Son tantas as celebracións ás que paga a pena achegarse que non nos chegaría o tempo para máis nada. Xa que logo, decidimos xuntar neste día outras dúas citas tamén relacionadas.
Celebramos o Día dos Museos facendo un museo de noso. Xa estamos a preparar as salas nas que presentaremos o que deu de si este curso no desenvolvemento do PDI que estamos levando adiante. Tamén faremos as nosas propias instalacións na aula e na mesa de luz xogando cos blops, uns pequenos bichiños que escaparon do libro Son un Blop, de Hervé Tullet, e coñeceremos, a través de diversas propostas, as dúas figuras que protagonizan o Día da Ilustración e o Día das Artes Galegas: Reimundo Patiño e Laxeiro.