luns, 27 de febreiro de 2017

A XACIA MIÑONCESA

Unha xacia das moitas que poboan o río Miño, de nome Miñoncesa foi a encargada de dirixir a troula deste entroido 2017. Dende a súa rocha na entrada do cole fixo as peticións a toda a comunidade educativa seguindo as tradicións de noso.




Como nos achamos mergullados no Ano Internacional do Turismo, a nosa xacia quixo que trouxeramos...

O LUNS...................         UNHA VISEIRA, que non nos colla o sol durante os  nosos roteiros
O MARTES...................   UNHAS LENTES DE SOL, que non nos deslumbre a luz e non vexamos ben as paisaxes
O MÉRCORES................ UNHA CANTIMPLORA OU UNHA MOCHILIÑA,  hai que beber moito e sempre ven ben ter unha bolsiña onde garda-las cousas.
O XOVES..........................UN ELEMENTO TECNOLÓXICO, nestes tempos que corren hai que saber usar ben a tecnoloxía para o que vale.

Con todos estes elementos témonos convertido nos turistas perfectos, ben preparadiños para non nos perder detalle de tódalas cousas interesantes.




ENTROIDO FLUVIAL

O Miño desfilou no entroido polo patio da nosa escola, como non podía ser doutra maneira neste curso no que  queremos achegarnos a súa faciana dende tódolos recunchiños posibles. O desfile estivo presidido pola nosa "meca" a Xacia Miñoncesa, ser máxico característico do noso río. Ía ela elegantemente vestida para a ocasión e seguida por uns guías turisticos moi metidos no seu papel e dispostos a presentarnos e levarnos da man a descubrir as maravillas que se agochan nas beiras do Miño.

A natureza estivo representada por algúns habitantes do río como as señoras troitas, mais listas elas que as lampreas que tamén viñeron ao desfile, pero xa feitas receitas riquísimas elaboradas por uns cociñeiros moi prehistóricos e moi expertos.
As libeliñas, coas súas fermosas ás sobrevoaron o río, admirando a todo o público; o mesmo que os carballos que se facían fortes na beiriña para protexer os seus veciños os mouchos. Con moito esforzo e moita presa  pasaban os pelegríns, camiño de Compostela,  pero disfrutando ao mesmo tempo da paisaxe e dos impresionantes viñedos que atopaban no camiño antes de virar cara o seu destino.
Os vikingos desta volta trouxeron as súas cámaras de fotos, para poder desfrutar do que non puideron antes, cando viñeran invadirnos e chegaron ata Ribas do Sil remontando o río dende a Guarda. Daquela fixeran mil desmáns,  ademais de deixarnos tamén algo da súa cultura. Aínda así portaban escudos e espadas...nunca se sabe onde hai que presentar batalla!!.
Pechando viñan os pequeniños co seu toque azul e branco das cores da nosa bandeira. Estabamos todos os que somos e todos dispostos para bailar e cantar a canción de Andrés do Barro "O tren", versionada e musicalizada por un voluntarioso pai do colexio que foi quen nos fixo a música e a cantou. Así xa estabamos todos listos para subir no noso especial tren turístico dirixidos pola "que manda",  quen ía vestida de maquinista ferroviario.













domingo, 26 de febreiro de 2017

CONCERTO NA BIBLIOTECA

O xoves na biblioteca, adiantándonos como xa vos estamos contando á celebración do cumple de Rosalía, os peques todos e mailos nenos e nenas de primeiro desfrutamos dun concerto "moi especial". O Pai da nosa amiga  Paula, de primeiro de primaria, puxo tódalas súas ganas e o seu bo facer para que pasaramos na súa compaña un tempo moi divertido. Con el tocamos instrumentos, cantamos, fixemos palmas e vibramos coas súa versión do poema de Rosalía Pasa río que os de Primeiro atrevéronse a recitar (e iso que ainda non era a hora da maratón) e tamén da nosa canción especial do Proxecto documental no que estamos mergullados “O tren que me leva pola beira do Miño”. Ao final mesmo agasallounos con púas de guitarrista feitas por él con material de refugallo.

Despois no patio, durante a maratón acompañou os recitados coa súa música e ensaiou connosco a canción do tren… el tamén quería que nos saíra perfecto.!! 
Graciñas, Fran…e xa estamos a desexar que veñas outro día.!









sábado, 25 de febreiro de 2017

MARATÓN DE ROSALÍA

Como acto central da Semana de Rosalía tiñamos previsto para o día 23 unha grande maratón de poemas da nosa escritora. Queriamos celebrar dun xeito especial o seu aniversario.
 Durante varios días tivemos  a oportunidade de visitar o recuncho de Rosalía na biblioteca ao tempo que ensaiabamos (ou memorizabamos os pequenos) os versos que nos ía tocar ler na maratón. Cando chegou o día estabamos moi preparados. Como o tempo acompañaba xuntámonos no patio e fomos  lendo e recitando os versos e poemas que nos pareceron mais ledos e sinxelos para nós e aqueles que tamén están adicados aos ríos, dende os mais pequeniños aos  maiores. Foi unha xornada festiva chea de palabras fermosas.





