domingo, 30 de abril de 2023

SEGUEN AS VISITAS DE AUTORES

 O venres 21 de abril e mailo luns 24 visitaron a nosa biblioteca os autores Sabela Fernández Trelles e Xabier Domínguez. Estas visitas  poñen fin a un longo traballo lector que abrangue dende principio de curso ata este treceiro trimestre e mes do libro no que a xuntanza coas persoas que pensaron e deron forma ás historias ofrécenos unha nova perspectiva da lectura.

Sabela é a autora  do libro  O ladrón de soños lido este curso polos nenos e nenas de 1 º e 2º.



Xabier é co-autor, canda Alba de Evan Freijedo, do libro Maxia de pedra lido polos rapaces de 5º e 6º. Ao mesmo que con María Canosa todos gozaron coñecendo os escritores e compartindo con eles anécdotas, faceres e emocións arredor destes e doutros libros.





venres, 28 de abril de 2023

MARCALIBROS EN INFANTIL PARA O DÍA DO LIBRO

 Os nenos de infantil fixeron para non perder o fío das súas lecturas uns estupendos marcalibros personalizados para celebrar tamén  o mes do libro.






luns, 24 de abril de 2023

SUXESTIÓNS LECTORAS NA RADIO

Neste mes do libro continuan as suxestións lectoras, desta volta na radio. Os nenos e nenas de 4º de primaria veñen de gravar o seu primeiro programa de radio neste curso facéndonos chegar os libros que lles parecen interesantes para todos. Grazas polas vosas suxestións! É tempo de escoitalas e poñernos a ler.






domingo, 23 de abril de 2023

23 DE ABRIL: DÍA DO LIBRO

 Nas bibliotecas lemos e animamos á lectura todo o ano, pero neste mes de abril as lecturas vívense coma algo especial. Neste mes acollemos as visitas de escritoras e escritores á nosa biblioteca, como xa sucedeu con María Canosa e Sabela Fernández. Este luns é a quenda dos autores de Maxia de pedra e os alumnos de 5º e 6º. Ao tempo sucédense os contacontos no recreo e mailos préstamos, a lectura oral e teatral, a lectura poética e a de ficción, a literaria e a documental. Estamos enganchados nunha xeira de relatos orais e escritos en distintos formatos e medios.  

O noso libro do mes Cando leo de Eva Mejuto e o noso novo cartel que da luz á biblio serán protagonistas nestas xornadas que se abren paso coa chuvia e o sol de primavera.

E aí xa vén Padriños lectores para facernos disfrutar desta festa da lectura.

Este ano 2023 o cartel e a mensaxe oficial desta xornada lectora foi escrito por Montse Pena Presas no que reivindica, coma nós no noso PDI artes de pesca sostible, esas que cando lanzas a cana ou os palangres son quen de pescar boas lecturas e lectores.





xoves, 20 de abril de 2023

ANIMACIÓN LECTORA FEITA POLOS NENOS


O gato lambón vén de sé-lo escollido para a animación lectora desta semana.  Marisa Nuñez, Patacrúa, protagonista canda Eva Mejuto do Día das escritoras deste curso, segue a alumear coas súas creacións as nosas xeiras lectoras. Candela, Lara e Daniela de 4º de primaria ofreceron o xoves e o venres no contacontos do recreo e nas horas de ler varias representacións da súa dramatización deste conto. Os visitantes da biblio e mailos nenos e nenas de infantil, primeiro e segundo  gozarón un mundo con elas. 



