lle chamamos Casco Vello e situárono no mapa.



Os de 3º traballaron na localizacion xeográfica na cidade



Os de 4º A afondaron na figura do autor do Sireno e a súa obra.


Os de 4º B traballaron na filosofía e no achegamento crítico á información, elaborando as súas opinións e traballando o formato do xornal.


Os de 5º contáronnos que é exactamente o Sireno dende o punto de vista mitolóxico e artístico.


Ós de 6º imos especializalos na historia da cidade porque é un coñecemento complexo e por algo son os maiores. Ademáis entra moi ben no desenvolvemento dos contidos  que están a traballar na aula.


 Aquí tedes o resultado,- breves pinceladas, pero concentradas nos aspectos importantes-, para que todos nos acheguemos de xeito eficaz á información.

MALETAS VIAXEIRAS NO NOVO CURSO

Hai algunhas semanas comezaron a súa viaxe polas aulas dúas maletas viaxeiras temáticas.

A primeira delas está adicada ao tema das BE para este curso “Aprender a pensar” e leva un pouquiño de todo para encher o noso tempo de lectura na hora de ler. Pensar e aprender ciencia, emocions, percepcións, creatividade...

 



A segunda quere achegarse ao noso planeta seguindo á invitación de Xulio Verne e os libros que vencellan as distintas actividades deste primeiro Trimestre... “A volta ao mundo en 80 días” e “5 semanas en globo”,  non esquezades que están no caixon de novidades da nosa biblio xunto con outros libros e versións do autor.

 


 

MURAL DE PRESENTACIÓN DO PDI

O noso proxecto os ollos de Vigo asómase ao mundo do noso cole a través dun mural de presentación que vai agromando paseniño. A diferencia de outros anos este mural vai ir construindose pouquiño a pouco ao mesmo tempo que imos avanzando nas nosas pescudas. De momento podemos ver nel  o título do proxecto e xa un mundo de olliños ( e ainda faltan mais) que agardan á espreita de ver as interesantes aprendizaxes que xa se están xestando nas aulas e nas casas; un olliño por cada un dos que estamos poñendo toda a nosa atención en coñecer a cidade onde vivimos.



ACENO A VIGO NO SAMAÍN

Quedáranos atrás a entrada sobre o mural de Samaín deste curso. Os nenos e nenas e mais a profe da clase de inglés sempre nos sorprenden; e desta volta volveu ser dese xeito.


O Samaín no cole ademáis das actividades que xa vos contamos nos distintos blogues fixo unha parada no noso Proxecto Documental Integrado cun estupendo mural e traballo documental en inglés feito polos alumnos de primaria. Nel podemos ver aos turistas ingleses desembarcando en Vigo e descubrindo  encantados algunhas maravillas da nosa cidade, malia que polo camiño van atopando algún que outro monstro, pero...eche o que hai... para algo era a Semana de Samaín (Halloween nas aulas de inglés) tamén nas nosas rúas!!.

sábado, 18 de novembro de 2017

ABRAIANTE RESPOSTA

A verdade é que non esperabamos menos porque sabemos de sempre das gañas das familias de compartir as súas experiencias connosco e participar das cousiñas que os seus fillos e fillas están traballando. Daquela ésta é a razón do título desta entrada. Abraiante é o mundo de fotos e comentarios que nos vosos collages chegaron ata as aulas e enseguidiña van formar parte do mural colectivo que imos preparar esta semana vindeira. De feito, o papel que estabamos preparando xa quedou pequeno antes de empezar a colocar os vosos traballos. En canto o teñamos amosarémosvos as fotos. Pero primeiro estamos contando aos compañeiros nas aulas o que vimos nesta primeira viaxe por Vigo.  Se lestes ben a proposta dos mouchiños as peticións e as viaxes pola cidade van sucederse ao  longo deste curso. Ogallá que non baixen as gañas de coñecer cousas novas ou mirar con outros ollos as que xa coñecemos.
Os mouchiños xa están empezando a encher os vosos pasaportes viaxeiros familiares cos selos correspondentes ás dúas primeiras actividades. Moitísimas grazas pola vosa participación. E se alguén quedou  atrás, aínda está a tempo de participar. Haberá sitio para todos.

