Amosando publicacións coa etiqueta monte vivo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta monte vivo. Amosar todas as publicacións

xoves, 9 de maio de 2024

CORAZÓNS TAMÉN NAS ÁRBORES DOS MAIORES

 Moitos aproveitamos o Día da árbore o pasado 21 de marzo para poñer os corazóns nas árbores que apadriñamos. Como xa vos contamos infantil de 3 escolleu a moreira,  a nosa árbore querida; infantil de 4 o castiñeiro, co que tanto traballamos. Os de 5 quixeron un para cada un porque total son moitísimas as árbores do patio e vai abondar pra todos. Daquela escolleron a tuia, o ciprés, o acivro, o pradairo e mailo liquidámbar. Os de 1º escolleron a camelia; os de 2º, a laranxeira; 3º quixo os dous  marmeleiros. 4º o antigo magnolio. So quedaban por apadriñar as oliveiras e a árbore das bruxas. Xa sabiamos que eles, os de 5º e 6º, estaban traballando e investigando moito e que non lles daba o tempo para sair ó patio. Á volta das vacacións, o principio do trimestre, colocaron cadanseus corazóns a agora xa estamos completos.









luns, 6 de maio de 2024

COLOCAMOS CARTEIS NAS NOSAS ÁRBORES

 Todo este tempo atrás no trimestre, levamos traballando nun obradoiro de feitura dos carteis para as árbores do noso patio dentro do PDI. Ademais de observar e pescudar as distintas especies, facer xogos para descubrir o seu nome propio e o científico, apadriñar cada aula a/ás que máis nos gustaban, gozar lendo e xogando ó seu carón,...e moitas cousas máis, chegou o momento de poñer os nomes nun cartel que nos dure moito tempo e nos faga lembrar o traballo que fixemos entre todos. Dito e feito.

Puxemos un anuncio da biblio e enseguidiña houbo unha listaxe de voluntarios dispostos a traballar.

Foron os nenos de 5 os encargados de pasar a lixa e poñer a punto as taboiñas para poder preparalas para o exterior e barnizalas. Con moito xeito fixeron de carpinteiros, ainda que o barniz tivéronllo que deixar ós adultos. 



Un grupiño de voluntarias de 3º e 4º e algunha de 1º rotularon os nomes, puxeron as cordas e listo... só quedaba colgar cada un no seu lugar. Ainda estamos nese traballo, no que moitas aulas participan, pero xa podemos amosarvos como está quedando todo.










Mirade aquí algunhas das árbores co seu cartel!





martes, 26 de marzo de 2024

DÍA DA ÁRBORE

 O 21 de marzo é un día sinalado no noso calendario de aula e máis neste curso no que estamos mergullados nun PDI arredor dos bosques e os seus ecosistemas. O mellor desta celebración foi facer coincidir o día cunha das plantacións nos nosos montes de Comesaña. Para os pequenos e 1º de primaria foi todo un acontecemento festivo. 
Pero foron moitas máis as actividades programadas para este día tan especial.

Unha delas aproveitar o bo día pra emocionarnos e redescubrir o noso xardín-bosque anotando os cambios que trae a primavera. Outra rematar a visibilización do proceso de apadriñamento das árbores. Cada aula escolleu xa no primeiro trimestre unha ou varias árbores do patio sobre as que facer o traballo experiencial e de documentación sobre o tema do PDI. Esa escolla podemos vela polo de agora nos corazóns que xa ocupan o patio e penduran das nosas árbores. A todos eles súmanse a oliveira de 5º e a árbore das bruxas de 6º, que aínda non lucen o corazón, pero pronto o terán.


A outra actividade de visibilización é continuar coa feitura nas escaleiras do bosque de árbores autóctonas galegas.  Este trimestre tocoulle á oliveira (protagonista do Día da paz), ó loureiro e mailo teixo. Todas estas árbores galegas forman parte do bosque-xardín do Párroco e acompañan a nosa vida na escola día a día. Tamén puidemos gozar delas (castiñeiros, cipreses, loureiros, camelios, oliveiras,..) localizando as palabras que lle adicou Rosalía, a de castro, homenaxeada no día do seu aniversario.

So algúns cursos puideron colorar e coloca-las folliñas no seu sitio; os que restan colocaranas na primeira semana de abril.