martes, 1 de decembro de 2020

CONTO PARA A IGUALDADE EN 3 ANOS

 A non violencia contra a muller comeza na educación na igualdade e no respecto a todos e todas sexa cal for a súa identidade e xeito de ser e manifestarse. Os pequechos de 3 anos comezan a traballar este respecto a través do conto Vivan as uñas de cores!, que moito lles gustou.


Vede aquí como traballaron!








sábado, 28 de novembro de 2020

NOVO VÍDEO DE NORMAS NA BIBLIO

    Seguen a nos chegar novos vídeos coas normas da biblio, un traballo de formación de usuarios relacionado coa pandemia e que forma parte do PDI anual. Xa vistes algunhas aulas en acción. Desta volta, tócalles aos cativos de 3º de primaria. Parabéns! Fixéstelo moi ben!

    Podédelo ver aquí



xoves, 26 de novembro de 2020

25 DE NOVEMBRO

    Un novembro máis e de novo é importante reflexionar sobre este tremendo problema. As nosas aulas non esqueceron onte a importancia de "celebrar" este día, e foron moitas as que traballaron lecturas arredor da igualdade e debateron sobre o efecto que nela ten a pandemia. Durante un tempo, irán rolando polo cole dúas mochilas para a hora de ler dedicadas a este tema. Iremos publicando as distintas actividades.

    Comezamos coas imaxes do debate e carteis feitos polos nenos e nenas de 5º de primaria.



BODEGÓNS DE OUTONO. 1ª PARTE

    Tamén comezamos a recibir fotos de estupendos bodegóns e monstros para a segunda edición da Mostra de Fotografía en Familia. Imos deixando aquí as vosas fotos para, despois de que remate (contra a fin do trimestre) o prazo para as enviardes, xuntármolas nunha presentación. Graciñas aos que estades a participar! 

  • ADRIANA E MAIS IAGO (6º DE PRIMARIA E 3 ANOS) preséntannos AS FROITAS E FROITOS DE OUTONO.




  • JULIÁN E MAIS ABRIL (2º DE PRIMARIA E 4 ANOS) tráennos FROITOS ACABADOS DE APAÑAR NUN DÍA DE OUTONO MOI ESPECIAL.


  • MARA (3º DE PRIMARIA) fixo unhas estupendas CREACIÓNS CON ELEMENTOS NATURAIS DE OUTONO.



  • XABI (4º DE PRIMARIA) obséquianos cunha caixa de vizosas DELICIAS DE OUTONO.



domingo, 22 de novembro de 2020

TRABALLO DAS NORMAS EN 6º DE PRIMARIA

    Dentro do noso programa de formación de usuarios, os rapaces e rapazas de 6º de primaria tamén gravaron un vídeo coas normas. Escoitade con atención!



mércores, 18 de novembro de 2020

COIDANDO DOS MOUCHIÑOS. NORMAS BÁSICAS

    Os nenos e nenas de 5 anos vanvos explicar en dous vídeos todo o que tedes que facer. No primeiro, fálannos das condicións que temos que cumprir para ir á biblioteca. No segundo, aclárannos como facermos alí dentro cos libros.




martes, 17 de novembro de 2020

RAP DAS NORMAS

    Para celebrar o Día das Bibliotecas, o pasado 24 de outubro, propuxémoslles a tódalas aulas a confección de lemas, carteis ou vídeos que relacionasen a lectura coa situación Covid e que nos explicasen ben as normas que temos que seguir cando vaiamos á biblio. Xa temos varios traballiños para publicar. 

    Comezamos co primeiro...: O RAP DAS NORMAS. Protagonistas, os nenos e nenas de 4º de primaria.

    Velaquí volo deixamos! Parabéns, rapaces!



domingo, 1 de novembro de 2020

AS NOSAS CABAZAS NO SAMAÍN

    En resposta á petición dos mouchiños da biblio, moitas familias do centro están a nos achegar as cabazas que fixeron para esta celebración. Este ano non poden lucir no corredor, pero expoñémolas igual no noso corredor virtual. Asomádevos e desfrutade do traballo compartido dende as casas! E os que aínda non mandastes a foto, estade tranquilos. Conforme vaiamos recibindo as vosas cabazas, iremos incorporándoas nesta presentación. Poñédea a pantalla completa para verdes ben tódolos detalles!

    Graciñas a todos e todas.


domingo, 25 de outubro de 2020

DÍA DAS BIBLIOTECAS

 


Celebramos este día coa posta en marcha da biblioteca. Aínda que a biblio pareza durmida polas circunstancias da Covid, a vida lectora xa é un latexo en tódolos espazos do cole.

-O protocolo xa está concluído e os cursos xa están a traballar na súa presentación. 

-Os mouchiños xa lanzaron as primeiras iniciativas relacionadas co Samaín e o Monstro Coronavirus. 

-As mochilas de lectura e maila maleta viaxeira están xa facendo o seu percorrido dedicadas ao Día das Escritoras, a creatividade e o medo.

-A hora de ler funciona dende o primeiro día de curso.

-O préstamo está en marcha en moitas aulas ou a piques de comezar nas outras.

-O libro do mes, Os medos do rato pequeno, está á espera de lectores. Xeografías Lectoras fai unha parada este mes nas xeografías emocionais (e o medo é unha das emocións máis fondas... e unha moi acaída nesta época do ano!). Imos navegar nos medos para poder ir alén deles sen que nos deixen paralizados, senón dispostos a seguir avanzando (sempre con prudencia) malia os riscos.

-A celebración do centenario de Gianni Rodari toma a súa primeira forma: a do Binomio Fantástico.

- O noso PDI anual Dándolle unha volta ao planeta II: As cores de Asia. Ananos e xigantes, que se centra este ano na saúde e no mundo asiático a través dos ollos de "ananos e xigantes" (o anano coronavirus o primeiro) comezou tamén a súa andaina. 

- As familias xa teñen a primeira invitación a participar canda nós na vindeira celebración do Samaín.

Coidamos que son moitas invitacións a ler este e tódolos días do ano. 

domingo, 18 de outubro de 2020

DÍA DAS ESCRITORAS

    Celebrouse o día 17 de outubro o Día das Escritoras. Nós imos estar varias semanas remexendo nos textos de dúas escritoras en lingua galega, An Alfaya e María Canosa, das que temos un bo número de exemplares na nosa biblioteca. Xa outros cursos os seus libros formaron parte dos nosos proxectos. A partir do luns rolarán polas aulas de primaria dúas mochilas dedicadas á súa obra. Nalgún momentiño, tamén os de infantil imos poder coñecer o que son quen de argallar as dúas.

    Ademais, ímonos adentrar nos textos e nas imaxes de parellas escritoras-ilustradoras que van da man nesta tarefa de achegarnos as súas historias. Outras dúas mochilas saen de viaxe polo cole. 

    Desexámosvos boas lecturas na hora de ler!