domingo, 11 de febreiro de 2024

SEMANA DA PAZ: PALABRA E POESÍA NO BOSQUE GALEGO

 As lecturas pola paz escollidas, a poesía e o desenvolvemento do noso PDI fundíronse para argalla-las actividades que durante a derradeira semana de xaneiro ocuparon as nosas aulas. 

A necesaria reflexión sobre a paz e a convivencia levounos a pensar sobre o valor das palabras e o noso empeño en que non as leve o vento e poidan facerse realidade coas nosas actitudes e relacións no día a día. A paz, que en moitas zonas do mundo estáse a perder a pasos axigantados, comeza sempre nas pequenas cousas. Ese é o noso granciño neste momento da infancia. Empezar a construir para manter a paz durante toda a vida.

 O conto Palabras con corazón e maila obra poética  Bicos e non Balas do noso autor galego Antonio García Teijeiro guiaron esta reflexión e inspiraron as palabras que todos nós escollemos e ilustramos para construir no mural da entrada o noso propio camiño de paz. O bosque de oliveiras, símbolo universal de paz, foi o contedor no que trazamos este camiño. Oliveiras e palabras que foron o noso traballo compartido, grandes e pequenos deixando a súa creatividade e as súas emocións no papel. Poderemos gozar e re-ler os nosos desexos  durante moito tempo.

Para rematar este tempo compartido xuntámonos o propio día 30 de xaneiro no patio para ler e escoitar as palabras do poeta, recitadas e berradas polos nosos compañeiros de 6º e 5º de primaria. 



Ningún comentario:

Publicar un comentario