Rematamos a semana de lecturas compartidas con 2º e 3º de primaria que pasaron hoxe un tempiño na biblioteca coas lecturas medoñentas escollidas. Aínda que so hai un curso de diferencia, os "maiores" tomaron moi en serio o seu labor e leron e acompañaron ós "pequenos" nesta viaxe polas historias de medo.
xoves, 27 de outubro de 2022
NOVA RECEITA SAUDABLE
INGREDIENTES
mércores, 26 de outubro de 2022
LECTURAS COMPARTIDAS 2ª E 3ª PARTE
Seguimos a semana de celebración do Día das bibliotecas e mailo Samaín, compartindo lecturas e emocións. O martes foi a quenda dos nenos de 5 anos que leron canda os compañeiros de 5º de primaria. Os maiores contaron os contos e debuxaron cos pequenos os personaxes dos contos.
O mércores foron os nenos de 1º e 4º os que gozaron do espazo da biblioteca e das historias de medo. Os maiores agasallaron ós pequenos cun marabilloso marcador para as lecturas. Non foi a única experiencia lectora do día para os nenos e nenas de 1º, que xa gozaran na aula de lecturas medoñentas na escuridade da noite, acubilladiños polas estrelas que proxectaron no teito.
luns, 24 de outubro de 2022
LECTURAS COMPARTIDAS. 1ª PARTE
Celebramos esta semana as tradicionais lecturas compartidas no Samaín, un xeito de gozar xuntos dos contos e as aventuras que neles suceden. Hoxe, na primeira quenda, os peques de 3 e 4 compartimos este gusto pola lectura cos maiores do cole, os nenos e nenas de 6º de primaria. Durante toda a mañá preguntamos se xa era a hora de ir á biblio, ata que por fin chegou o momento. Alí atopámonos cunha dobre sorpresa. Os nosos amigos tiñan preparada a representación do conto Un monstro debajo de la cama e cando remataron poidemos xuntarnos con eles e escoitar mil e un contos. Para os peques de 3 era a súa primeira experiencia. Os de 4 xa gozaran no final do curso pasado cos padriños lectores. Daquela foi un remate de xornada estupendo e pasámolo moi ben, aínda que alguen tivese un poquiño de medo, cos montruos xa se sabe! Que ben celebrar o Día das bibliotecas con estas lecturas compartidas!.
domingo, 23 de outubro de 2022
PRIMEIRA CABAZA E PRIMEIRAS RECEITAS
A piques de inaugurar a nosa exposición de cabazas cociñeiras arrepiantes, que agardamos que enchan as nosas mesas e arquivos, e de escribir o noso propio libro de receitas, temos o pracer de presentarvos os primeiros que chegan á nosa cita.
En terceiro non podían agardar o luns e xa nos amosaron esta primeira creación que mañá lucirá xa na entrada do cole. Que medo dá ese coitelo!
Tamén as cociñas das casas están bulindo de actividade, como sucedeu nas aulas de infantil coa feitura de chulas. Tamén en 5 anos
Eiden de 5º envía estes riquísimos buñuelos. Apuntade ben a receita. Ten que estar boísima!
Andrés de 1º e Alba de 6º pasaron a finde facendo galletas. Mirade que boa pinta!
Cortaron a masa coas figuritas, decoráronas con
moito mimo e pasárono xenial!!
Graciñas por participar. Agardámosvos a todos.
24 DE OUTUBRO. DÍA DAS BIBLIOTECAS
Comezamos esta semana coa celebración do día das Bibliotecas. BiblioTEcuida é o lema que en castelán se escolleu a nivel nacional para este día. As bibliotecas galegas, mesmo as que deixan pegadas fondas nos barrios que ocupan coma as de "proximidade" coma a nosa teñen no coidado o primeiro dos obxectivos. Procuramos o coidado emocional, invitando a viaxar e vivir na pel de moitos outros; o coidado do gusto pola lectura axudando a formar lectores cobizosos de máis e máis lecturas; o coidado da descoberta de moitas realidades socionaturais e as súa explicación; o coidado do bo ler, mellorando comprensión e habilidades; o coidado inclusivo, acollendo tódalas sensibilidades e temáticas; o coidado de compartir, coa escoita activa e agasallando lecturas... coidados e agarimos porque a biblioteca é un acubillo para todos. Durante toda a semana imos desenvolver lecturas compartidas entre diferentes cursos de pequenos e maiores, imos mergullarnos en lecturas medoñentas e ao tempo tenras, lecturas con humor nas que os personaxes nos dan outros puntos de vista. Imos gozar dos contos canda os nosos amigos e amigas, os que levan tempo connosco e o que vimos de coñecer. Este e un dos mellores tesouros que agora podemos recuperar.
