sábado, 31 de maio de 2014

DERRADEIRO XOVES DE AVENTURAS NA BIBLIOTECA

Este xoves 29 de maio puxemos o punto final por este curso á rolda dos xoves de aventura nos recreos. O remate puxérono dúas nenas de 3º de Primaria que leron o conto "Pilú, Pilú" acompañadas dun público entusiasta e unha morea de crocodilos "agachados" na lagoa para non nos dar moito medo. A posta en escea, como en ocasións anteriores, foi preparada pola profe do equipo de biblioteca que dirixe está actividade e estivo  acorde co espíritu de fin de festa lectora. Deixámosvos aquí as ultimas fotos destas sesións por este curso e desexámosvos vervos na biblioteca tamén o curso vindeiro.















xoves, 29 de maio de 2014

A CABAZA SALVADORA. O NOSO CONTO

Despois de andar todo o curso pescudando sobre a nosa horta e sobre o cultivo, as propiedades e os  usos da cabaza, ocorréusenos unha pequena historia cunha morea de personaxes un pouco particulares pero moi saborosos. Así os nenos e nenas de 1º convertémonos por uns días en escritores e ilustradores dun pequeno conto cunha incrible protagonista…


A cabaza salvadora from camilo on Vimeo.

martes, 27 de maio de 2014

CONTARTE: EUROPA Á CARTA

 “Europa á carta” foi o obradoiro gastronómico-literario que fixeron  os alumnos de 5º e 6º de primaria, dentro do proxecto  “Cociña de Contos”

Do bacalláu à bras (Portugal) ao pierogy(Polonia), da panna cotta(Italia) aos crêpres(Francia), o gulasz(Polonia) ao arroz con leite (España)... centos de variedades de queixos e embutidos... Europa presenta unha ampla e variada oferta gastronómica en todos e cada un dos seus países.
Coa finalidade de dar conta desta riqueza, neste obradoiro, realizamos unha viaxe virtual pola gastronomía de cinco  países da Unión Europea (España, Portugal, Francia, Italia e Polonia), empregando imaxes proxectadas, mapas e fotografías de comidas e alimentos, observando os diferentes  ingredientes, pratos típicos, condimentos e, sobre todo,  reflexionamos sobre a importancia da gastronomía como aspecto de identidade propia de cada cultura.
Ao culminar a viaxe, realizamos unha actividade por equipos, de composición artística a partir dos pratos e ingredientes que coñecimos na ruta.
Dentro de cinco potas atopábanse imaxes cos pratos e nomes no idioma correspondente  para a elaboración dun menú de restaurante. Cada equipo creamos dous pratos e postre. Puxemos un nome ao noso establecemento e decoramos a carta de presentación. Aproveitamos para repasar as capitais e bandeiras europeas e algún monumento importante do país elexido.
 Todos os menús tiñan moi bo aspecto. O obradoiro abriunos o apetito e non  nós chegaba a hora para tomar o tentempé do recreo.

Ademais de divertirnos recibimos unha Despensa de contos, unha  biblioteca gastro-literaria que incluía libros en catro idiomas.

luns, 26 de maio de 2014

O MOUCHO DO MES DE MAIO


Aos nenos de 5 anos A tocounos facer o moucho do mes de maio para a biblioteca. Decidiuse por maioría que este mes tiña que ser unha femia e tamén pensamos que como maio é o mes das flores, había que poñerlle un bonito vestido de flores de distintos tamaños e cores. Fixemos o boceto e logo a traballar! Os ollos, o pico, as pestanas, as ás… O pelo foi decisión de última hora, e medir e cortar a lá é difícil! Gústavos?

domingo, 25 de maio de 2014

OUTRO CONTACONTOS NOS XOVES DE AVENTURAS

Os nenos e nenas de 2º de Primaria seguen a ler contos para os seus compañeiros. Desta volta foron Ariadna e Ainhoa quen leron os contos "Kiwi" e "Os Petos de Loreto". Aquí vos deixamos as fotos.











xoves, 22 de maio de 2014

SEGUEMOS A ACHEGARVOS O PROXECTO NIMBOS

Desta volta imos traer ata o blog dous poemas do proxecto porque vai quedando pouco tempo, ... acabásenos o curso!

ALFA I OMEGA
Foi o comezo do tempo un berro de sede dende a lus.
A vocación do mundo é subir antre cadabres por un camiño de sede e lusquefús.
A espranza do mundo é o amor consumido de sede na consumación da crus.
A fin suprema do tempo é un estalido de groria na lus.