domingo, 12 de novembro de 2017

UNHA PÁXINA DE CIENCIA EN GALEGO

Aproveitamos as boas recomendacións das nosas compañeiras dos outros centros Plambe para achegarvos esta completa páxina  de Ciencia en galego.
GCIENCIA desfrutade dela AQUÍ

AS VIAXES DA CIENCIA EN GALEGO

O VIII Día da Ciencia en Galego está centrado nas viaxes científicas en galego.


Temos atopado na rede este documento que vos achegamos  do alumnado de 2º da ESO do CPI As revoltas. Eles  elaboraron un tríptico turístico sobre os 20 lugares que consideran máis atraentes para visitar en Galicia. Pretenden con el ligar o tema das viaxes con Domingo Fontán, autor da Carta xeográfica de Galicia, e relacionalo coa temática do turismo sostible, teima que seguimos nós tamén no PDI "Pola beira do Miño".Coma levamos dous anos traballando na nosa Galicia e nas nosas paixases, de seguro que recoñecemos algúns dos lugares que estes rapaces e rapazas escolleron.

Védelo AQUÍ

QUE SABEMOS DE VIGO

Todo bo camiño na metodoloxía de aprender a pensar comeza por coñecer cal é o noso punto de partida. Apoiandonos nel é posible empezar a construir o coñecemento. As ideas previas que temos sobre algo non sempre son acertadas, pero é que dos nosos erros tamén se aprende. Nós comezamos este edificio ( o de coñecer a nosa cidade) dende os cimentos e despois de facer os faladoiros nas aulas deixamos  no noso mural o que sabemos ou cremos saber sobre Vigo. Ao final do camiño teremos de volver sobre esas ideas e facer balance do aprendido.




APRENDER A PENSAR NO SAMAÍN

Unha das habilidades principais no "aprender a pensar" é aprender a mirar e ao tempo aprender a apreciar os elementos visuais e racionais que hai nunha imaxe. Daquela, e tamén dun xeito festivo, os nosos corredores enchéronse nos días previos ao Samaín de bruxas, pantasmas, morcegos e demais familia que nos invitaban a mirar e a descubrir semellanzas e diferenzas. Para algúns pequenos foi un entretemento buscar e rebuscar mentres agardaban nas filas de saída.
Aquí vai un exemplo.


venres, 10 de novembro de 2017

A VOLTA AO MUNDO EN 80 CONTOS

Como xa vimos dicindo en outras ocasións, Xulio Verne e o seu mundo vai tinguir dun xeito ou outro o noso devagar de aprendizaxe neste curso. Xa hai tempo que rola polas aulas este libro tan especial que olla cara distintas partes do noso planeta achegándonos os moitos contos que neles len e desfrutan os lectores de alá e acolá. Algúns dos nenos que xa o tuveron nas aulas din que lles soubo a pouco e que precisarían telo máis tempo. A ver se podemos darlle unha segunda volta cando remate o seu percorrido.
Os mouchiños veñen de facernos este ano unha invitación para facer máis visibles estas lecturas. Aquí vola deixamos para que vexades os traballos que nos ocupan. A ver que somos quen de argallar nas distintas aulas!.



