sábado, 24 de decembro de 2022

UNHA VISITA MOI ESPECIAL

 As fotos e as cariñas xa falan dos intres de emoción que pasamos o xoves no cole para despedirmos o trimestre e recibi-lo Nadal. Daquela só queda que gocedes co vídeo que montamos e agradecer a tódalas familias esta e tódalas cousas nas que participades e colaborades. 

Bo Nadal e feliz Aninovo!




domingo, 18 de decembro de 2022

A NOSA ÁRBORE DE NADAL

 Xa está rematada a nosa árbore mentres seguen a encherse os recunchos reservados aos homiños e ós traballiños de reciclaxe que veñen das aulas. 

Imos amosarvos como quedou esta árbore de reciclaxe. Cada aula fixo a súa persoal paisaxe de Nadal empregando tamén elementos reciclados ou reutilizados. Toda a decoración que a acompaña está coma sempre feita polos nenos e nenas. 

Todos estamos participando tamén na exposición aberta con moitas das cousiñas feitas nas aulas e os homiños que envían as familias. Cada día podemos ver cousiñas novas, ademais dos traballiños que adornan as aulas.

Deixámosvos a foto da árbore e esta dos primeiros días da exposición, aínda que agora xa está moito máis cheiña de cousas!.







NOVA RECEITA DE NADAL

 Noa e Xián metéronse na cociña e fixeron unha riquísimas galletas de Nadal. Ademais das fotos enviaronnos unha estupenda explicación de todo o proceso. Coido que seguindo as súas indicacións seremos quen de facelas tan ricas como semellan estar as súas.








xoves, 8 de decembro de 2022

PRIMEIRA SOBREMESA DE NADAL

 Xa estamos metidos na cociña para atender a petición de cociña creativa de Nadal! A primeira receita chega dende Aldara de 1º de primaria, riquísimas galletas de follado con chocolate.




Ingredientes:

Lámina de follado

Chocolate

Moldes

Ovo para pintar(opcional) 


martes, 6 de decembro de 2022

ARRANCA A DECORACIÓN DE NADAL COAS AULAS E FAMILIAS

 Xa chegou o mes de decembro e o Nadal está no aire e nas luces da nosa cidade. No cole temos cáseque todo preparado. A actividade nas aulas é frenética. Nas familias tamén comezan os preparativos. Sara de 3 anos é a primeira en enviarnos o seu homiño.


E os nosos corredores xa se están a preparar para dar acubillo á exposición de Nadal e a nosa árbore colaborativa...e seica nos agarda tamén algunha sorpresiña máis.





domingo, 4 de decembro de 2022

...E PODEMOS COCIÑAR EN FAMILIA?

 Neste nadal podemos cociñar en familia! Esta proposta está aberta dende agora ata o final das vacacións. Daquela non fai falta apurarse. Os días de Nadal son un bo intre para xuntarnos na cociña e iniciar ós vosos nenos e nenas  nas sobremesas de nadal. 

Tamén podedes enviar a proba á merendola de Nadal da vosa aula. Consultade coa vosa profe!.



xoves, 1 de decembro de 2022

PETICIÓN AS FAMILIAS NO NADAL






 Descargade aquí o homiño 

Decorade o homiño como desexedes e enviádeo ao cole. Pasará a formar parte da decoración de Nadal, compartindo con todos vós a ledicia destas festas. Tamén podedes enviarnos a foto e publicáremola.

NOVO CONTACONTOS NA BIBLIOTECA

 


Malena ballena foi a proposta lectora que Lucía e Alexandra de 6º contaron na biblio o pasado xoves, ás portas da celebración do Día da discapacidade.  Este conto fala da superación e da autoestima, dos sentementos dos que sofren  mocas ou mofas polo seu aspecto ou capacidade. A historia de Malena é a historia dos que se senten distintos e ós que temos que incluir, valorar e respectar...porque todos somos diferentes e ao mesmo tempo iguais.






venres, 25 de novembro de 2022

UN MAR DE CONTOS, TRABALLANDO POLA NON VIOLENCIA CONTRA A MULLER

 Educar na igualdade é a mellor aportación que podemos facer dende as nosas aulas. A proposta deste curso ía da man dos clásicos; no noso caso, o conto de Brancaneves. 

Brancaneves e os 77 ananiños dálle a historia unha especial reviravolta facendo subir cara a superficie eses estereotipos que moitas veces aínda non temos abandonado. Sobre todos eles íamos falar nas aulas, ademais de ler este e outros contos sobre o tema, escollidos no noso expositor do "25 de novembro".




Tódalas  aulas quixemos  poñer o noso granciño, e seguiremos facéndoo, visibilizando e reflexionando sobre todo o que acontece coas mulleres, aínda que moitas non lembrásemos facer fotos.

Aquí deixamos algún exemplo do traballado nas aulas neste día. Esto non remata aqui. É unha loita de longa distancia que non podemos deixar abandonada
.
Os pequenos de infantil e 3 e 4 fixeron corazóns lilas e un marcalibros adicado a unha muller moi importante para todos, a nosa nai. Tamén gozaron da lectura do conto Rosa Caramelo e aproveitaron para comparar as peles e comprobar que todos somos iguais.





Na aula de 5 leron Brancaneves e os 77 ananiños.





Os nenos de 2º leron Arturo e Clementina. Leron, viron un vídeo, falaron sobre el e pensaron diferentes finais para o conto. Aproveitaron para falar sobre as cores azul e rosa e a súa imposición dende bebés, dos xoguetes que se anuncian para nenos ou nenas,... foi unha actividade que deu moito de sí.




Os nenos e nenas de 6º traballaron no deseño de carteis para visibilizar este día.



















Na biblioteca, o contacontos semanal acolleu O segredo de Flora lido por Thiago e Maira. Éste é un conto que intenta explicar como agroma a violencia nalgúns de nós e a importancia de aprender a xestionar esa emoción negativa. A violencia contra a muller ten moitos matices e causas que todos, nós e a sociedade temos que tratar e analizar para desbotala do noso día a día. Traballar as emocións negativas, comprender por que están aí, por que as expresamos contra as/os que coidamos máis débiles é un xeito de avanzar cara ese rexeitamento e normalizar a convivencia e a igualdade como únicos camiños.





.