Tiñamos previsto facer un obradoiro de luces e sombras dentro do traballo do noso PDI, pero o tempo non acompañou nalgunhas actividades que tiñamos preparadas. Si que puidemos, nas derradeiras semanas de curso, xogar un pouquiño coas sombras e divertirnos estudando como cambian.
martes, 28 de xuño de 2022
sábado, 25 de xuño de 2022
OS DE 3 ANOS PRESENTAN MESOPOTAMIA
Ós máis pequenos tocounos traballar sobre Mesopotamia. Despois de moito traballo e pescudas, e coa axuda dun trasno moi especial que vive na nosa aula, conseguimos aprender moitas cousas para poder contárvolas. Aquí tedes o noso traballo.
venres, 24 de xuño de 2022
POESÍA ROBÓTICA: A CABALO ENTRE A POESÍA E AS PROPOSTAS STEM
Os nenos e nenas de 6.º de primaria participaron na proposta do PDI xuntando poesía e tecnoloxía. Construíron, facendo os seus cálculos matemáticos, dous grandes taboleiros para o robot nos que foron ilustrando as diferentes celas cos versos de dous poemas de Antón García Teijeiro. Cando todo estivo rematado, puideron ler roboticamente o poema dándolle as ordes precisas. Toda unha experiencia de lectura diferente!
xoves, 23 de xuño de 2022
PADRIÑOS E MADRIÑAS LECTORES
Despois de dous cursos sen podermos celebrar esta preciosa actividade e despois de darlle voltas á data por ver que o tempo acompañase, quedou para a mañá de fin de curso esta sesión de padriños e madriñas lectoras. Era a nosa derradeira actividade de biblioteca antes de lanzármonos a festa de remate das clases.
Dende días antes estivemos cos preparativos: coñece-los nosos padriños, madriñas, afillados e afilladas, preparar pequenos agasallos para eles, escoller os contos e practicar lectura dramatizada...
Chegado o día, a chuvia foi a nosa compañeira. O sol non quixo saír a enxoita-la herba e non puidemos gozar lendo no marabilloso xardín que temos. Houbemos de quedar todos no patio cuberto, onde si que puidemos escoita-lo murmurio de mil e unha lecturas simultáneas.
mércores, 22 de xuño de 2022
GRADUACIÓN "LITERARIA" EN 6.º DE PRIMARIA
Os nenos e nenas de 6.º de primaria despídense dunha longa e feliz etapa no noso cole. Na súa festa de graduación, celebrada este pasado martes, acompañaron as palabras coas que quixeron lembrar o camiño percorrido coa lectura do precioso conto No te vayas da autora Gabriela Keselman, ilustrado en tamaño grande por unha das nosas exalumnas, que ampliou os debuxos ideados pola ilustradora Gabriela Rubio.
Ogallá que na vosa nova etapa gocedes e aprendades tanto como nesta que deixades atrás. Agardamos xa a vosa visita!
domingo, 19 de xuño de 2022
XORNAL ESCOLAR "DON MOUCHO"
Publicamos o noso xornal Don Moucho. Non queremos, nun novo final de curso, faltar á tradición.
XOGO INTERACTIVO "QUEN É QUEN"
Xa está dispoñible o xogo interactivo Quen é quen, elaborado co material feito polas aulas no Día da Muller en marzo (os carteis de mulleres invisibles) e co preparado agora, neste trimestre (as biografías de científicos da historia feitas para o noso xornal Don Moucho).
Xa podemos aproveitar para seguir a aprender e a xogar coa ciencia!! Dentro do xogo hai ligazóns ás presentacións elaboradas pola biblio cos carteis de científicos e científicas.
Agardamos que vos guste.
sábado, 18 de xuño de 2022
5 ANOS PRESENTA... EXIPTO
Aínda que xa nolo contaron no podcast e xa estamos desfrutando no cole coa súa participación no libro do PDI e nas biografías de científicos, agora podemos seguir atentamente todo o que deu de si o proxecto elaborado e vivido sobre o antigo Exipto.
xoves, 16 de xuño de 2022
GOZANDO COA MÚSICA
No día de onte, fomos todo infantil, 1.º e 2.º de primaria, en varias quendas, á biblioteca para desfrutar cunha actividade de música. O profe Daniel González Troncoso achegouse ó noso cole para presentarnos, co axuda do conto Las clases de tuba, como xoga coas notas este instrumento. Encantounos esta experiencia; da súa man non perdemos detalle, e en canto nos invitaron, non paramos de bailar! Grazas, profe!
INFANTIL
domingo, 12 de xuño de 2022
2.ª parte do PDI "PEDRA A PEDRA: UNHA OLLADA ÁS ORIXES DA CIENCIA"
As nosas pescudas documentais sobre a historia da ciencia rematan este trimestre co noso libro colaborativo sobre a historia da ciencia, sobre como cada civilización e cada época foron poñendo os alicerces da ciencia moderna. Tamén no xornal que sairá na fin de curso atoparedes outra parte do que se traballou nas aulas. Ao longo dos tres trimestres, coñecemos culturas, fitos, homes e mulleres que matinaron en facer o mundo máis noso. Nesta andaina todo nos valeu, o que se amosou equivocado e o que foi acertado dende un principio. Con todo iso fomos quen de construír unha base forte para a ciencia de hoxe en día, que como se amosou nas pescudas para achar unha vacina eficiente na presente pandemia, é unha ferramenta moi poderosa para entender o mundo e avanzar sorteando os atrancos atopados.
Esta semana sairá do prelo (en papel) este traballo noso que quedará, coma outros que se fixeron en cursos pasados, a dispor das vindeiras xeracións de alumnos. Dentro da nosa biblioteca, faranos formar parte da historia do noso cole. Cando estea imprimido, presentarémolo. Mentres, desfrutade da versión dixital!
4 ANOS PRESENTA A PREHISTORIA