venres, 3 de novembro de 2017

VIGO E O MES DA CIENCIA EN GALEGO

Este mes de novembro temos   un fermoso alegato a favor da Ciencia escrito por unha muller matemática e viguesa, alegato que queremos compartir con todos vos. Non fan falta ás veces grandes explicacións, as cousas da Ciencia son tan sinxelas como a propia vida na que nos estamos a desenvolver.
Podedes lelo AQUÍ e tamén vos achegamos catro cousiñas sobre o seu traballo.
Os recursos para traballar a ciencia tédelos na pestana lateral.  Enseguidiña na biblioteca o expositor especial adicado a Ciencia en galego: bioloxía (monstros na natureza, animais de gran tamaño e tecnoloxía, artefactos e máquinas)

venres, 27 de outubro de 2017

PRIMEIRA TAREFA : OS OLLOS DO SIRENO

Os mouchiños veñen de enviar ás aulas a súa primeira tarefa cunha carpeta de traballo sobre "Os ollos do Sireno". Non hai mellor excusa para botarse de cabeza a ler e matinar nas cousas que nos piden e poñerse xa a pescudar. 
De feito  nalgunha aula algunha espilida xa localizou o punto da cidade na que se atopa ese Sireno do que nos falaba esta primeira tarefa.










PDI E SAMAÍN

Este curso temos moitas gañas de xogar. O xogo é unhas das formas de  poñer en practica o aprender a pensar, que xa vos dixemos que é o lema das bibliotecas escolares. Daquela imos proporlle a todo o mundo ao longo do este ano, xogos de pistas, adiviñas e actividades que nos fagan botar a andar a imaxinación. 
Como nos gusta integrar todo o que vai acontecendo no mundo coas nosas aprendizaxes, o noso Pdi arranca ao tempo que o outono nos trae o Samaín. 
Case ás caladiñas, propuxemos as familias que nos enviaran o seu calacú e que matinaran na teima do Proxecto Documental que ven de botar a andar: Cos ollos de Vigo...(pero..., pero..., de que ollos me falades? pensaríades algúns). O certo é que as cabazas que xa  empezan a encher a mesa que lles tiñamos preparada teñen moitos outros adornos, pero sobre todo moitos ollos grandes, pequenos, cadrados, redondos...e en moitas delas albíscase o espíritu da nosa cidade.






COMEZAMOS A TRABALLAR TAMÉN NUN NOVO PROXECTO DOCUMENTAL

As cartas de presentación aos pais e ás distintas aulas foron o sinal de saída nesta nova pescuda na que nos mergullamos. A nosa cidade de Vigo e mailo mundo de Xulio Verne van ir da man no proxecto escollido para este curso "Cos ollos de Vigo".
Esta semana chegou ás aulas a carta de presentación do proxecto e tamén chegou as casas a nosa invitación a participar nas actividades especialmente deseñadas para as familias. Se queremos conseguir os nosos pasaportes -o lector e escritor nas aulas e mailo viaxeiro nas casas- non teremos mais remedio que viaxar de distintos xeitos ás rúas da nosa cidade e poñernos a desfrutar de lecturas variadas. Aprender a pensar, que é o lema das BE para este curso, vai estar moi presente tamén en tódalas tarefas que os mouchiños "pensen" para nós. Ánimo e a traballar!!






SEMANA GRANDE NA BIBLIOTECA

As actividades de inicio na biblio coinciden sempre coa celebración do día da Biblioteca, o 24 de Outubro. Nós en troques dun día quixemos celebrar unha semana e darlle  un toquiño de Samaín que está xa ás portas.
Na hora de ler e un pouquiño (bastante) máis  fomos xuntándonos os distintos  cursos de 2 en 2 para compartir lecturas de medo na biblio e facer xuntos un pequeno adorno para estes días.
 A lectura compartida resultou moi ben, todos -grandes e pequenos-disfutaron arreo e deixaron a biblio adornadiña que da arrepío mirar xuntos tantos castelos de terror, bruxas e monstros...

Pero o mellor de todo foi coñecer a unha nova mouchiña, Edelmira, que ven de chegar a Vigo despois de dar varias voltas arredor do mundo. A súa linguaxe é a de signos. Ten moitas gañas de coñecernos a nós e a nosa cidade e de seguro que nos contará unha e mil aventuras das que lle sucederon nas súas viaxes.