Non vai ser esta á unica proposta coa que celebramos o día. Obradoiros de escrita, propostas de vídeo, de formación de usuarios, propostas de traballo de Samaín e magosto, traballo stem, creatividade literaria e plástica, traballo documental, textos científicos...agárdannos á volta de cada recuncho da biblio.
Lembra... A BIBLIOTECA CÓIDATE
sábado, 22 de outubro de 2022
GAIVOTA GOURMET E O COMEZO DO NOSO PDI
Este curso imos dar voltas arredor da alimentación sostible para a nosa saúde e para o noso planeta. Antes de meternos a pescudar sobre os xeitos mellores de vivir e consumir sen facer dano á terra e mellorar porén a vida de tódalas persoas que vivimos nela, imos mirar ao noso propio patio e a nosa bolsa da merenda da man de Mori, unha gaivota moi lambona e mirada que ideou o Hematocrítico, autor que xa pasou pola nosa biblioteca presentando outras creacións de seu.
domingo, 16 de outubro de 2022
DÍA DAS ESCRITORAS
Celebramos o Día das escritoras o 17 de Outubro coas lecturas de dúas autoras moi queridas polos pequenos. Marisa Nuñez e Eva Mejuto son as dúas mulleres propostas este curso e as súas lecturas vannos acompañar en moitas das propostas de actividades e lecturas deste ano. Loboferoz, Corre, corre cabaciña, A cebra camila, A casa da mosca chosca, A pota que trota, ...encherán a biblioteca e as aulas acompañados nalgúns casos das cancións "contadas" que xa forman parte do noso día a día.
Queredes coñecelas?
3, 2, 1...IMOS DE CABEZA AOS FOGÓNS DO SAMAÍN!!!
Benqueridas familias a primeira festa do curso xa está aquí!. Nestas vindeiras semanas as nosas lecturas poboranse de medos divertidos e personaxes fantásticos e arrepiantes. Decoración terrorífica, murais temáticos, expositores que ouvean coma lobos, baleirado de cabazas, lecturas medoñentas compartidas, disfraces, festa...son moitas as experiencias que nos agardan.
A tradicional exposición de cabazas monstruosas volve en vivo e en directo despois dos tempos de pandemia co título de ARREPÍO NA COCIÑA!. Collede o coitelo, as pinturas e a cabaza e... a tallar e decorar unha fantástica cabaza cociñeira!!!.
O tema deste curso no PDI é alimentación sostible para a nosa saúde e para o planeta. Peixes e cereais van se-lo centro do noso traballiño nas aulas. Daquela as nosas cabazas cociñeiras van se-las primeiras en ocuparse da nosa alimentación. Pero NON ESQUEZADES FACER QUE TREMAMOS DE MEDOOOO!! Velaí van as instrucións!
Participa tamén no noso obradoiro de cociña e arte "Metidos en fariña" cociñando en familia!. No cole imos darlle voltas ás chulas!
luns, 3 de outubro de 2022
NOVO CURSO, NOVO LEMA DAS BE
Non sen tempo traemos ata aquí o novo lema e cartel das BE para este curso 2022-23. Chegado o mes de outubro comezamos, un ano máis, a comentar a nova andaina da nosa biblio, nun curso que agardamos cheo de experiencias compartidas. Experiencias e creatividade que imos ter que deixar para a historia reflectida nas nosas escritas. Diarios, relatos, poemas compartidos, anécdotas, narracións fantásticas e documentais. A biblio xa está en marcha cunha saca cheiña de proxectos interesantes e divertidos. De novo nos recreos atopamos nela oportunidades de lectura e outros xeitos de lecer. Van ser moitas as letras vividas que van deixar a súa pegada nos papeis e nos axudarán, pasado o tempo, a ter boa lembranza de todo o que nos agarda aí mesmiño xa. Daquela, veña, todos, nenas, nenos, rapaces e rapazas, profes, familias, collede os trebellos todos, antigos ou modernos, o lapis, o papel, a cámara... e preparádevos para ser cronistas escribintes deste curso que xa despegou.

















