sábado, 27 de maio de 2023

OS TRES PORQUIÑOS EN TEATRO

 Lois e Beltrán, de 4 anos, improvisaron no teatriño da aula unha versión moi particular do conto Os tres porquiños, un dos seus favoritos durante todo o curso. Coa dramatización e o xogo tamén traballamos o gusto pola lectura.  Non foron os únicos en atreverse. Enseguidiña subiremos outra peza "especial" creada por outros dous cativos da aula.



xoves, 25 de maio de 2023

AS FAMILIAS CONTAN

 As familias tamén contan. Esta semana o pai e maila nai de Angel de 3 anos achegáronse ata a súa aula para agasallar ós nenos cun estupendo conto. Elmer, o elefante, protagonizou esta xornada tan especial. Graciñas, familia!






NOVO CONTACONTOS DE 2º

 Los besos del lobo feroz é o novo conto que un grupiño de nenas e nenos de 2º contaron na hora de ler os compañeiros de infantil e primeiro. Encantounos o conto e gozamos moito indo unha vez máis á biblioteca.












martes, 16 de maio de 2023

5 ANOS DA CONTA DO SEU TRABALLO

 Os nenos e nenas de 5 anos fixeron un estupendo proxecto arredor da alimentación abondando no contido que traballamos no noso PDI deste curso. Escoitade todo que saben!

 
 Aínda que estamos a rematar a presentación podedes ver un pouco como lles quedou o seu proxecto no papel. Tamén as actividades de arte que fixeron canda o traballo documental. aqui

luns, 15 de maio de 2023

VOLVEN AS ACTIVIDADES PARA FAMILIAS

Volvemos neste mes das Letras Galegas  a pedirvos un pouquiño do voso tempo para que colaboredes no noso proxecto. Son tres peticións sinxelas nas que podedes facer as vosas aportacións voluntariamente, nas tres ou unha que escollades. Animádevos! Estaremos encantadas de recibir as vosas cousas!
Mirade na presentación como podedes participar e preguntádenos o que precisedes.

Graciñas a todos!

RADIOCAMILO TAMÉN EN INGLÉS

 


Radio Camilo ten dende hai uns días un novo programa IN ENGLISH. Os rapaces e rapazas de 5º e 6º gravaron xa dous episodios. O primeiro deles é unha entrevista á nosa auxiliar de conversa. No segundo episodio 6º de primaria grava unha historia de medo...Magic Castle. Xornalistas e escritores! Estamos xa facendo canteira.! Parabéns a todos!

5ºde Primaria





                                                                      6º de primaria






sábado, 13 de maio de 2023

BANDA DESEÑADA E PDI

 Os nenos e nenas de 5º fixeron no seu obradoiro de escrita uns textos de banda deseñada nos que trataba a temática dos problemas e  coidados do planeta. Ecoconciencia  noutro formato ao que estamos afeitos. A nosa profe de PT que os acompañou na gravación dos textos como podcast, montou un vídeo co traballo dos distintos grupos.



SEGUNDO DE PRIMARIA SÚMASE ÁS LECTURAS COMPARTIDAS

 Non lles daba chegado o tempo e por fin despois de escoitar durante todo o curso as lecturas do xoves no recreo que facían  os compañeiros dos cursos dos maiores, quixeron probar eles esta experiencia. Primeiro xa sabedes de xeito improvisado o xoves 11. O venres comezaron a súa andaina nesta actividade cun público entregado das aulas de infantil, primeiro e segundo.

Julia, Alex, Zoe e  Esther leron La verdad según Arturo




BOCATAS SANOS NO NOSO PDI

 O pasado martes 9 de maio tódolos nenos e nenas do cole recibimos a visita dos monitores de FAI CLIC AO TEU BOCATA. 


 Este programa pretende abondar nas vantaxes para a nosa saúde dunha alimentación sa. Os bocatas mudan os seus ingredientes cotiás por peixes en conserva e verduras que os fan máis apetecibles, sans e sostibles. Abondamos, logo, de xeito experiencial nos obxectivos que persegue o noso PDI anual. Tedes as fotos dos xogos e traballos no blog fonte dos frades

AQUI E AQUI

xoves, 11 de maio de 2023

CONTACONTOS IMPROVISADO NO RECREO

 Un imprevisto impediu levar adiante a lectura do contacontos no recreo. O público xa estaba a agardar o comezo, asi que...Zoe e Esther de 2º de primaria escolleron un libro nos andeis e lérono para todos. 

Ni guau ni miau foi o libro que escolleron e contaron de marabilla. Que sorte tivemos!






martes, 9 de maio de 2023

OS DE 4º SEGUEN A SÚA ROLDA DE CONTACONTOS

 Os nenos e nenas de infantil 1º e 2º gozamos unha xeira máis de contacontos na hora de ler. Desta volta o xoves e mailo venres escoitamos a dous grupos de 4º que nos contaron as historias de Bruno e de Rot. 

Primeiro foi a quenda de Candela, Lara e Daniela, lectoras xa de O gato lambón nas semanas pasadas, que leron  Bruno. Despois foron Sabrina e Lucas os que se atreveron con Rot el más guapo del mundo. Fixérono moi ben e gustáronnos moito ambolos dous contos.







ROT 







domingo, 7 de maio de 2023

NOVO CONTACONTOS NO RECREO

 Ezequiel, de 5º de primaria, foi o protagonista da sesión de contacontos deste xoves no recreo. La gran fábrica de palabras foi o conto escollido. Unha historia fermosa sobre o valor de cada palabra.








Hai algún tempo xa nos lera no recreo e agora quixo repetir. Parabéns, Ezequiel!

sábado, 6 de maio de 2023

OBRADOIRO DE GANCHO E PDI

 Hai tempo, no mes de novembro, que comezou a súa andaina o obradoiro de gancho dirixido pola profe Elena, con grande éxito de participantes. Moitos deles tiveron que agardar ata este terceiro trimestre para poder entrar pero por fin xa tiveron un oquiño para practicar esta arte manual. Ademáis de aprender os puntos básicos, os participantes colaboran na realización das redes que forman parte do mural do noso PDI . Tamén están atarefados na confección das bolsas de merenda reutilizables e sostibles, outro dos grandes obxectivos do proxecto deste curso.