SEGUEN AS EXPERIENCIAS NA RADIO


 Mentres os pequenos de 3 e 4 anos seguen traballando a expresión oral e a comunicación nos dous programas que teñen abertos na nosa radio escolar, os compañeiros de quinto están a preparar o seu propio programa. A lectura dos cómics que realizaron na clase de lingua sobre os problemas do planeta é o contido das súas lerias radiofónicas. En canto rematen de montar poderemos escoitalo.









xoves, 13 de abril de 2023

MARÍA CANOSA NO MES DO LIBRO

 A escritora María Canosa foi a primeira autora en chegar ata a nosa biblioteca neste mes de abril, tan significativo para os libros e os lectores. Os nenos de 3º 3 4º tiveron a sorte de coñecela e falar con ela despois de ler o seu libro Cazadora de estrelas. No blog fonte dos frades tedes a crónica da visita e do interesante que falar con ela dos libros e da escritura literaria. Agardamos xa con ilusión as súas futuras visitas e as das outras autoras que tamén van vir nos vindeiros días.

PODEDES VELO AQUÍ

martes, 4 de abril de 2023

COMEZA O MES DO LIBRO

 "En abril, augas mil" e no mes do libro celebracións e contos mil e un. A nosa biblioteca funciona e anima a lectura todo o ano, pero na primavera florece especialmente coas visitas de autores e as propostas lectoras de abril e maio. O mes do libro e o mes das Letras Galegas enchen e dan forma as actividades lectoras e escritoras nunha longa tempada.

O Día internacional do Libro infantil é a primeira parada deste mes. Co gallo do aniversario de Hans Christian Andersen, o IBBY promove a lectura do libro infantil. Este ano son os gregos os encargados da mensaxe e da ilustración.




domingo, 2 de abril de 2023

DÍA DOS BOSQUES E DA ÁRBORE AO LONGO DO MES.

 Infantil celebrou o día da árbore plantando o castiñeiro que vimos coidando dende hai un ano. A nosa arboriña medrou xa o suficiente para ocupar un espazo no noso xardín. Non o dubidamos, procuramos un sitio para ela e puxémonos cos sachiños a facer un gran burato para plantala.





Ademais neste curso xerminamos sementes de maceira, aguacates e chibilis que xa estaban preparados, case todos,  para viaxar as nosas casas. Os que aínda son moi pequenos quedaron na aula para non perderlle a pista. Fomos todos coas arboriñas moi ledos e agardamos que na casa sigamos a darlle bos coidados.

Coma este 21 de marzo tamén era o día da Poesía os de 4 anos inventaron, mentres plantabamos o castiñeiro no xardín, un poemiña contando a nosa experiencia. Sementamos ao tempo poesía e árbores.

POEMIÑA 1,2,,4 TEMOS ARBORIÑA XA!

Os contos que todos estes días estivemos a ler e algún que lemos especialmente para esta xornada completaron a celebración. Ademais quixemos gravar na radio as nosas lerias deste día.

En canto deixou de chover foron os nenos de 5º e 6º os que puideron gozar desta celebración camiñando ata os montes de Santo André e poñendo os seus granciños de solidariedade para previr o desastre dos lumes. Podedes velos aquí.


A RADIO PONSE EN MARCHA

 


Dende o mes de marzo temos en funcionamento a nosa nova radio escolar. As profes estamos xa a formarnos nas aplicacións educativas desta tecnoloxía de sempre e os peques máis atrevidos están facendo as súas primeiras probas. Non é a primeira vez que a radio aterriza nos nosos proxectos do cole. O pasado curso, e cunha radio de prestado, pequenos e maiores gravaron diversos podcast dentro do PDI "Pedra a pedra. As orixes da Ciencia". 

Gustounos tanto a experiencia que decidimos ter unha radio para nós. Témola xa instalada dentro dun dos espazos do 1º andar. Vimos de crear unha canle propia en IVOOX,   Canal radio camilo 22-23, dende o que lanzaremos ó aire as cousas que  nos apetece contarvos e diversas experiencias de aprendizaxe que vaiamos levando adiante. Queremos que cada neno e nena conte as súas cousas e todos sexan autónomos no seu manexo e no deseño dos programas. Paso a paso, o primeiro é aprender a falar nun micrófono... e nesa andaina estamos xa mergullados!. Podedes escoitar xa os primeiros faladoiros dos pequenos de 3 e 4 anos.