Como remate do trimestre e ás portas do mes do libro e do Día internacional do libro infantil, os nenos e nenas de infantil e primeiro recibimos a un contacontos moi especial, Benxamín, quen usou a súa maxia contadora para achegarnos contos e personaxes coma Mori, a nosa coñecida gaivota gourmet, contados dun xeito diferente. Ademáis agasallounos coas súas ilustracións. Gustáronnos moito as que fixo dos nosos amigos Adriana e Lucas que se convertiron en improvisados protagonistas. Que ben o pasamos!
venres, 31 de marzo de 2023
xoves, 23 de marzo de 2023
DÍA MUNDIAL DA SÍNDROME DE DOWN
Vénse de celebrar o martes 21 de marzo o Día Mundial da síndrome de Down. Comprometidos como estamos no noso cole cunha educación inclusiva, atopámonos con moita ledicia unha Súper-nova na prensa que quere dar visibilidade a tódalas persoas afectadas por esta síndrome e concienciar da súa plena validez para integrarse na sociedade. Esta estupenda nova fálanos dun superneno, Súper Andrés, que nos toca moi de preto e co que nós gozamos cada día. Con el e os seus compañeiros e compañeiras compartimos un tempo de aprendizaxe, xogo, felicidade e integración.
Queremos facervos chegar a todos este relato de vida, recollido polo xornal dixital Vigo e dá-las grazas a Andrés e a súa familia polo seu agarimo e as experiencias que podemos compartir a cotío.
mércores, 22 de marzo de 2023
MES DA POESÍA
Celebramos o Mes da poesía dando apertura a nosa tradicional solta poética que podemos subir ao muro dixital ou colocar nos muros e nos corredores do cole. Poemas propios e de distintos autores que van encher de emocións as nosas lecturas e creatividade. Animádevos!
MARUXA NO CONTACONTOS DO XOVES
martes, 14 de marzo de 2023
CÍCLOPE
Este martes, día 14 de marzo, as nenas e nenos do colexio fomos a unha obra de teatro chamada “Cíclope” na sede de Afundación en Vigo. Ía sobre a viaxe de fin de curso dun grupo de rapaces dun instituto, así como das súas ideas para conseguir diñeiro para tal fin.
Nela pudimos comprobar a importancia de facer unha boa
xestión das finanzas persoais, e tamén o valor de prever as consecuencias que
os nosos actos poden ter na nosa vida e na das persoas que temos ao noso
arredor.
Deixamos algunhas fotos deste día tan diferente...
ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS NO NOSO PDI
Neste 2º trimestre continuamos a realizar moitas actividades complementarias dentro e fóra das aulas relacionadas coa temática traballada no noso PDI.
Podedes coñecelas accedendo as entradas publicadas no outro blog Fonte dos frades.
luns, 13 de marzo de 2023
NAUTILUS. 20000 LEGUAS DE VIAJE SUBMARINO
O xoves, día 9 de marzo, as nenas e nenos de 3º e 4º da escola fixemos unha saída ao teatro de Afundación en Vigo para ver a obra Nautilus 20000 leguas de viaje submarino. Resultou unha proposta orixinal baseada na clásica novela de aventuras de Julio Verne, cunha lectura comprometida e preocupada pola conservación dos océanos e do noso planeta.
domingo, 12 de marzo de 2023
ESCRIBINDO A BIBLIOTECA...ESCRIBINDO EMOCIÓNS NEGATIVAS E POSITIVAS
A escritura é a porta de entrada á toma de conciencia das vivencias e as emocións. Traballamos aquí como con tantos outros textos documentais e descriptivos o lema das bibliotecas neste curso.
O departamento de orientación está a organizar varias sesións de educación emocional baixo o título O peso das palabras, dirixido á traballar a conciencia sobre o significado e o impacto emocional da palabra. A través do xogo e da análise e reflexión preténdese ir creando conciencia sobre o papel da palabra como definidor das interaccións posibles coas persoas. Queremos verbas inclusivas para unhas relacións inclusivas e escribímolas. Eles mesmos nolo explican...
1ª sesión:
Comenzamos un obradoiro dende Orientación sobre "O peso das palabras" no que traballamos a crítica non constructiva e o efecto dos insultos na nosa saude mental.
2º sesión:
Reflexionamos e debatemos sobre aquelas palabras que nos doeron e lembramos as que máis nos gustaron
sábado, 11 de marzo de 2023
A HORTA ESCOLAR PÓNSE EN MARCHA
Como xa contamos no outro blog a horta escolar púxose en marcha para celebrar a Rosalía de Castro e preparar o seu caldiño de gloria. Neste PDI no que tamén falamos de alimentación saudable e sostible, o caldiño tradicional galego reúne tódolos ingredientes precisos para coidar a nosa saúde e a da nosa terra.
Son xa moitos os cursos que foron pasando pola horta para plantar as súas berzas, patacas e fabas e agora foi de novo a quenda dos nenos e nenas de primeiro. Deixamos aquí as entradas feitas.
COMEZAMOS NA HORTA CO CALDIÑO DE GLORIA
mércores, 8 de marzo de 2023
CELEBRANDO O DÍA DA MULLER
Seguindo no traballo que levamos adiante no cole sobre alimentación sostible para nós e para o planeta, centrado na pesca e no agro, hoxe trouxemos ás aulas o labor de Ellen Macarthur, merecedora o pasado ano do premio Princesa de Asturias pola súa loita por implicar a gobernos e industrias no cambio económico que precisamos para darlle a volta ao cambio climático.
Ellen, a través da súa fundación, quere que os pequenos cambios, - os que todos nós temos que facer no noso consumo- , e mailos grandes cambios, -os que debe facer o tecido económico para mudar á unha economía circular-, sexan xa unha realidade. Non precisamos seguir adiando e discutindo, as solucións están aí e son sinxelas. Precisan só do compromiso de todos. Invitámosvos a navegar por esta temática dende a nosa aula virtual.
Hoxe e os días vindeiros, vencellado todo tamén á celebración da "Semana da prensa", seguiremos matinando nos pasos a dar nas nosas parceliñas e seguiremos analizando os recursos e a información da que dispomos. E de certo que o camiño xa o temos comezado!.
Para visibilizar o día e que esta mensaxe chegue ás casas fixemos en tódalas aulas distintos marcapáxinas adicados a esta muller e a economía circular. Como adoita suceder, o importante é participar e facer o traballo; e sempre moitos esquecemos facer fotos. Non importa! Para mostra un botón. Aquí tedes ós pequenos cos seus marcalibros e o traballo de aproveitamento feito.