OBRADOIROS DE ROSALÍA EN INFANTIL

Os nenos de Infantil adicaron a semana á Rosalía. Falaron dela, aprenderon o poema que tiñan que recitar na maratón e xuntáronse nuns obradoiros nos que aprenderon cousiñas da súa vida, disfrutaron coas cancións de Uxía do álbum "Rosalía pequeniña" e fixeron unha carauta e un debuxo da autora.
Con todos eles enchemos un grande mural na entrada do cole.

















venres, 24 de febreiro de 2017

ROSALIATE

Despois da invitación feita polo noso mouchiño Johnbook foron moitas as familias que fixeron a súa foto cos versos de Rosalía. Algunhas atrevéronse mesmo a viaxar ata os lugares que aparecen nos seus poemas para coñecelos en vivo e en directo. Aqui podedes ver o estupendo mural que compuxemos con tódalas vosas aportacións. 
Noraboa por atrevervos a mergullarvos nun mundo sempre difícil, o da poesía e nun xeito de "contar" a vida que pode parecer lonxano, pero que verso a verso amósasenos moi actual. 
Por outra banda, temos que seguir invitándovos a participar no Reto lector de ler á Rosalía. Xa hai tres valentes que deixaron o seu comentario. Noraboa tamén!


luns, 13 de febreiro de 2017

JOHNBOOK O MOUCHIÑO COLABORA CON ROSALÍA

O mouchiño do mes de Febreiro ten para tódolos pais e nais do cole unha invitación moi especial. Neste mes  no que imos celebrar o Día de Rosalía, quere que nos fagamos unha foto coa familia ou os amigos lucindo a súa faciana (á de Rosalía) e amosando algúns dos seus versos. Esta é a carta que enviou ás vosas casas.




























Daquela animádevos!!. Buscade uns versiños da autora. Na nosa pestana de Rosalía de castro, aquí arriba, tedes moitos. Que alguén poña a carauta ou disfrazádevos (ou que saia na foto a súa imaxe) e mandádenola ao cole. Formaremos todos parte dunha grande homenaxe organizada pola AELG (Asociación de escritores en Lingua Galega)  á nosa poetisa.
E se participades no Reto Lector non esquezades deixar un comentario na pestana de "Rosalía".
Graciñas e desfrutade.

Aquí deixámosvos a carauta.



luns, 6 de febreiro de 2017

VICENTIÑO E AS ÁRBORES DA PAZ

Os contos son moitas veces a mellor maneira de achegarse á realidade, de por enriba da mesa aquelas reflexións mais necesarias. Non importa que os destinatarios sexan cativos porque coa maxia das palabras eles son quen de comprender o que se agacha en cada recunchiño das historias contadas. Daquela nada mellor que compartir este día da Paz lendo un conto, e mellor que mellor se quen nolo conta son os nosos propios compañeiros, aqueles cos que hai nadiña compartiamos patio e aprendizaxes. Os nenos e nenas de Primeiro animáronse a se-los protagonistas desta xornada lendo para todos nós o conto "Vicentiño e as árbores da Paz". Foi unha maravillosa sorpresa para todos e sobre todo para os irmáns pequenos e abofé que o fixeron fenomenal.

Despois compartiron con todos tamén un tempo de manualidades, de colaborar nun obxectivo común. Deu gusto ver como a diferencia de idades desaparecía e as clases estaban cheas de compañeiros grandes e pequenos que xuntaban o seu traballo e o seu goce para facer xuntos ao personaxe principal do conto, o paxariño Vicentiño, un paxaro do río Miño.

Deixámosvos as fotos da sesión de contacontos na biblioteca e do obradoiro que compartiron os nenos e nenas de Primeiro nas clases de 3, 4 e 5 anos.



O DIA DA PAZ

 Un ano mais chegou o 30 de Xaneiro, o Día da Paz. Nas aulas tiñamos un encargo moi especial dos mouchiños...abondar sobre o significado das fronteiras,  terribel verba hoxendía. Menos mal que para nós, metidos de cheo nas tranquilas augas do río Miño, tratábase dunha fronteira moi especial. Daquela durante os días previos á data estivemos a pescudar un pouquiño nas poboacións  miñotas fronteirizas e fixémolo ademais coas parellas dunha e doutra beira do río Polas aulas desfilaron A garda e Caminha, Goián e Vilanova de cerveira, Tui e Valença, Salvaterra e Monçao e mais Arbo e Melgaço. Da man dun fermoso documental e outros recursos, como as novas dos xornais, botamos a ollada cara atrás, facendo un pouquiño de historia. Pero sobre todo demos pasos cara adiante, cara o presente cheo de vencellos entre Galicia e Portugal. Reflexionamos sobre  o que nos une...as pontes, a paisaxe, a lingua, a cultura, e quixemos encher as beiras do Miño  coas nosas mans e os mellores desexos de paz. 
Coma a paz , que se vai construindo granciño a granciño, o noso mural ainda está por rematar. A súa construcción vaise prolongar un pouquiño no tempo. Ainda hai cousiñas dos dous países sobre as que temos que volver.  O noso traballo sobre o río vai seguir moi presente neste e no vindeiro trimestres.