NO RESPLENDOR DO DÍA

Quero morrer de música nunha tarde de pinos
sIn sentir o martelo dun recordó no sangue,
e caere amodiño na sombra como a lúa
enterra as súas cornas tras de Arxán.

Que o sol siga o seu rego deica o mesmo cadullo,
a derradeira rella do tempo en carne viva,
que os paxaros non calen no oco quente da tarde,
que non paren os bois de remoer.

Que o meu carro se entorne cheo de lume e sono
sin axotar as troitas nin as alas dormidas,
e que a Deus me encomenden os ventos vagabundos,
as lebres que se riron do meu can,

os camiños que andiven i as álbores con niños,
os ollos, inda cheos da lus de Deus, dos nenos,
as vozes escondidas que teman deste mundo,
as bágoas puras que non ve ninguén,

namentras en falopas cái a imaxe do mundo
i as voces son adeuses de xente non peirao
i eu estrela da noite que se perde no día,
no resplendor do día que busquéi.

DE NOVO LEN OS PEQUENOS

Está claro que, cando os maiores abren camiño co seu bo facer, algo se move nos corazóns de tódolos  que escoitan os contos. Daquela un xoves maís son os "pequenos"de 2º de Primaria os que quixeron ler un conto, mellor dito dous, ós seus compañeiros. Velaiquí os tedes..."O peixe" e "O paxaro" foron os contos que leron.














martes, 20 de maio de 2014

UNHA VISITA INESPERADA

Os alumnos de 1º e 2º recibimos, o luns día 12 de maio, unha visita moi especial na biblioteca do cole. Sabiamos que alguén agardaba por nós, pero co que non contabamos era con aquela estupenda contadora de historias e coa súa maleta chea de contos,  xunto a unha mesa preparada para converternos por uns intres en expertos cociñeiros. Todas as historias que escoitamos falaban de alimentos importantes para a nosa dieta porque todos eran “Contos a pedir de boca”. Que fame!
Deixamos as fotos da actividade e do traballo posterior na aula. Esperamos que vos gusten…

domingo, 11 de maio de 2014

EN MAIO CONTINUA O PROGRAMA "HOXE LE..."

Tanto éxito ten o programa "Hoxe le..." que ten lugar nos recreos dos xoves dende o pasado outono (Xoves de outono,  Xoves de aventuras) - ata agora protagonizado polos nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria-, que os compañeiros doutros cursos xa cansaron de esperar  a ser maiores e empezan a querer ler tamén eles.
Este pasado xoves foron dúas nenas de 2º de Primaria, Irene e Inés, as encargadas de lernos dous contos "Para nada sucias" e "999 ranas" e fixérono moi ben. Aqui tedes as fotos.

















SEGUEMOS A CANTAR

Temos a mañá cantareira e imos cantar tamén co gallo do Proxecto "Froita na escola" que se aveciña. Veño de atopar na biblio do CEIP Apóstolo Santiago ese divertido video feito polos nenos dun cole de Cataluña.


CANTANDO TAMÉN APRENDEMOS

Cantando, cantando tamén nos achegamos ao escritor protagonista das nosas Letras. Eso foi o que de seguro pensou Paco Nogueiras Nodar ao compoñer esta canción.

luns, 5 de maio de 2014

NOVO POEMA DE DIAZ CASTRO FEITO CINE CO PROXECTO NIMBOS

Presentamos un novo poema convertido en imaxe dentro do proxecto Nimbos. 
Deixámosvos a letra e mailas imaxes . 


COVA ALUMADA

Cruel, cruel, cruel
realidade! Ai láio
sobro escombro dun sono
que non se erguerá máis!

Praló do mundo, un sol
sin noite nin hestória
busca a ruína esquencida
i énchea toda de grória.

"Nimbos", Xosé María Díaz Castro.
Poema reproducido da edición bilingüe publicada en 1982 por Editora Nacional, con supervisión e tradución ao castelán do autor

Tamén o enlace a anterior entrada para que a lembredes

O MOUCHO DO MES DE ABRIL DESPÍDESE

Con moitos contratempos por mor da mudanza que tivemos que facer ao colocarse ventás e persianas novas na bilblioteca,  despídese o moucho do mes de abril, unha orixinal proposta dos nenos e nenas de 5º de Primaria. O seu nome...Metalmoucho. Agoriña ides ver o motivo.



Amosámovolo no conxunto de mouchiños, ainda que agora xa non van quedar así.