domingo, 29 de maio de 2016

ITINERARIOS LECTORES. "A MARES".

 



Rematou a sua andaina polos cursos de Primaria o libro colaborativo viaxeiro "a mares". Recala agora nos portos de infantil. Seguro que a tódolos cativos encántalle o traballo dos seus compañeiros. Seremos quen a superalos?















luns, 16 de maio de 2016

UN "MAIO" DE FARO

Impresionante o maio que prepararon os pais da ANPA para a festa dos maios, mágoa que o tempo non acompañou, pero a nós lúcenos moito estoutro faro diferente.





sábado, 14 de maio de 2016

O TRABALLO SOBRE MANUEL MARÍA

Ademais da enchente de poemas que deixamos esparexidos por tódolos recunchos do cole, tódalas aulas botámonos con entusiasmo a traballar na figura de Manuel María. Queriamos agradecerlle que nos adicara os nenos e nenas dous volumes de poemas que fixeron as ledicias de todos nas distintas aulas:
"Os soños na gaiola" e "Nas rúas do vento ceibe"




O balbordo está semana foi continuo nos corredores; nenos e nenas que subían e baixaban lendo a información de Manuel María; que escribían nas escaleiras para completar as actividades propostas en cada aula; que pintaban un mural coa figura do poeta; que respondían a súa chamada para facer unha procura de poemas a partir dunhas imaxes que nos deixara nun misterioso peto deste mural; que compoñían un fermoso mural  con estas imaxes e poemas  na planta baixa; que escollían entre todos a palabra mais fermosa ou mais significativa; que se xuntaban na biblioteca para elaborar unhas fermosas flores-poemas,...un montón de traballo,  moito do cal non coubo nas paredes e levarémolo gardadiño nas nosas carpetas e libretas.


LETRUCHA. DIA DA POESÍA E MANUEL MARÍA

Hai tempo, alá no mes de marzo, cando tocaba celebrar o Día da Poesía, a nosa mascota letrucha estaba moi preocupada. O día cadraba coas vacacións de Semana Santa e os nenos non ían ter tempo de desfrutar facendo e lendo poesías. 
Daquela ocorrríuselle unha idea xenial. Por que non xuntar a celebración dese día co de Manuel María, poeta de recoñecido prestixio a quen se lle adica este ano o Día das Letras Galegas?. Ademáis -pensou- se o celebramos no mes de Maio será un gusto sair o patio e enchelo de poemas variados... os nosos, os de Manuel, os de outros poetas. 
Dito e feito preparou unha invitación para tódalas aulas e deixou que todos traballasemos e compuxesemos os nosos versos. 





Cando chegou a hora da verdade, atopámonos que o sol prometido non apareceu e para que non se mollaran tódalas cousiñas que fixeramos decidimos invadir o cole cos nosos traballos. 
Ao final algúns dos mais pequenos atrevéronse co traballo de rimar, pero case todos decicimos desfrutar das fermosas poesías do autor galego homenaxeado, quen nos ofreceu unha ollada distinta da Galicia coa que levamos traballando todo o curso no noso proxecto documental. Agora podedes desfrutar coas fotos da invasión de poemas. Hainos de tódolos tamaños e formas e podedes ollalos nos recunchos mais inesperados. 



venres, 13 de maio de 2016

MAIS XOVES DE LECTURA

Os xoves de lectura na biblioteca seguen cos  nenos e nenas de 2º lendo os seus contos aos compañeiros que se achegan ata ela.
"Greta Gruñosauria" foi un dos últimos  títulos lidos. 

Deixámosvos as fotos coma sempre.





















"Mariquiña, A carteira andoriña" inicia un novo ciclo de lecturas arredor do Proxecto Documental. Neste e nos vindeiros contos os carteiros van levarnos de viaxe por distintas zonas de Galicia, algunhas das cales seguro que  se nos farán moi familiares.

Veleiqui as fotos.




















xoves, 12 de maio de 2016

OUTRA LECTURA DE MULLERES QUE QUEDOU ATRÁS

Tiveramos algún problemiña coas fotos das lecturas sobre mulleres, pero por fin xa vos podemos amosar as que faltaban. 
"Audrey Hepburn" completou a serie contada co gallo do Día da muller traballadora. Foron, as que viñeron á nosa biblioteca, mulleres especiales polo que fixeron no seu tempo. Non foron as únicas, pero elas coma outras tantas deixaron un ronsel tras do que moitas outras continuaron camiño.


















martes, 26 de abril de 2016

SEMANA DA PRENSA 2ºA

Despois de baixar a ver a exposición sobre a prensa que estaba no vestíbulo do colexio e logo de elexir algunhas noticias, os nenos de 2º A fixeron uns traballiños en grupos sobre distintas noticias relacionadas co faro de Cabo Vilán. Aqui tendes as fotos do que foi o traballiño na aula e da exposición dos mesmos aos compañeiros.

venres, 22 de abril de 2016

PADRIÑOS LECTORES 2016 EN DOUS TEMPOS

Xa está aí o día do Libro e esta semana, aínda mais centrada nos libros do que xa estamos sempre, remata cunha guinda moi especial…unha nova edición de “Padriños Lectores” . Cando chegou a hora sinalada os padriños foron onda os afillados e collidos da man procuraron un recunchiño no patio onde poder comezar as lecturas. Tiñan preparado un fermoso agasallo que os pequenos recibiron con entusiasmo. Todo semellaba ir moi ben ata que de súpeto comezou a choviscar…Caramba,- pensamos as profes- Xa se nos fastidiou este intre tan delicioso!. Pero non, non houbo ningunha fuxida apurada. Cada madriña e padriño colleu ao seu afillado e  afillada e marcharon cara dentro. Cando todos estabamos a cuberto, ollamos con moita sorpresa que a actividade lectora non parara e todo o mundo enchía corredores, escaleiras, aulas…para continuar as lecturas coma se non se tiveran mudado de sitio. Leron moito, moitísimo, en calquera recuncho e de tódolos xeitos e posturas e ningunha delas…disparatada!! (Por certo, moitas grazas a tódolos los que fixestes achegas para as exposición de libros e fotos).
Os máis grandes dos pequenos atrevéronse a lle ler algo tamén aos padriños. Os pequeniños de todo compartiron tamén cos padriños os seus libros de sempre, os que teñen na aula. E así, fóronse sucedendo unhas lecturas e outras, disfrutando todos de poder lermos xuntos grandes e pequenos.


AS AULAS CONTAN: O RATO E OS VENTOS

Dentro das actividades do mes dos libros os nenos de infantil tiveron a sorte de desfrutar dun contacontos moi especial. Os nenos e nenas de 2ºA prepararon un  precioso conto en Kamishibai. Tratábase dun  dos sete contos de Arnold Lobel do seu libro "Contos de ratiños" editado por Kalandraka. Eles adaptaron o conto, debuxaron as escenas, organizaron o seu desenvolvemento e non esqueceron contalo con moita soltura e preparar elementos motivadores para enganchar a un público tan dificil,  pero sempre disposto a deixarse sorprender. En dúas sesións diferentes atrevéronse primeiro cos pequenos de 3 e 4 anos e despois cos de 5 anos. E as dúas veces fixérono moi ben. Ademáis agasalláronnos cuns preciosos barquiños de papel que tiñan ben agachadiños dentro dunha misteriosa rede. O tema do conto xa volo imaxinades...o mar. É que este curso estamos moi mariñeiros.
Como remate de ouro da sesión Inés e André atrevéronse cun conto inventado e preparado con papiroflexia. A todos encantoulle.