Coma adoita ser, no mes de outubro a nosa biblioteca comeza unha nova andaina. Xa hai varias semanas que estamos abertos no recreo para pasar o lecer lendo ou xogando, con moita asistencia e peticións de lectura. Enseguidiña darán comezo os obradoiros, dos que iremos dando conta: o primeiro deles o de cosido e gancho, tan agardado por moitos e moitas!.
Os expositores vánse enchendo pouco a pouco; xa comezaron as actividades complementarias e os préstamos e lecturas na sala das diferentes aulas. A radio está lista para empezar a emitir e o Proxecto anual preparado... A semana vindeira, co Día das bibliotecas e as lecturas compartidas, inauguraremos oficialmente as actividades e despois xa será un non parar!. Daquela, adiante e boas lecturas e aprendizaxe tamén neste curso!
Hoxe Día das escritoras engadimos a Ánxeles Ferrer e mais a Irene Pérez Pintos a listaxe de autoras que destacamos. Moitos dos seus contos van ser protagonistas das actividades que ao longo do curso iremos debullando. No seu día especial, o primeiro que toca é lembrar quen son; algunhas das súas historias témolas na biblio e xa están no andel especial desta efeméride. Con esta presentación lembrámolas a elas e as autoras de anos pasados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario