venres, 20 de decembro de 2019

SAIDA DOCUMENTAL DE 4º Á SALINAE

O martes 17 de decembro, os alumnos de 4º de primaria visitaron Salinae, a primeira salina romana de evaporación solar do Imperio Romano, conservada e musealizada.
Aprenderon cómo se facía o proceso de obtención da sal, un ben moi preciado para os romanos, e as múltiples utilidades que lle damos aínda hoxe grazas a eles.
Para finalizar a visita participaron no obradoiro, "Sabores de Roma", no que con axuda de Sabela e Izan descubriron a cantidade de especias que utilizaban os romanos para cociñar, e prepararon un mollo para untar no pan.
Como vemos xa os romanos contaban coa especias  na súa alimentación, esas especias que tanta importancia ían ter na viaxe que este curso traballamos.
Podedes ver as fotos no blogue fonte dos frades



xoves, 19 de decembro de 2019

NOVA SERIE DE EXPERIMENTOS NO RECREO

O pasado luns dous grupos de científicos de 4º de Primaria citáronnos no ximnasio para amosarnos os seus experimentos. Aquí deixamos os vídeos (coma sempre sen retocar).

ROI E TIAGO:  EXPERIMENTO DO VOLCÁN





ANDRÉS  E FERNANDO: O GLOBO ATRAVESADO POR UN PALILLO








mércores, 18 de decembro de 2019

RECOMENDACIÓNS E AGASALLOS LECTORES PARA O NADAL 2019

Un ano máis deixámosvos unha guía de lecturas para ler e agasallar nestas festas. Entre os turróns e os mazapáns un libro é o mellor entretemento! 
Feliz Nadal para todos!


BOLETIN DE RECOMENDACIÓNS LECTORAS PARA ESTE NADAL

sábado, 14 de decembro de 2019

O OBRADOIRO DE COSIDO NA FIN DO TRIMESTRE

Como xa vos adiantamos noutra entrada, o obradoiro de cosido é unha das actividades "estrela" deste trimestre. E non perdades coidado porque no vindeiro xaneiro continuará traballando na mesma liña e tamén con novas propostas. Non queremos deixar de ensinarnos, -agora que se están a dar as derradeiras puntadas deste ano-, novas fotos desta actividade que, pouco a pouco, vai sumando adeptos entusiastas, entre os que se contan unha gran cantidade de rapaces. Ademáis é un obradoiro moi colaborativo no que moitos e moitas participantes xa asumiron o papel de "profes" e ensinan aos novos a dar os primeiros pasos.

Vede aquí as fotos

NOVA SERIE DE EXPERIMENTOS NA BIBLIO

Unha xeira máis dous grupos de científicos e cientificas de 4º de Primaria amosáronnos os experimentos preparados. De novo, unha grande cantidade de nenos de tódalas idades quixeron compartir canda eles uns intriños de ciencia.
Velahí van os vídeos da actividade...tal como sairon do "forno". Sen "amañar". Así podemos ver tanto os nervios dos protagonistas coma a impaciencia do público que non quere perder detalle.

Claudia e Mireya presentan un experimento no que amosan como un papel mergullado en auga dentro dun tarro non se molla.


Carolina, Xián e Jorge amosan o experimento dun vaso que bebe auga só.


Noraboa a estes aprendices de científicos.! Enseguidiña gozaremos dunha nova xornada de ciencia no recreo. Temos unha longa listaxe de espera!

martes, 10 de decembro de 2019

REMATAMOS O 50 ANIVERSARIO

Remata o ano e con el chega a súa fin a celebración do 50 aniversario do cole. Foi un ano moi especial para todos no que fomos quen de converter en contido curricular a nosa propia historia. Puidemos facer moito máis; seguramente quedaron mooitas cousiñas no tinteiro. Un anos non dá para moito máis.O noso labor está xa recollido no blog especial do PDI Párroco 5.0 que podedes ver no lateral. Despedímonos coa presencia do monologuista Avelino González  a quen tivemos o gusto de acoller na nosa biblioteca. 
Grazas a Avelino e grazas a todos por participar connosco nesta celebración.
Podedes ver as fotos da actividade da que xa demos conta no outro blog neste vencello.

domingo, 8 de decembro de 2019

PDI: MALETAS VIAXEIRAS

Tres maletas co lema "Polo mundo adiante" están a rolar polas nosas aulas con material para a "hora de ler" relacionado co noso PDI. Dúas delas viaxan polos cursos de Primaria, unha comezando por 6º e outra en 1º. Pouquiño a pouco a todos lles irá chegando a súa quenda. A terceira das maletas está en infantil que compartirá tamén con 1º de Primaria a súa lectura.

MALETA DE INFANTIL

MALETA 1 PRIMARIA

MALETA 2 PRIMARIA






xoves, 5 de decembro de 2019

OBRADOIRO DE COSIDO

Está xa en marcha, nos recreos na biblio, o obradoiro de cosido "Dándolle ao fío II" que dirixe a profe Elena. Polo de agora están facendo as bandeiras dos países polos que pasaron os barcos de Magallanes e Elcano que deron a 1º volta ao mundo. Moi vencellado ao noso PDI, integrando coñecementos e habilidades e con moito éxito de rapazas e tamén  de rapaces. Obradoiro, xa que  logo, de igualdade e inclusivo.




Se queredes ver algunhas fotos do ben que o pasan premede no seguinte vencello

OBRADOIRO COSIDO PRIMEIRAS FOTOS

martes, 3 de decembro de 2019

LIBRO DO MES E EXPOSITORES DE DECEMBRO

O traballo no mes de Decembro está xa centrado no cambio climático. Queremos aprender cousas ao tempo que Madrid acolle a Cumbre do clima. Mellor oportunidade non imos ter de pulsar a opinión internacional dende a nosa casa.
O día que choveu do revés é a lectura recomendada deste mes e vai acompañada dun nutrido expositor con títulos literarios e científicos que abordan a cuestión do clima.
Como o Nadal está cerca non podemos esquecer este importante expositor que nos vai pondo no camiño da ledicia festeira que está por vir.
Nas aulas recibiron recado de todo o que se cociña neste mes na biblioteca.










venres, 29 de novembro de 2019

OBRADOIRO DE EXPERIMENTOS NO RECREO

Novembro remata, e con él, o "mes da ciencia en galego".A nosa biblioteca este mes acolleu un expositor de libros  informativos e contos arredor da ciencia, ademáis dos expositores de contidos virtuais neste blog adicados a cientificos e cientificas galegos, ciencia e divulgación na nosa fala.
En galego desenvolvemos tamén tódalas pescudas e presentación da información documental que estamos a traballar nas tarefas do PDI, cun grande peso científico arredor do coñecemento da biodiversidade natural. A finais de trimestre comezaremos xa a ter os primeiros froitos deste traballo.







Aínda que  a celebración oficial chega ó seu fin, a  nosa andaina pola ciencia vai continuar. Moitos aspirantes a científicos están xa agardando a súa quenda para amosarnos os experimentos nos que traballaron.
Hoxe venres 29, día da inauguración do obradoiro, e con moito público no ximnasio, foron as protagonistas Claudia, Amira e Sabela, tres nenas de 4º de primaria. Este é o vídeo da súa "actuación".